Opinión

Unha solución tan singular como problemática

O acordo alcanzado entre o PSC e ERC a finais de xullo para crear un sistema de financiamento singular para Cataluña non é un ingrediente acaído para afrontar a reforma do sistema de financiamento autonómico. Como ficou claro na xornada organizada por Fedea o venres, a maioría de persoas expertas non cataláns vémolo con preocupación. A miña posición non mudou co paso dos meses.

A proposta é de natureza confederal. Persigue fortalecer o eido autonómico e debilitar a administración central ata un punto impropio dos sistemas federais: como xa ocorre nas comunidades forais, o goberno central perdería a súa capacidade tributaria e pasaría a ser dependente de pago de cotas polos gobernos autonómicos. A chave da caixa pasaría á Generalitat. Na medida na que Cataluña é un territorio cun nivel de renda e capacidade fiscal claramente por riba da media española, a operación podería saírlle economicamente a conta aos cataláns, a costa dos demais, entre outros, aos galegos, que temos unha capacidade fiscal lixeiramente por riba do 80% da media.

Entendo perfectamente que unha persoa galega que non se sinta española ou se sinta moito máis galega que española reivindique este camiño dos concertos tamén para Galicia. Entendo que estea disposta a perder miles de millóns de euros de recursos públicos a cambio de aumentar a súa autonomía.

Porén, a realidade é que as enquisas demostran que dous terzos da cidadanía galega sentímonos tan galegos como españois. Para esa ampla maioría as solucións federais encaixan mellor cos seus sentimentos e cos seu intereses. ¿Que significa iso?. En esencia, reformar e mellorar o modelo actual, sen perder a súa esencia. Voltemos á senda marcada no Libro branco que elaboramos no ano 2017 coas actualizacións que sexan precisas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents