Opinión | De bolina

Bussines First

Excéntrico e imprevisible. Velaí os dous cualificativos máis benignos cos que o pensamento progresista europeo —e aínda asemade determinada dereita «clásica»— adoita definir a figura do novo/vello/novo 47º presidente dos (case) todopoderosos Estados Unidos de América. Expresado sen anestesias: Donald Trump vén ser «negacionista do cambio climático», «partidario dun neofundamentalismo cristián», «militarista e expansionista belicoso», «xenófobo parafascista» e un etc., etc. a configuralo como un absoluto perigo para o devir socio-cultural, as liberdades democráticas e mais o futuro do planeta. De acordo, pois, con semellante deseño, temos a habitar agora mesmo na Casa Branca o que se di toda unha bomba de reloxaría. Xa que logo, que os deuses nos acollan. Agora ben: trátase dun retrato realista ou acaso están a proceder os autores con simpleza caricaturesca? Polo contrario. e como devecen e proclaman os seus parceiros, será quen D. Donald de «arranxalo todo»?

Comecemos por puntualizar que Mr. Trump non é —non no mundo real— un negacionista do cambio climático. E iso por algo ben sinxelo e comprobable: se en verdade o fose, por que, entón, o reiterado interese por facerse dono de Groenlandia? Cal o motivo da súa preocupación por controlar o Gran Norte? Non; o novo/vello/novo presidente e mais os seus coñecen dabondo que a banquisa polar adelgaza e que, en consecuencia, o océano devirá perfectamente navegable durante o verán co paso de non moitos anos. No leito mariño ártico atópanse, para alén de magnesio, níquel, chumbo, terras raras...o 25% das reservas mundiais de petróleo e gas natural. Traducido: as perspectivas de negocio amósanse excelentes, mesmo extraordinarias. Que como resultado dese proceder, e por exemplo, quedan asolagados os Países Baixos? Pois nada; felices que estarán en Ourense —considera D. Donald— de non teren que achegarse a Samil para acudiren á praia. Alegría así mesmo en Santiago de Compostela por contemplaren desde as torres do Obradoiro a liña dinámica dos novos peiraos atlánticos.

«Militarista e expansionista belicoso?». Tampouco necesariamente. O que de ningunha maneira significa, quid pro quo, que esteamos a falar, tal e como os seus adeptos aseveran, nun defensor da paz. Antes ben, coñecedor de que as forzas armadas norteamericanas constitúen un verdadeiro «dinosauro» a engulir, e sen demasiada compensación, miles de millóns de dólares, o seu proxecto consiste, dunha banda, en chegar a unha sorte de novo reparto de áreas de influencia —aranceis e rutas comerciais (eis o Canal de Panamá) previamente pactados e se non, iso si, xa veremos que pasa— con rusos e chineses. Doutro lado, o control de determinadas áreas díscolas quedará en mans —de feito, xa está a acontecer— de forzas moi especializadas e dirixidas por empresas privadas cuxos dirixentes, para maior providencia, forman así mesmo parte do goberno trumpista. E é que manter a paz, reconstruír países, a propia vida das persoas teñen, e como non habían?, todo un prezo. Un prezo ben caro.

Trump (para)fascista? Cabe coidar, máis ben, que o inefable mandatario se ve a si mesmo como unha sorte de novo Bonaparte, un zar de todas as Rusias, un emperador romano —e de aí a confluencia con Vladimir Putin e Xi Jinping— que considera a democracia liberal fenecida e enterrada (ata nunca Kamala Harris!). Un sistema caduco, pois, que inclúe legalismos estériles, a fantasía da división de poderes, parlamentos, burócratas e sindicatos parásitos, lobbis socio-culturais..., todo un conxunto de pequenas e medianas mafias a controlaren os resortes (e os orzamentos) do estado, e que tenta impedir o «patriótico» proxecto da propia, e gran, mafia «lexítima»: isto é, esoutra que el mesmo lidera, practicante dunha (suposta) democracia directa. Unha mafia, en fin, á que lle esborrexan —por expresalo con algunha fineza— Deus e mais os Mandamentos, mais para a cal os principios fundamentalistas, ben manipulados, aínda constitúen unha forza de choque na batalla cultural, capaz de acadar importantes beneficios.

«America First»: velaí a consigna, o lema, a palabra de orde do trumpismo. Os nosos progresistas —e aínda a dereita democrática— deberan entender que do aquí se trata é, máis ben, de «Bussines (americanos) First». Frank Costello, Adnan Kashoggi e Nerón xuntos: tres persoas distintas para un só Donald verdadeiro. Parafraseando aquela canción de José Afonso, «só não vê quem não tem vista».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents