Opinión | Retallos do labirinto

O Museo do Gravado de Artes, ao pé de Corrubedo, para enxergar o humanismo

Humanismo, desestacionalización, diversificación, tres cousas distintas: santísima trindade que debe conformar canto significa o turismo hoxe. Mantra no que insistir con teimosía, para evitar a masificación, a mercantilización, o desacougo que envorca na turismofobia. Viaxar é enxergar a riqueza do mundo, contrastar, enriquecer as bases do humanismo, da convivencia: saber o que significa a persoa, a súa sociedade, a paisaxe e a cultura como resposta. Desestacionalización é aprender do almanaque tradicional, mesmo do da Santa Madre Igrexa que reparte feiras, festas e romarías por todo o ano... E a diversificación, esa gran variedade de temas e motivos de sedución que inclúe a cultura: paisaxe, arte, historia, etnoloxía, deportes...E Galiza ofrece un universo aínda descoñecido, por iso apelidada “máxica”

O Museo do Gravado de Artes, ao pé de Corrubedo, para enxergar o humanismo

O Museo do Gravado de Artes, ao pé de Corrubedo, para enxergar o humanismo

E hai espazos que son antoloxía de Galiza, de canto vimos dicindo arriba, por exemplo as terras da Barbanza, todo o que rodea esa espiña ou lomba montesía, chantada entre os mares de dentro de Noia- Muros e o Mar de Arousa. Paisaxes nas que se asenta Noia, Porto do Son, Ribeira, a Pobra, Boiro e mesmo Rianxo. Pois que dicir de Noia, da súa historia, expresada nos seus igrexarios, adros, cemiterios, casonas brasonadas... dos seus artistas, músicos, singularidades na arte da pedra, as siglas, os cruceiros... dos saberes mariñeiros de Porto do Son, do castro de Baroña, da vida de Ramón Sampedro levada ao máis alto do cine por Amenabar...do ergueito curuto da Curota albiscando horizontes, dos singulares cruceiros con capela... de Corrubedo coas dunas, as lagoas de Carregal e Vixán. Que os mitos din asolagan á céltica e pecadora cidade de Valverde... o faro de Corrubedo de “ollar largasio...” Aguiño, a illa de Sálvora no horizonte... Ribeira, a Pobra coidando, entre brétemas, as sombras de Valle-Inclán... a beiramar de Brión, o Neixón... todo está a man, cómpre saber enxergalo... como a arpa das ritmas becquerianas que espera quen saiba tanxelas ... E haber hai.

Facemos entón parada na aldea de Outeiro, parroquia de San Xián de Artes, Ribeira, vellos camiños a Corrubedo, onde canto dicimos e máis agardan pola sensibilidade de quen queira mergullarse nesta encrucillada de camiños, os que tanto nos meten por prehistorias, historias, lendas, arte... mesmo véxase a colección etnolóxica, exemplarmente formada polos veciños desta aldea. Pois velaí tamén o Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, denominación que xa expresa moito. Institución nacida do saber, da positividade, da constancia e da paixón do barbanzónico noiés Xavier Expósito Paradela. Persoeiro con arelas radicadas nas querenzas do seu avó materno Daniel Paradela, ebanista, mestre no manexo da arte das gubias, luthier e músico de violín...saberes que prenden no neno, o que estuda nos maristas da Coruña, Ourense, para pasar a facer dereito en Barcelona. Sen deixar o sentir do pulo barbanzónico polo mar, sangue de Galiza, facendo cursos de case todo canto ten que ver coa mariñeiría, cos fletes, coa pesca, co dereito marítimo, sendo unha eminencia internacional no tema.

No seu andar polos Países Baixos, terra de artistas moi vinculados á imprenta e ao gravado, Javier Expósito detense en postos de libreiros, alfarrabistas (que din os portugueses) a esculcar entre feixes de estampas, folla a folla... remexe e atopa mapas, temas de paisaxes, urbanos, tipos, devocións, decoracións... renacentistas, da ilustración, románticos... regatea, compra, cavilando e artellando a base da colección. E detrás de cada lámina unha historia. Pescudas que desexa compartir, o contido para un continente que debe conservar, estudar, expoñer...educar nalgo sempre inacabado como é un museo, algo encamiñado de cara a perfeccionar o diálogo á través do universo da Arte, en busca da liberdade e da paz.

O Museo enriquece unha terra e un tempo: a cultura como antídoto contra a barbarie

O Museo do Gravado de Artes, dependente da Fundación Rural de Artes que o xestiona, encamiñados a canto implica a recolección, o estudo, exposición, conservación, arquivo... entre todo un aparato legal que garanta o seu perdurar. E, no camiño da xestión vanse poñendo as bases. Velaí as Ordes da Xunta de Galicia do 18 de xullo e 30 de xullo de 2001, publicadas que clasifican tal Institución como de Interese Cultural Galego

Javier Expósito coida de xeito fundamental canto significa a museoloxía, que é a xestión, a constancia, a paciencia, o saber seducir, convencer, atraer a unha causa que é de sempre, a base da cultura como resposta, antídoto ante a idiotez e tanta deshumanización. E nese camiño de buscas atopa paisaxes e paisanaxes onde ir poñendo bases a algo, repetimos, inacabado, un Museo. Alcalde, Deputación, Dirección Xeral de Turismo entenden a cuestión, facilitan burocracias a un traballo que supón entregar tempo en corredores e despachos.

Despois dun, incluso breve, proceso de intervención na aldea , baixo proxecto do arquitecto Julián Morenas Aydillo, no 1999 comezan as obras para a rehabilitación e revitalización de espazos para acoller o devandito museo, que abrirá as súas portas o 21 de xuño do 2001. Continente axeitado para os seus fins, acoller, entre exposición e fondos en reserva máis de 40.000 estampas e de 8.000 libros en diferentes idiomas, 5.000 deles ilustrados, máis mimado do coleccionista, sabendo que moitos gravados do mercado proceden, descontextualizados, desa unidade que é o libro ilustrado. Obras que van dende os inicios da imprenta con Gutemberg, sv. XV até os nosos días. Colección clasificada por escolas: española, francesa, alemá, italiana, flamenca... e como non galega, país moi dedicado a propagar devocións, santuarios, peregrinacións, paisaxes...Pensemos ademais nos grandes mestres gravadores do sc. XX, Castro Gil , Prieto Nespereira...até Luis Seoane e Díaz Pardo, as tentativas dos Álvarez Blázquez coa Serigrafía Gallega, o grandioso esforzo de Jesús Nuñez, entregando a súa casa , a que foi a Banca Nuñez de Betanzos, arquitectura de Gómez Román, para, dende 1997 ser o Centro Internacional da Estampa e do Gravado. Exemplares museos de actores, que mostran e experimentan as técnicas clásicas do gravado: xilografía, litografía, linoleografía, augaforte, augatinta, punta seca, serigrafía... até as novas pescudas dixitais. Arte da estampación sobre a que Filgueira Valverde, a través do Museo de Pontevedra, preocupouse de formar colección, así como na Coruña Martinez Barbeito, esta repartida entre a Fundación Barrié (mapas, temas de Galicia...) e o Arquivo Municipal (mapas e temas coruñeses)... Coleccionismo que en Galicia ten significados seguidores, onde son referente as obras Durero, Rubens, Van Dyck, Piranessi, Callot, Goya, ambos os dous con grandes influencias en Galiza polas súas mensaxe sociais... Dalí, Picasso, Ricardo Baroja...e como non, os galegos, Lugrís, Granell, Novoa, Ayaso, Jorge Castillo, Virxilio, Facal, Antón Costas... o gravado portugués, sen faltar na colección do Museo de Artes mostras do influínte gravado xaponés, catalán, etc. O museo crea exposicións, como a Barbantiarte, cursos, premios como o internacional Atlante de Gravado, intercambios con universidades. Actividade directora onde é fundamental o traballo de Xoán Pastor Rodríguez.

O dia 1, de febreiro deste 2025 véspera da Candeloria, da luz, Javier Expósito Paradela é distinguido pola Real Academia Galega de Belas Artes como Académico de Honra... Momentos para o repaso dunha vida e dunha obra exemplar, arredor do humanismo, na era da imaxe.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents