Opinión

O automóbil eléctrico, o presente inevitable

Esta semana tivemos un interesante almorzo de traballo no Foro Económico de Galicia. Do mesmo, tiro varias conclusións. A primeira é que o coche eléctrico con batería será a norma durante as tres vindeiras décadas, polo menos. Haberá avances en materiais e tecnoloxías, pero a dirección está marcada. Se queremos reducir drasticamente as emisións de CO2 non hai outra. E España, con cifras de implantación inferiores á media europea, ten que reaccionar.

Para elo, necesitamos un impulso decidido á súa rede de carga. O modelo a seguir está preto: Portugal. Alí, todos os puntos de carga forman parte dunha rede integrada, accesible desde o móbil e con sistemas de pago sinxelos e universais. Aquí, en cambio, seguimos con múltiples aplicacións, tarxetas distintas e unha cobertura insuficiente.

Precisamente porque hai tanto marxe de mellora no eido das baterías, A Unión Europea debera apostar por un proxecto internacional ambicioso, como xa fixo no pasado no sector aeronáutico. Europa non pode permitirse quedar atrás en todo respecto a Estados Unidos e China.

Noruega demostrou xa que unha transición rápida no parque móbil é posible cunha combinación intelixente de incentivos e simplificación burocrática. E vai axudar o substancial incremento na oferta de modelos eléctricos de prezos baixos que veremos en España en 2025. Neste punto, non me resisto a lembrar que na escolla deberamos darlle peso ao feito de que o coche sexa marca europea, porque como traballadores e cidadás o que facemos como consumidores importa. Os galegos e, particularmente, os vigueses sábeno ben.

Finalmente, hai que desmontar os prexuízos. Moitos críticos do coche eléctrico nunca conduciron un. Silencioso, rápido, cómodo e con custos de uso inferiores, o cambio fala por si só. Hai que probar antes de opinar. Menos bulos e máis experiencias reais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents