Opinión

A liberdade parcelada, a módicos prezos

Hai moitos anos (1932) un gran periodista e publicista austriaco publicaba no seu xornal O Facho un artigo titulado «A Lingua» (Karl Kraus, «La Antorcha», selección de artículos de «Die Fackel», Acantilado 2011, pxs. 521-523) , que debería de ser recomendo como lectura formativa nas nosas escolas. O resumo deste breve artigo, apenas mil palabras, avaladas pola autoridade dun intelectual recoñecido tardiamente como tal, podería ser este: a linguaxe, agredida impunemente a cotío en tertulias e medios de comunicación, é a disciplina espiritual máis apropiada para aprender a ter respecto a calquera outro ben da vida. O afán de perfección lingüística non soamente satisface unha necesidade estética e comunicativa, é tamén a garantía da responsabilidade ética e moral da sociedade. Efectivamente, engadimos pola nosa parte, que todo o que ganou a humanidade cando a páxina impresa e a lectura silenciosa ocuparon o lugar do púlpito e do estrado, estamos a perdelo coa degradación da linguaxe que deteriora e banaliza os grandes principios nos que se asenta a humanidade. Actualmente os grandes principios visibles nos que semella asentarse a sociedade son as grandes concentracións económicas que controlan o comercio mundial en detrimento da cidadanía que contempla impotente o espectáculo. Pero esto non sería posible se previamente non tivese lugar un ataque frontal contra das defensas sociais que nos protexían dos abusos actuais: as palabras, esas murallas que sempre nos protexeron, capaces de congregar vontades arredor do seu significado e dotar de capacidade de loita á sociedade. Por este motivo, o poder, ese ente abstracto que mora na «nube», silenciosamente, degrada o significado das palabras someténdoas a un proceso de desgaste que as banaliza e convérteas en inservibles. A filosofía inspiradora deste cambio pode resumila o dito atribuído a un entrenador de fútbol americano, o estadounidense de ascendencia italiana Vince Lombardi: «Gañar non é todo, é a única cousa». Non é doado percibir este tipo de cambios, que navegan de bolina nos medios de comunicación, ata que se consuman. Non obstante hai palabras, como «liberdade» ou «paz», que pola súa significación inspirada nun anhelo universal, sabemos que son sometidas a determinadas presións ideolóxicas que as ameazan malia ser sostidas radicalmente por millóns de persoas en todo o mundo. Semellan estas palabras árbores expostas a furacáns e ciclóns que loitan para abatelas porque dan sombra e solaz aos camiñantes desprotexidos. Vaiamos, en primeiro lugar, á palabra «liberdade», moi frecuente e de procedencia común en todos os idiomas da nosa proximidade.

Vivir en liberdade é unha práctica con moitas arestas e está asociada á xustiza, igualdade, respecto e fraternidade e supón un compromiso e responsabilidade tanto persoal como colectiva. Malia ser unha palabra constantemente mencionada o seu uso está suxeito a numerosas imprecisións que a desvirtúan interesadamente. Non é fácil acoutar un anhelo universal sentido por millóns de persoas nas catro sílabas do noso vocablo. Un dos primeiros motivos da súa deturpación foi o ataque do espírito moralista que, nomeadamente desde o seo da igrexa católica, a asediou mediante sufixos: «libertinaxe», «libertino», etc. Posteriormente será desde o eido político que se lle resta transcendencia a este anhelo, «libertario» ou «liberticida». Pero nada máis pernicioso para a palabra que enfaixala en adxectivos – «liberdade de mercado», «liberdade de culto», «liberdade de elección», «liberdade condicional», «máxima liberdade», etc., que a someten a un proceso inflacionista converténdoa nun concepto contable á medida dos ditadores de turno, nun ben negociable sometido a mercado.

Tracking Pixel Contents