Opinión | Retallos do labirinto

Arredor do Arco da Vella e do seu simbolismo

Os fenómenos naturais como os eclipses, os cometas, as estrelas fugaces, os tremores, os volcáns, as augas termais, a neve, os lóstregos, as treboadas, os vendavais, as boreais e, sobre todo, o Arco da Vella, abríndose ao Ceo e á Terra, estendéndose a unha e outra banda, entre o chuviñar e o sol, seguen a causar admiración nos terrícolas de todo o mapamundi e de todos os tempos. E máis aínda sería naquela prehistoria, cando os seres humanos maduraban no uso da razón, cando todo isto se asociaba cos caprichos das divindades de Ceo e da Terra e creaba uns mitos e uns ritos. Fenómenos interpretados como aviso sobrehumano, predición e agoiro.

Arredor do Arco da Vella e do seu simbolismo

Arredor do Arco da Vella e do seu simbolismo

A circunferencia enténdese como unha cosmogonía, a unión do cabo do principio co cabo do fin, sendo o Arco da Vella unha parte disto e máis cando contén e conxuga todas as cores existentes na paleta da natureza. E así as relixións interpretaron ás divindades envoltas en aura, en mandala ou amendoa cósmica, como ao Cristo-Deus representado en cátedra sobre o Arco da Vella. E ao redor disto tradicións, cantos contos, fantasías que enriquecen a creación e a Arte.

Fenómeno do Arco da Vella onde se conxugan os Catro Elementos, tan venerados dende sempre: a Terra que nos sostén; a Luz solar que ademais é quentura; a Auga, que nutre as veas da terra... e o cuarto, o Aire, como pano de fondo no que se debuxa e pinta tan atractiva escenografía. Ante esta momentánea aparición, quen ten espírito creador, poético, enxerga o fenómeno, interprétao e contarao a súa medida. A fantasía, a ciencia enriquecen o espírito, ese estado da cuestión que sempre levamos posto e nos define, o que, si o temos, nos salva da ignorancia e da idiotez: referímonos á cultura, algo no que compre insistir con teimosía neste noso tempo tan de supermercados de ditaduras tecnocráticas.

E velaí —como todo arco, ferradura, torques, aberto entre un e outro cabo, o do principio ou o do fin, ou viceversa— esa parte dun microcosmos que é o Arco da Vella, sostendo as nubes. Efecto do encontro da luz solar coa cortina do chuviñar miúdo que permite esvaecer os raios policromáticos. Atractiva banda curva en xogo cos tres cores básicos: vermello (que representa lume, sangue, forza), marelo (sol, luz, ouro, felicidade...) e azul (auga, a pureza, a aventura....), mestura cromática pois, pola que tamén se lle dá nome de Iris, resultado do encontro duns cos outros: así entre o roxo e o marelo aparece o laranxa, entre o marelo e o azul esvaece o verde (terra), entre o azul e o roxo nace o violeta... Sete cores en total, a xogo entre eles, máis o negro e o branco, coa súa mestura gris que poden estar no fondo. Sete cores como sete dons.

Gran pórtico aberto do ceo á terra ou ao mar, ponte, como acueduto, en xogo de cores, ilusión óptica en devalar, asegún, pois a súa visión depende do sitio onde un se atope. Os gregos interpretárono e relacionárono coa filla de Taumante, deus mariño e de Electra, moza representada e cuberta co arco, sempre o arco como aura de felicidade, por algo escenificado nas antigas representacións e danzas, velaí nos relevos de mozas que dan paso ao ninfeo de Santa Baia de Bóveda ou mesmo entre as campás da igrexa de Santa María, igrexa matriz de Chaves en Tras os Montes... en moitas coreografías de arcos con flores e cintas de todas as cores.

Os arcos representan o paso, o rito de pasaxe, baixo deles dábase a benvida e algúns quedaron para a historia e cavilamos nos ostentosos e pétreos do mundo romano, mesmo tamén no pórtico occidental da Catedral compostelán, o Pórtico da Gloria... pero tamén os houbo efémeros, enramados e florais, para días de determinadas celebracións ou dar a benvida a autoridades; como para as festas sanxoaninas, nunha e noutra banda do Miño, onde coidaron moito tal tradición das arcas, pórticos, tramadas entre un armazón de estadas, para ser filigrana floral e de cor. O pórtico, neste caso alintelado, como estrutura elemental arquitectónica, foi un símbolo para o galeguismo, así o tentou o escenógrafo Camilo Díaz Baliño e o seu fillo Isaac levouno como logotipo a Cerámicas do Castro e ao vitral que preside o hemiciclo do Parlamento de Galicia.

O Arco dunha vella e sabia meiga céltica, a que engaiola a nenos e mozas bonitas

Na tradición galega escoitamos moitos xuízos sobre o Arco da Vella: que é como unha serpe bebedora, condución a trasfegar auga dun río ou dunha fonte a outra... arco que nutre e anuncia chuvia, mesmo que entre punto e punto anuncia o sitio onde se atopa oculto algún deses tesouros que se relatan no grimorio, o Libro Máxico do San Cibrao e do que tanto sabían en moitas aldeas de Galiza, «o Ciprianillo».

Arco da Vella, clixé, que quedou en nós tal como se nos ensinou nas estampas do libro de estudo da Historia Sagrada que diciamos antes: cubrindo o ceo ao escampar e cesar o diluvio... para pasar a ser símbolo, logotipo, bandeira de paz, de igualdade e de liberdade.

E sobre iso do nome de Arco da Vella hai moitas teorías e máis no noso occidente atlántico, céltico, como a referida ao arco de caza e frechas dunha vella, sabia meiga e maléfica, un xeito de enredo encantado para disparar trebóns... mesmo como comba, corda ou trampa de cores para atrapar a algún neniño ou neniña, moza... e velaí a explicación daqueles cantares como o de «Arco da vella, fuxe deiquí que as nenas bonitas non son para ti...». Interpretación, repetimos, céltica, quizais en relación cunha divindade da escuridade, luar, igual que as vagalumes ... mesmo ao velo se botaban esconxuros, como lembra Filgueira Valverde nun artigo no III Adral (1984), polígrafo tan gustoso do tema e do simbolismo.

En Galiza o Arco da Vella recibe moitos outros nomes, abundante en refráns e cántigas, como nos ten contado o mesmo Filgueira e ao respecto do que di ser un experto arcodavellista, coñecedor e difusor dos seus nomes e variados refráns, referíndose ao profesor Xesús Alonso Montero. Ditos populares en relación co agro, coa labranza, coa gandería, cos traballos no mar; «Arco da Vella no poñente, solta os bois e vente», «Arco da vella na mar, mariñeiro a agardar»... Como curiosidade tampouco faltan refráns e cantares que falan dun arco negro e branco, «arco da lúa», estraño e pouco frecuente fenómeno ao que xa se tiñan referido no sc. XVI o navegante e cosmógrafo Pedro Sarmiento de Gamboa e no sc. XVIII os ilustrados padre Sobreira e Martín Sarmento.

E velaí o Arco da Vella nas paisaxes célticas pintadas polo mugardés Felipe Bello Piñeiro, como en moitos outros creadores modernistas galegos, buscadores do espírito, dese realismo máxico do que tamén bebeu o devandito Camilo Díaz Baliño, Asorey ou o arquitecto Antonio Palacios. Arco da Vella, como un pórtico de misterio aberto entre o ceo azul e as nubes, entre un aquí e un acolá. Tema moi presente nas cerámicas, pinturas e debuxos actuais do ferrolán Francisco Pérez Porto, aquí asociado coa mocidade, con bos agoiros, coa luz, a cor, coa interacción dos Catro elementos dos que nace e florece a vida. O tema dá para moito e alimenta a fantasía, a capacidade de cavilar ou filosofar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents