Opinión | Olladas ao País
Galeguismo político e pacto verde europeo
No artigo da pasada semana, (https://www.laopinioncoruna.es/opinion/2025/02/18/galicia-nunha-nova-europa-114407549.html), falamos do que habería constituír a visión e propostas de Galicia a respecto das remudas substanciais que ha enfrontar a Unión Europea (UE) e, nomeadamente, desa visión e propostas dende o galeguismo político, dende o soberanismo democrático galego, pois que as forzas estatais só entenden a participación de Galicia na Europa subordinada á do propio Estado español.
Hoxe desenvolvemos o enfoque dos intereses galegos na Europa e, nomeadamente, da necesidade de que dende o galeguismo político, non monopolizado arestora, mais si hexemonizado, polo BNG se reclame das institucións da UE unha modulación das ferramentas e obxectivos do pacto verde europeo (green deal) no que atinxe ao noso País.
Os obxectivos da autonomía enerxética europea da descarbonización das nosas economías son certamente fulcrais, mais a produción de enerxía a medio de fontes renovábeis ha de se compatibilizar coa propia autonomía alimentaria, tanto europea canto galega. A pesca sostíbel é unha fonte esencial de proteínas animais necesarias para unha alimentación sa e adoito subordínase no contexto europeo a outros intereses, como é a produción de enerxía eólica mariña. O pasado Comisario europeo das Pescas, de adscrición política ecoloxista, impuxo restricións inxustas e inasumíbeis para a nosa frota pesqueira, pretextando unha protección de recursos fronte ao arrastre de fondo, orfa de alicerzamento científico que sacrifica as nosas comunidades pesqueiras mentres os acordos comerciais da UE abren a porta a produtos pesqueiros e acuícolas capturados ou producidos en condicións ambientais ou laborais prohibidas para as actividades análogas dentro da UE, como ten amosado a eito no Parlamento Europeo a eurodeputada galega Ana Miranda (BNG).
Dun xeito semellante os intereses da nosa autonomía alimentaria e das nosas producións agroalimentarias, nomeadamente as máis sostíbeis e afastadas de esquemas de macroprodución, han de se ter en conta á hora da planificación das infraestruturas de produción enerxética, principalmente polígonos eólicos e hortos solares en moita menor medida, ao tempo que cómpre previr o impacto no marisqueo e miticultura do baleiramento dos encoros produtores de enerxía hidroeléctrica.
O soberanismo galego está en condicións de levar a Bruxelas propostas de regulación da produción enerxética que teñan en conta as singularidades de Galicia como país produtor, xa que exportamos o 40% da enerxía que producimos mentres outros territorios, como Madrid, non producen e acadamos de máis os obxectivos europeos de xeración eléctrica a medio de enerxías renovábeis para o 2030. Se na relación co Estado neste senso ten abrollado e segue a abrollar o enfoque colonialista, que esixe de Galicia sacrificios ambientais non remunerados, cómpre esixir a tutela das institucións europeas para evitarmos ser terra de sacrificio de produción eléctrica e de eucalipto, ao seren actividades incompatíbeis de feito con outras moitas máis rendíbeis para os nosos intereses.
Semella que o nacionalismo galego está en condicións de entender, canda o ambientalismo local (non tanto, certamente, o ambientalismo global) que ha de se compatibilizar a visión ecoloxista coa dos produtores e a dos consumidores, malia a súa aparente disparidade de intereses. Neste senso, o galeguismo político, o soberanismo, pode representar unha alternativa para aquelar o pacto verde europeo aos intereses galegos e doutros territorios e países europeos, evitando sacrificios coloniais e compatibilizando os obxectivos da produción alimentaria sostíbel cos obxectivos ambientais e máis a protección das persoas consumidoras.
Suscríbete para seguir leyendo
- El solidario y aplaudido gesto tras ganar el millonario bote en Pasapalabra: 'A Hacienda para fomentar la sanidad pública”
- Roberto Leal detiene Pasapalabra para anunciar la feliz noticia: 'Momento muy importante
- Eddahchouri, rescatado tras caer anoche a las rocas en el paseo marítimo de A Coruña
- «Hay que hablar del ‘chemsex’ desde la empatía, no desde el estigma»
- Colesterol alto: los alimentos que debes eliminar y los mejores para controlar los niveles
- BiciCoruña suspende el abono a cuatro usuarios al día por uso indebido del servicio
- Nuevo acceso al paseo marítimo desde la plaza de Lugo y San Andrés
- Activada para este domingo la alerta por lluvias en A Coruña y Lugo