Opinión

Luís Seoane, un cronista combativo

Cando consegue reagrupar toda a súa familia en Buenos Aires (marzo de 1937), Luís Seoane abandona a clandestinidade, asinaba como Conrado Alén as súas crónicas de guerra no mítico xornal Crítica de Horacio Botana, e comeza a súa etapa máis combativa como exiliado. A este espírito de loita responde a súa sección semanal titulada Mercado de las Letras y de las Artes que durante dous anos mantén no semanario Galicia da Federación de Sociedades Galegas. A páxina mantivo durante os dous anos da súa existencia (1940-1942) unha estrutura con escasas variacións: ocupaba o espazo central un retrato ou caricatura, viñeta crítica e humorística, que ocupou en numerosas ocasións Franco pero que alternaba con outros coñecidos militares rebeldes e numerosos escritores e artistas considerados traidores. O resto da páxina estaba dedicado á reprodución de fragmentos de textos periodísticos —La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, Arriba, etc.-, que, agrupados baixo o titular de Regueifa, eran comentados ironicamente. Esta sección tiña pequenas ilustracións alusivas aos temas tratados pero que insistían nas imaxes da represión, das multas arbitrarias, da fame e racionamento de alimentos e da relación de vítimas executadas, condenadas por tribunais militares. No Pregón, especie de editorial do primeiro número, anunciáronse as colaboracións de Castelao, Rafael Dieste, Serafín Ferro, Emilio Pita, Rey Baltar e Arturo Cuadrado, pero a realidade foi que o peso da sección recaerá en exclusiva en Luís Seoane, que se limitou a reproducir algunhas colaboracións publicadas noutros medios dos escritores mencionados —Na morte de Estreliña, de Rafael Dieste, ou Nouturno de Lembranza, de Serafín Ferro, etc. Seguiu con moita atención Seoane a depuración de mestres e a conseguinte ocupación dos seus postos vacantes por oficiais do Exército franquista. Foi Seoane especialmente crítico con aquelas persoas que, procedentes do campo do galeguismo ou do republicanismo, se entregaron ao bando dos vencedores, como Álvaro de las Casas e Euxenio Montes. Seguiu tamén Seoane con moita atención crítica certas institucións, como a Universidade e a Real Academia Galega. Sospeitamos que tiña algún informante clandestino que lle permitía estar ao día dos problemas que as acuciaban: falta de presuposto, prohibición de cubrir as vacantes producidas e mesmo certas interioridades de difícil coñecemento público. Tal é o caso da crítica que fai a D. Abelardo Moralejo, sabio profesor de latín e membro do Seminario de Estudos Galegos, que se converte en 1937 no secretario da Comisión da Depuración das bibliotecas públicas de Galicia do Distrito Universitario de Santiago. Como tal diríxese ao xefe ou encargado da biblioteca da Academia, con data 15 de novembro de 1937, solicitando o catálogo completo da mesma facéndolle saber que será responsable da exactitude da información esixida e que para comprobar a fidelidade da mesma «girará las visitas que estime oportunas». A extensa resposta a esta petición, obra do bibliotecario da institución interpelada, César Vaamonde Lores, con data 22 de novembro do mesmo ano 1937, encabezada polo obrigado «¡Saludo a Franco! ¡Arriba España!» argumenta: que non é unha biblioteca pública porque é de uso exclusivo dos académicos tal como consta nos Estatutos, que lle remite; que se rixe esta biblioteca «científica» mediante ficheiros e papeletas soltas imposibles de trasladar a Santiago polo risco evidente de perderse ou desordenarse; que non teñen persoal dabondo para facer copia das máis de dez mil fichas de que consta, etc. Polo exposto, roga D. César Vaamonde que se a biblioteca da Academia non pode quedar exenta da depuración anunciada, que se trasladen a Coruña persoas da súa confianza para proceder a depurala nesta cidade. A consecuencia destes lamentables episodios podemos seguila na novela de Manuel Rivas Os libros arden mal, pero que, engadimos pola nosa conta, desgraciadamente arderon moitos.

Tracking Pixel Contents