Opinión | Olladas ao País

Precisamos dunha política galega de inmigración

Co seu cotián balbordo PP e Vox veñen de nos anunciar un temperán anticipo das penas do inferno se se chega aprobar a proposición de lei acordada entre o PSOE e Junts para lle delegar á Catalunya determinadas competencias relativas á inmigración.

Mais o único que pon o papeliño é que a Administración do Estado lle vai delegar á Generalitat de Catalunya un conxunto de competencias de execución canto á instrución, resolución e, no seu caso, anovamento e extinción de expedientes de estadías de longa duración e cadansúas prórrogas a respecto de persoas de fóra da UE que vaian estudar en Catalunya e máis de estadías temporais e de longa duración das mesmas persoas que vaian residir e traballar naquel país. Tamén da xestión colectiva das contratacións na súa orixe de persoas traballadoras de fóra da UE e máis a xestión integral dos Centros de Internamento de Estranxeiros (C.I.E) canda o réxime sancionador, da policía (os Mossos de Esquadra asumen competencias nos portos, aeroportos e fronteiras) e dos recursos administrativos en todas estas áreas.

Velaí que só se deleguen competencias executivas, que inclúen a potestade regulamentaria, mais que haberán de se exercer no marco da normativa estatal de estranxeiría.

Mais por se non fose abondo o centralismo das dereitas españolas velaí aquí o centralismo das esquerdas españolas, como o de Page (PSOE) e o de Belarra (Podemos), que fala de «descentralización do racismo», alicerzándose na exposición de motivos da proposición de Lei. Mais nesta parte expositiva albiscamos ideas tan racistas, fascistas e supremacistas como que 1) a inmigración vén xerada pola falla de oportunidades dunha vida mellor, o cambio climático, os conflitos, a violencia , a falla de liberdades e a pobreza derivada de todas estas causas; 2) a baixa natalidade das sociedades máis desenvolvidas combinadas co aumento da esperanza de vida e máis a pobreza e falla de liberdades de rexións devastadas polas crises converten a Unión Europea nun espazo, á vez, precisado da inmigración e atractivo para ela; 3) compre apostar por unha migración regular, ordenada e segura, que poña no centro os dereitos humanos. É dicir, que evite, como vén de denunciar Bieito Lobeira no Nos Diario, que o Goberno do Estado envíe 180 persoas de Mali a un concello galego de 700 habitantes (Mondariz Balneario) sen esa planificación e recursos da que fala a proposición de lei promovida por Junts.

Galicia e Catalunya partillan beneficios coa inmigración, malia que Galicia padeza, ao tempo, a emigración das persoas novas máis preparadas académica e intelectualmente. Mais ambos os dous países padecen da falla de soberanía política e, xa que logo, da capacidade de desenvolver unha política migratoria de seu e promover a selección de inmigrantes de determinadas orixes nacionais (no noso caso o retorno dos nosos emigrantes e da súa descendencia). Galicia e Catalunya nin teñen estas capacidades normativo-políticas nin mesmo poden garantir entre as persoas inmigrantes a igualdade real entre galego e castelán, como tampouco poden garantilo a respecto de cadansúas veciñanzas.

Velaí que deseñar políticas de inmigración e integración de noso só será beneficioso para o benestar e a integración social de todas as persoas que viven neste país. Das que nacimos na Galicia e das que naceron fóra dela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents