Opinión | Olladas ao País

AP-9: mentiras, ladaíñas, trampas e aldraxes

O Goberno do Estado ven de desbotar o rescate da AP-9 (a nosa rúa maior, o noso principal eixo de mobilidade) pois que sería inadmisíbel para a caixa pública, segundo a secretaria xeral de Transporte Terrestre. E non deixa de ter razón a alta directiva se atendemos á prórroga da concesión de Aznar (2002) por 25 anos (agosto 2023 a agosto 2048), prórroga que incrementou substancialmente o valor da concesión para acadar a súa privatización. O Estado facía caixa condenando ás persoas consumidoras e empresas galegas a moi onerosas peaxes. Neste senso é evidente que o PP é o principal responsábel desta aldraxe.

Mais o PSOE, dende que asumiu o Goberno do Estado no 2018, coa inestimábel axuda, primeiro de Podemos e despois de Sumar, atrasa permanentemente a posibilidade de debatermos a proposición de lei aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galicia. A quen cren que enganan Sánchez, Puente, Iglesias ou Díaz.

O método para atrasar o debate parlamentario é digno de pasar a historia das mentiras e calotes trampulleiros: prorrogar indefinidamente, unha e outra vez, o prazo para presentar emendas ao articulado e, xa que logo, o debate parlamentario da transferencia da AP-9 á Xunta que teoricamente asumen todas as forzas políticas galegas (só o supremacismo extremista de Vox reclama a AP-9 en Madrid para a competencia do Estado).

Mais, miren vostedes, o que nos ven de dicir a secretaria xeral estatal de Transporte Terrestre, Marta Serrano, é absolutanente trampulleiro. Segundo a señora Serrano os custos do devandito rescate serían inasumíbeis. Mais moi recentemente, a UDC por encargo profesional do BNG consideraba que o custo do rescate abanearía entre 900 e 905 millón de euros aos que habería de se engadir entre 11,6 e 11,8 millóns de euros/ano de mantemento da infraestrutura. A razón deste cálculo de custo alicérzase no Dereito europeodemnizar o lucro cesante.

Pois logo de que fala a sra. Serrano? De que falaba o ministro Puente coas súas contas de 6000 Millóns de euros? Mesmo de que falaba a Xunta do PP cando avaliaba, a medio dun informe de EPTISA, provedora da concesionaria da AP-9, o rescate no 2024 nuns 2.400 millóns de euros?

No que atinxe á AP-9, como no que se refire á alta velocidade Galicia-Portugal PP e PSOE adoito están no outro lado, no lado escuro e non dubidan en sacrificar os nosos intereses económicos e sociais deste país a prol doutros que ás veces chaman de Estado. Van aló moitas veces (transferencia de Tráfico 2008-2010, idem da AP-9 2018-2025…) nos que o galeguismo político acada trunfos institucionais nestas cuestións de país. Velaí que sexa razoábel que o propio galeguismo político e máis a sociedade civil galega non reaxa fronte estas mentiras, ladaíñas e aldraxes e non esixa o cumprimento dos compromisos asumidos con Galicia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents