Opinión

Democracias ameazadas, testosterona e negocios da guerra

Comezou a primavera tras días de choiva, temporais e grises no ceo. Sen embargo, a mellora do tempo e a luz primaveral non acompasa os tempos políticos presentes. As democracias atópanse cada vez máis debilitadas e ameazadas por mandatarios decididos a desmantelar os precarios estados de benestar e vulnerar os dereitos humanos. Os polítólogos Levitsky e Ziblatt xa abordaron tempo atrás o perigo de morte das democracias actuais que lentamente son socavadas por gobernos elixidos democraticamente. De igual modo, a historiadora Anne Applebaum incidiu no inminente ocaso das democracias baixo o asedio e auxe de líderes autoritarios. O certo é que cada vez máis estes líderes depredadores de contra onda reaccionaria gozan de maior respaldo e, grazas ás súas provocacións, ocupan numerosas portadas nos medios de comunicación e se fan máis fortes. Personalidades como Donald Trump asaltan a democracia e fan o mundo máis inseguro, desigual e inxusto. Contan con amigos e socios afeitos ó saqueo e ás guerras bélicas e comerciais. A estratexia é clara: tensionar o mundo global adoptando decisións cada día máis radicais que as anteriores baixo unha execución inédita de acumulación de poder político, económico e tecnolóxico.

Os piares fundamentais da democracia como a división de poderes, o pluralismo político ou a liberdade de información son sistematicamente sometidos a presión ou directamente usurpados mediante decisións autoritarias sen control, nun exercicio combinado de autoritarismo e testosterona política sen precedentes. Xunto ao mandatario estadounidense outras personalidades de mando presidencial como Javier Milei participan coa súa «motoserra» tamén desta combinación e posan orgullosos na alfombra vermella do capitalismo caníbal do que nos advirte a teórica política Nancy Fraser.

Non é casual que estes liderados autoritarios que atacan as democracias o fagan cunha linguaxe corporal e verbal asociada á denominada masculinidade «forte», testosterónica, onde o desprezo tanto polos políticos «débiles» como polas vindicacións feministas funciona como motor contracultural. En períodos de medo e incerteza crece a fascinación polos homes denominados «fortes» que amosan fortaleza patriarcal, firmeza, ambición e poder: son pura esperanza autoritaria.

E da man destes depredadores autoritarios xorden as operativas de guerra actuais, voraces e perversas que buscan facer negocio nos territorios do mundo. Son líderes que lexitiman os crimes de guerra, os asasinatos de miles de persoas en Gaza ou que emprenden guerras comerciais contra a UE, Canadá, México... China e ameazan con invadir Groenlandia. De pronto, nas relacións internacionais só rexe a crúa lei do máis forte fronte aos máis débiles.

Neste contexto convulso, o presente das democracias está no aire e o futuro por escribir. Comezou a primavera, sementemos sen medo unha Historia de luz, cor e xustiza fronte a pulsión autoritaria.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents