Opinión | Olladas ao País

«O noso» como referente inclusivo

Fiquei pampo este día ao ler un artigo do profesor Blanco Valdés (USC) no que atribuía inclusividade ao referente «lo nuestro», que abranguería perimetralmente os contidos e referentes comúns a todo o Estado fronte «ao noso» que por se referir a contidos e referentes exclusivos da Galicia (como os que integran o perímetro da cultura galega) o devandito profesor alcuma de excluínte.

Imos ir debullando, dende a mellor metodoloxía indutiva. Ollemos cara ás referencias culturais e deportivas que tanto nos falan dos afectos e das referencias. Quen son as equipas deportivas preferidas polos galegos? Dépor, Celta, Rácing, U.D. Lugo, Obra, Coruña Basket, Breogán, C.B. Ourense. Que din os seus himnos? Que bandeiras usan? Que nos di a xa non tan recente tradición de cantarmos xuntas cadansúas afeccións galegas o noso himno nacional? Na outra beira… u-la influencia efectiva do Real Madrid nas nosas rúas, colexios, campos e redes sociais? U-las afeccións taurinas na Galicia? Non era que a lei española proclamou patrimonio cultural esta sanguento espectáculo, malia a prohibición expresa dos gobernos catalá, balear e canario e o expreso e potente rexeitamento, quer implícito, quer explícito da tauromaquia pola cidadanía galega?

Que grao de afección na Galicia teñen os supostos símbolos nacionais, fóra da equívoca asociación coa exitosa equipa de fútbol internacional? Porque a selección galega enchía estadios con amigábeis non moi atraíntes no eido deportivo? Cal é a explicación da ferreña aposta da nosa cidadanía e, nomeadamente, da nosa xuventude a prol das Tanxugueiras na previa da Eurovisión do 22? Por que o nacionalismo, o soberanismo galego, construíuse sobre alicerces cívicos e democráticos, mentres o nacionalismo español de matriz castelá alicerzouse na expulsión dos xudeus, musulmáns e moriscos e na negación doutras linguas, culturas e nacións no perímetro do Estado —primeiro as americanas despois as peninsulares—? Quen falou ao longo de tantos anos a medio de verbas tan desaqueladas como «no sea bárbaro, hable vd. español»?

O Estado español ten un xeito moi doado de se presentar como oferta plural, plurinacional á convivencia española: recoñecer que as demais linguas e culturas presentes no Estado teñen os mesmos dereitos ca a lingua e cultura castelás e ofrecer un encaixe a todas as nacións, entre elas Galicia, alicerzado nun autogoberno confederal dotado da chave da caixa dos tributos de cada país en un. Tal abondaría para construír un futuro unidos.

O demais procura a negación do noso para nos mergullar en algo que non sabemos moi ben o que é, mais que cheira a ese histórico atraso que temos sufrido os pobos desta España plurinacional por mor das disfuncionalidades da súa gobernanza. O que máis nos resulta chocante é que esta caste de opinións, no canto de vir de profesores, intelectuais e opinantes de fóra do noso País veñan de competentes profesores das nosas Universidades galegas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents