Opinión

xoel ben ramos

Nerea tamén é adolescente

Coñecina en febreiro. É posible que, coma min, a outra moita xente lle acontecera o mesmo. Sen dúbida debe ser unha moza escaravellada. Gustoume o seu sorrir, ese foi o primeiro impacto; esa ledicia inabarcable da xuventude, de cantas cousas aínda por facer. Gustáronme as pulseiras nas mans, os brazos descubertos e o xesto divertido, natural, sen artificio. Chamaba a atención a fachenda, o orgullo de pertenza. A través do código QR, ao lado da sua foto no envase de Feiraco, coñecín máis dela.

A verdade, acordeime de Nerea logo de ver Adolescencia. Ata voltei ao texto do brick para lembrar aquelas palabras que lle acaían á perfección: «Estudar é agora a súa prioridade pero voltar á casa para axudar á sua nai na granxa é a súa máxima motivación». E fíome de que sexa unha fiel representación dos seus desexos, non apenas un truco publicitario para vender máis; e aínda que así fora, existen gandeiras e gandeiros mozos encantados de traballar no campo, coidar a terra e producir leite. Fronte a isto, ollamos na serie unha chavalada pisando o cemento gris, «vagando por aí» e nun intre de furia: un asasinato. Se cadra é o que agardabamos, que nos poñan en hora de máxima audiencia o lugar desgraciado onde vivimos, constituído por un deficiente sistema educativo, uns proxenitores moi dependentes do seu traballo e unhas redes sociais que «las carga el diablo». Só que a realidade é outra, e contar a vida de miles de Nereas é moi aburrido. Preferimos o estereotipo, atoparnos co que coñecemos e explicalo co discurso dominante. Co interesante que sería plantexar algo diferente, pero non, sería criticado por aburrido e faltarían explosións, comisarías ou mortes turbias.

Temos certo gusto polo horror «mira ti o rapaciño ese de trece anos», pola narración dramática «é que vaia instituto, non me sorprende que logo ocorran incidentes, é un descontrol», ou atribuíndo responsabilidades sen moito criterio «as redes sociais son terribles, é que os rapaces non fan outra cousa», «e que me dis do pai?, o fillo é pintadiño» e quedamos ao final sen sinalar as causas nen os verdadeiros infractores. Por que? Porque os motivos son moitos, non apenas tres, e os culpables —eses terribles executores— somos nós. Nós somos o verdadeiro perigo, por iso Adolescencia se consume tan rápido e tan ben, porque pasar pola liturxia da serie libéranos das nosas obrigas coa familia, co barrio e coa sociedade. Buscamos «a cabeza de turco» nesas figuras inmutables, tan ao gusto de hoxendía. É coma un referendo amañado: votos a favor e votos en contra. Listo! Ti, ti e ti, condenados!, o resto podedes regresar ó que estabades facendo. Non hai máis preguntas.

Tracking Pixel Contents