Opinión | Olladas ao País
A galeguización do noso deporte
Aquí tamén se fala é unha grande iniciativa do I.E.S. Rafael Dieste da Coruña en colaboración con outros 200 dos nosos centros de ensino que tenta espallar nos establecementos comerciais e de hostalería da súa contorna o uso do galego cos clientes e seareiros, acadando grande receptividade tanto no empresariado e persoal dos negocios como nas persoas consumidoras e usuarias dos mesmos. A equipa que desenvolve esta actividade no I.E.S. Rafael Dieste arestora está a promover a campaña O Depor é da Coruña a prol da restitución do nome galego —único oficial da cidade— ao nome oficial da súa equipa no canto do actual deturpado. A alcaldesa da Coruña, a Deputación, a RAG, o conselleiro de Educación, antigos capitáns e xogadores do club como Álex Bergantiños ou Dani Mallo, a Federación de Peñas deportivistas e todos os I.E.S. da Cidade apoian esta remuda que seica vai ser aprobada urxentemente, pois nin o club nin o seu parceiro maioritario (Abanca) poden enfrontarse sen moi grave dano reputacional a esta maré.
Este fito é, polo de agora, o último dun proceso continuado de galeguización do deporte galego que sempre naceu das peñas e dos seareiros de base, mais que chegou tamén aos dirixentes deportivos, historicamente refractarios na súa maioría ao uso da nosa lingua e á identificación co país, malia a evidente relevancia que tivo o galeguismo político na fundación do Celta, da fusión do Vigo Sporting e do Fortuna (1922) ou do Eiriña pontevedrés e os persoeiros santiagueses da resistencia cultural galeguista no franquismo na fundación da S.D. Compostela (1962).
Cómpre decatármonos da okupación que das directivas deportivas fixeron militares e falanxistas logo do golpe de Estado de 1936 e ao longo dos case 40 anos que durou na Galicia o goberno de feito franquista. Velaí o paseniño que foi o proceso para a permeabilidade dos nosos clubs deportivos a respecto da veciñanza, da cidadanía, de xeito que os estadios futbolísticos e máis os pazos de deportes fosen acubillando manifestacións do vencello dos nosos clubs a respecto da nosa lingua e cultura e dos nosos símbolos nacionais: himno e bandeira. Quizais dos primeiros, a saída do Celta e o Dépor ao céspede de Riazor coa bandeira galega (1977) e a aberta ledicia dos seareiros con esta manifestación, sen dúbida precedente da tradición galega de partillar co noso himno os partidos que xogan entre si Dépor, Celta, Rácing, S.D. Compostela, U.D. Lugo ou o Arenteiro, por unha banda; e o Obra, Breogán, Básquet Coruña ou Club Ourense Baloncesto, pola outra.
Indubidabelmente, os sentimentos de pertenza e de referencia son construcións psicolóxicas complexas que non poden ser dirixidas dende os relatos paifocamente localistas, tradicionalmente aliados dos relatos centralistas primeiro e, despois, abertamente franquistas. A nosa cidadanía adoita escoller referentes galegos no deporte por un sentimento de adhesión a unha idea de País que abrangue á lingua, á cultura e aos símbolos nacionais.
Sermos seareiros de equipas galegas ten moito, cada vez máis, que ver coa adhesión a unha identidade galega. Unha identidade galega plural, aberta, moderna e europea, mais certamente galega e non de ningún outro lugar.
Suscríbete para seguir leyendo
- La coruñesa Rosa rompe su silencio y denuncia lo que está pasando en 'Pasapalabra': 'No eres consciente
- El 'Caribe Gallego' está a solo una hora de A Coruña: 'poco conocida' y con un paseo marítimo que merece la pena recorrer
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años
- Futuros inquilinos de pisos sociales de Xuxán renuncian por la subida de cuotas
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene alquileres desde 400€
- Los móviles de los vecinos de A Coruña y Arteixo recibirán una alerta general en caso de grandes emergencias en Agrela
- «Nos dijeron que si pagábamos 290 euros nos encontrarían un piso en A Coruña, y nada»
- Los cinco locales de A Coruña que puedes reservar gratis para celebraciones privadas