Opinión | Buenos días y buena suerte
Un encontro en Fisterra
En Fisterra, a presenza do poeta irlandés Paddy Bushe celebrouse o sábado da pasada semana cunha gran festa literaria. Non era unha visita turística (estivera anteriormente en Laxe, tamén en Ferrolterra, en Noia, en Corrubedo… e, por suposto, en Compostela e A Coruña). Esta vez, a súa presenza na Costa da Morte respondía a un desexo formulado polo poeta en moitas ocasións.
Paddy Bushe, ao que coñecín case fai vinte anos no seu territorio mítico de Waterville, Kerry, sempre falaba de visitar o cabo e o faro do fin do mundo, e, aínda que na última época unha enfermidade lle afastara un pouco da vida literaria, e tamén das viaxes ao estranxeiro, ao fin puido cumprir o seu gran desexo. Paddy chegou a Fisterra, coa invitación do Hotel Bela Fisterra (Pepe Formoso, dinámico coma poucos), para coñecer este lugar lendario da xeografía universal, e para escribir sobre el. Para atopar os máxicos vencellos que unen o territorio fisterrán coa súa baía de Ballinskelligs, en Irlanda.
Durante todos estes anos mantivemos unha fermosa conexión literaria e unha longa amizade. Con Antonio de Toro, que exerceu varias décadas como catedrático da UDC e é especialista en literatura irlandesa (e que agora estivo á beira de Bushe e a súa muller Fiona todas estas xornadas en Fisterra), tiven a gran sorte de participar en varias edicións do festival de poesía e música que organizaba en Irlanda, a poucos metros de onde vivía, sempre acompañado de nomes fundamentais da literatura irlandesa. E dalgúns nomes, tamén fundamentais, de Galicia, como Manuel Rivas, Carlos Núñez e Mano Panforreteiro, que acudiron nalgunha ocasión á baía de Amergin.
O druída Amergin foi o personaxe mítico que estivo detrás de todas estas conexións entre Irlanda e Galicia. Que o Instituto de investigación da UDC leve o seu nome (foi o Nobel Seamus Heaney quen exerceu de padriño da institución, porque pensou que sen dúbida era o nome máis acaído), axudou a que todas as pezas encaixasen, coma se estivesen destinadas a facelo.
Heaney fora nomeado doutor Honoris Causa pola UDC en 2000 e tamén visitara a Costa da Morte. Paddy, desde Waterville, gran seguidor do poeta de Derry, deuse conta moi pronto de que atopara o fío perfecto que lle conectaba co pasado de Galicia. Porque Amergin, segundo o mito, chegou á súa praia, á beira da súa casa actual, desembarcou alí, tras contemplar Irlanda desde o alto da Torre de Breogán (hoxe, por suposto, a Torre de Hércules).
Cando escribo, Paddy voltou xa ao seu Waterville fundacional, desde onde promete poemas en irlandés sobre Fisterra, agora que tocou o extremo do mundo atlántico e sentiu o vento que un día empurrou ao mago e druída Amergin até os leves cantís sobre os que se asenta a súa casa. Admirado da enerxía poética dalgunhas voces poéticas fisterrás coas que compartiu escenario o pasado sábado (unha gran representación dun territorio tan prolífico literariamente), Paddy dixo que vivira unha das mellores experiencias de toda a súa vida. Para abrir boca, deixounos algúns haikus, escritos sobre o terreo, como apuntamentos do natural (ofrecemos unha posible tradución). Un, sobre as Lobeiras. «Os lobos máis aló da Costa / da Morte están en silencio. / Terra dentro, as montañas mostran os seus cabeiros». Outro, lembrando a vista de Heaney a Carnota. «Aquí foi un déjà vu. / O hórreo, o pombal, a igrexa de Sta. Comba. / O cabalo branco, asentindo» (O cabalo branco que se relaciona coa historia de Colmcille). Seguimos pois na procura dos máxicos vencellos: Paddy Bushe parece chamado, como Heaney hai algúns anos, a reverdecer o tecido da memoria.
Suscríbete para seguir leyendo
- Así empezó Zara: las primeras dependientas reviven la tienda donde nació el imperio
- Una librera de A Coruña estalla tras sufrir la estafa de este autor: 'Non vas ver un céntimo
- El Concello de A Coruña detecta 'daños estructurales' en la pasarela entre las estaciones
- Esta es la línea de bus que más emplean los jóvenes de A Coruña, y no es la de Marineda
- Cooperativistas de Xuxán: «Este es un modelo fallido, somos prestamistas de la Xunta»
- Así eran los escaparates de Zara en los inicios del imperio Inditex: Gallinas vivas y el niño que salió corriendo con un conejo
- Las primeras trabajadoras idearon el nombre de Zara para aprovechar un rótulo ya fabricado
- En riesgo el resto de la temporada para Yeremay Hernández en el Deportivo