Opinión | Res pública

Entendendo o presente, anticipando o futuro

Os que nos dedicamos a analizar e explicar o mundo económico e social actual somos ben conscientes das complexidades crecentes da tarefa. A solución é combinar a especialización en poucos campos e un esforzo significativo en entender o marco que os envolve. Porque cada vez hai que ler e pensar en ámbitos máis lonxanos, se un quere ser un bo especialista e poder facer recomendacións acaídas. Algo semellante pásalles aos responsables políticos e aos homes e mulleres de empresa, coa dificultade engadida de que eles teñen que actuar e non poden permitirse quedar só no terreo das ideas e os consellos.

Neste contexto, o mellor atallo para optimizar o tempo é escoitar e preguntar aos que saben moito máis que un. Iso é o que facemos nas reunións anuais do Foro Económico de Galicia. Catorce edicións levamos xa, coas únicas paradas de 2020 e 2021 por mor da pandemia.

O xoves 24 e venres 25 de abril o parador de Muxía converterase no epicentro do debate económico en Galicia. O programa deste ano é unha boa mostra desa amplitude de temáticas relevantes para entender os retos e oportunidades económicas hoxe. Velaí vai o índice que anticipa as novas e as entrevistas que poderán ler e escoitarán nas vindeiras semanas nos medios galegos.

Comezaremos debatendo sobre supercomputación e tecnoloxías dixitais poden mellorar a vida das persoas, da man de Mateo Valero. A cuestión migratoria, tratada por Antonio Izquierdo, porá sobre a mesa un reto fundamental: como converter os fluxos migratorios que estamos a recibir nunha oportunidade. Beatriz González López-Valcárcel falará da sustentabilidade da sanidade pública en España e José Manuel González-Páramo afondará no que cabe agardar da política monetaria nun contexto global incerto. E encaixando no medio das sesións, termos que atopar espazo para que Fernando González Laxe clarexe o escenario arancelario.

O venres, o foco porase na produtividade, reto básico da economía española e galega. Juan Francisco Jimeno debullará as claves para mellorar neste eido; e pecharemos cunha conversa sobre intelixencia artificial e democracia, entre Daniel Innerarity e Amparo Alonso.

Van ser dous días ben intensos.

Tracking Pixel Contents