Opinión
‘Pauperizar’ os pobres, (a propósito das exequias do papa Francisco)
A morte do Papa e a solemnidade das exequias posteriores fan difícil conciliar a proclamada humildade do Pontífice falecido coa magnificencia dos espazos nos que transcorreu a cerimonia. Uns espazos arquitectónicos tratados como escenografía litúrxica con dimensións colosais; esta retórica teatralidade, concibida como arte integral culmina no baldaquino de 29 metros de altura sobre columnas salomónicas. Neste punto preciso descansaba o féretro de Franciscus, sen catafalco, minimizado por tan desmesurada arquitectura. Este contraste televisado entre os anceios de humildade de Bergoglio e as suntuosidades arquitectónicas que rodearon o seu enterro evocan a guerra púnica intelectual librada entre Italia (polos partidarios de Pelaxio) e África (por parte dos partidarios de Agustín de Hipona). Este brillante debate entre predicadores, maxistralmente relatada por Peter Brown (Por el ojo de una aguja. La riqueza, la caída de Roma y la construcción del cristianismo en Occidente (350-550 d. C.) está na orixe dos contrastes actuais que acabamos de visualizar estes últimos días.
Arredor do ano 400 o mundo comezaba a mudar como consecuencia do transvase da riqueza da alta aristocracia, convertida ao cristianismo, ao seo da Igrexa. Esta circunstancia provocou o enfrontamento entre dúas paisaxes cristiáns: por unha parte o pelaxianismo (un -ismo composto de ideas heréticas) denunciaba con vehemencia a relación entre riqueza e poder gubernamental e predicaba a renuncia dos ricos se querían aspirar a entrar no reino de Deus; por outra parte, Agustín non esixía a renuncia, simplemente advertía da transitoriedade dos bens terrenais e aconsellaba aos ricos que fosen xenerosos e dadivosos. Era, en definitiva, unha guerra de doazóns para unha igrexa necesitada de grandes obras, catedrais e basílicas que contrarrestasen os símbolos pagáns de xogos, anfiteatros e cuadrigas. Esta circunstancia probablemente teña influído máis na condena de Pelaxio e dos seus seguidores que a negación da transmisión do pecado orixinal e a necesidade da graza divina.
No seu afán por alentar aos ricos para que axudasen aos pobres a predicación cristiá chegou a «pauperizar» os pobres da clase baixa para despois impoñerlles esta imaxe ás clases baixas en conxunto, co fin de xustificar que a riqueza da igrexa estaba destinada unicamente para coidar das persoas que se atopaban na miseria. Esta pauperización predicada queda perfectamente metaforizada cando o poeta Prudencio por volta do ano 405 escribe sobre san Lorenzo, mártir do século III, responsable como diácono das finanzas da Igrexa Romana, que dixera ao seu perseguidor o prefecto de Roma que lle entregaría todas as riquezas no seu poder. Recorreu a cidade san Lorenzo para recrutar todo un exército de indixentes, infectados, cegos e coxos que espantaron coa súa presenza ao prefecto, eran o patrimonio da igrexa. Podería pensarse que o reparto de pan e de alimentos, común no paganismo e no cristianismo, supoñían un hábito continuador pero as doazóns cristiáns representaban unha innovación moi importante: doar no seo das igrexas cristiás implicaba abrirse camiño cara o paraíso porque os pecados eran considerados débedas e estas podían cancelarse grazas á misericordia divina. «Os obsequios aos pobres e á igrexa eran vistos como préstamos a Deus que os devolvería con intereses inimaxinables» tal como recollen algúns sarcófagos de mediados do século V: Caelum donis terrestribus emit («Comprou o ceo con doazóns terrenais»). Como consecuencia desta loita sermonaria que nos describe e documenta Peter Brown maxistralmente non puiden evitar ver no ataúde diminuto do papa Francisco a metáfora do discurso heterodoxo e humilde do pelaxianismo e nas columnas salomónicas do baldaquino suntuoso, o discurso tolerante de Agustín, inspirador da doutrina oficial da igrexa.
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene las viviendas más baratas de la provincia
- El arquitecto técnico de Oleiros, en el juicio por el derribo de Casa Carnicero: 'Era imposible apuntalar, los muros se deshacían, había un riesgo elevadísimo
- Inditex inicia la cuenta atrás para abrir su centro logístico más moderno y sostenible
- Ryanair anuncia que no aceptará tarjetas de embarque en el móvil en estos tres aeropuertos
- El psiquiatra Enrique Rojas, experto en salud mental, sentencia a los infieles: 'El mejor amor se pierde si no se trabaja...
- Colesterol alto: los alimentos que debes eliminar y los mejores para controlar los niveles
- Yeremay no se mueve hasta el final de liga
- La fruta ideal para mayores de 50 años que mejora la memoria y controla el colesterol