Opinión | Olladas ao País

Vulnerábeis como persoas, soberanos como cidadanía

O apagamento eléctrico sufrido por case 60 millóns de persoas da península ibérica (12.33 do luns 28-A, hora galega) obrigounos mirar de fite á nosa vulnerabilidade. Nas primeiras horas do apagamento, cando partillar na rúa foi fenómeno xeral, eran comúns as conversas a respecto da marxe que tiñamos no uso da telefonía, do fornecemento da auga, da dispoñibilidade de alimentos e mesmo do eventual impacto do apagamento, despois de 3-4 días, nos servizos públicos esenciais e mesmo na saúde pública. Non sei se vostedes tiveron a mesma experiencia, mais o que escoitei na Coruña en directo e por mensaxería en Compostela, Vigo, Lugo ou Ourense, entre as 12.45 e as 15.15 deste día reflectía un coñecemento bastante acaído a respecto da nosa vulnerabilidade faltando o regular fornecemento da enerxía eléctrica.

Reflectiuse tamén, como compoñentes deste cadro de vulnerabilidade: I) a case total falla de diñeiro efectivo nos petos da cidadanía, fronte un comercio minorista que, en xeral, viuse privado do acceso aos medios de pagamento electrónicos, II) a falla de cociñas activábeis a butano ou outras fontes enerxéticas distintas da electricidade, que permitisen cociñar alimentos, III) a case xeral falla de pequenos celeiros familiares (2-3 días), non só de alimentos, senón de pilas, lanternas, candeas e baterías de móbil, IV) a moi espallada falla de combustíbel nos coches e motos e V) a falla de xeradores eléctricos, mesmo no noso medio rural que adoitaba dispor deles.

Velaí a necesidade de pensarmos a respecto da nosa falla de autonomía como persoas, mesmo para aturar 48-72 horas dunha conxuntura como a que vimos de vivir. E da necesidade de construírmos un practicum diante desta grave chata. Que poña tamén na nosa vida, como recursos de emerxencia, as chaves de pechadura física, as cociñas de gas ou as receitas en papel do persoal facultativo do Sergas.

Mais tamén esta gravísima crise reflectiunos a necesidade de sermos cidadáns, de sermos soberanos nunha sociedade democrática. Partillo co presidente do goberno do Estado a tese de que primeiro cómpre fornecer outra volta a subministración eléctrica e só despois pescudar nas causas da crise. Mais as formas —só dúas roldas de prensa en máis de 19 horas de proceso e sen permitir preguntas— reflicten un xeito de informar e dar contas impropio dunha democracia, que requiren dunha inmediata—si,inmediata— rectificación.

Seica un posíbel motivo desta lei temporal do silencio sexa que a xestora con maioría de capital pública do transporte da rede estatal eléctrica (Red Eléctrica de España-REE-) desbotara xa calquera causa delictiva, como atentados ou ciberataques e sinalara a un incremento súpeto da xeración de enerxía solar fotovoltaica duns 10 gigavatios (40% do consumo de todo o Estado e máis do 30% do consumo do perímetro ibérico atinxido nesta segunda, 28-A). Mais seica Sánchez non acredita nesta tese e pediu un informe independente á Comisión Europea.

REE coñece abondo as singularidades «da excepción ibérica» e a cumprida xeración de renovábeis, quer solar, quer eólica. O que non é xustificábel sería, de se acreditar, a preguiza e neglixencia, por falla de investimentos e mantemento, nunha rede que foi mudando a estrutura das fontes de produción do mix que nos da enerxía.

Mais o que non ten desculpa ningunha nin perdón do Noso Señor é esta desaquelada estrutura centralista que desconecta case 60 millóns de persoas usuarias sen deseñar ferramentas selectivas de desconexión que impidan estas catástrofes colectivas acoutando territorial e poboacionalmente os seus efectos. E que impidan que un país como Galicia, que exporta case o 40% da enerxía que produce, mormente ao resto da península, sexa a derradeira en recuperar a enerxía logo do grande apagamento ibérico.

Tracking Pixel Contents