Opinión | Res pública

A economía do apagamento

O apagamento eléctrico do pasado luns deixounos descolocados. Con tranquilidade e civismo agardamos a restitución do subministro. Mais as preguntas aboiaban nas conversas. Sen ser a máis relevante, xurdiu a referida ao impacto económico do evento. As primeiras estimacións que circularon poucas horas despois do suceso foron, como adoita acontecer nestes casos, aproximacións de orde de magnitude: dividindo o PIB anual entre 365 días para España daba unha cifra algo por riba dos 4.000 millóns. Aplicando a porcentaxe do peso de Galicia na economía española, obtíñase unha cifra arredor dos 200 millóns de euros. Porén, estes números só poden entenderse como unha referencia de partida. A realidade é que o impacto final vai ser moi inferior. Anque haberá que agardar unhas semanas para que os institutos de estatística nos dean unha cifra precisa, arríscome a suxerir que non chegará nin a un terzo. Por varios motivos.

En primeiro lugar, non todos os sectores sufriron perdas directas. Polo xeito no que se computa, o PIB correspondente aos servizos públicos e ás actividades inmobiliarias non se verán afectadas; e outras moitas actividades apenas verán afectado o seu valor engadido no conxunto do ano. En segundo lugar, o apagamento non durou 24 horas: ata o mediodía a actividade foi normal e, a partir das 6 da mañá do martes, a maioría das empresas xa recuperaran a normalidade, aínda que con certas dificultades no rearranque, especialmente na industria pesada. Terceiro, sectores como o comercio ou a hostalería recuperarán boa parte das vendas perdidas nos días seguintes.

Porén, hai custes que non se traducen en perda de PIB, mais que non se poden ignorar. Algúns son económicos, como as perdas por produtos perecedoiros estragados. A información agregada das compañías de seguros axudarán a ter unha estimación. E hai outros custes non económicos, pero moi relevantes para o benestar das persoas. Entre eles salienta a experiencia vivida polas persoas atrapadas en ascensores e trens, ás que o transporte de proximidade deixoulles tirados, ou aos dependentes de equipamentos médicos electrificados.

E tampouco podemos esquecer o impacto na confianza cidadá e empresarial en pleno proceso de transición enerxética. Se a chamada «excepción ibérica» fixo pensar no atinado das decisións tomadas previamente, o ocorrido nesta semana podería xerar sentimentos na dirección contraria. Por iso, é fundamental clarexar axiña as causas do apagamento, identificar responsables, e atopar solucións para desvencellar a atinada aposta polas renovables e pola electrificación das incertezas e medos por futuros apagamentos masivos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents