Opinión | Retallos do labirinto
Os sitios do pintor Lugrís. Rehabilitación e revitalización de “O Fornos”
Anima e máis a colectivos como «In nave civitas» —os que abandeiraron a reclamación— coñecer que o Parlamento de Galicia aproba por unanimidade crear unha mesa de diálogo, Xunta, Deputación, Concello... a fin de adquirir o baixo que foi do antigo restaurante Fornos, como espazo Lugrís. Entendido así o debate pode enguedellarse no «conto da boa pipa». Fálase dunha «mesa», dun debate e da parcialidade de adquirir o baixo sabendo que o espazo do restaurante en cuestión é baixo e primeiro...Proxecto museolóxico sempre inacabado que supón adquirir patrimonio, conservalo, estudalo, expoñer, divulgar... xerar recursos. Visto o que se ve noutras casas-museo, non se trata de «encadear» testemuños e expoñelos á ollada de espectadores. Hai máis na xestión do patrimonio, pero compren ideas, espazos e medios.

Os sitios do pintor Lugrís. Rehabilitación e revitalización de “O Fornos”
Urbano Lugrís González da para moito: nacido na Coruña en vésperas da Candeloria de 1908 e morto en Vigo, abrindo ao Nadal do 1973. Fillo do galeguista Manuel Lugrís Freire e de nai á pianista Purificación González, irmá do pintor Urbano González...formado como perito mercantil en Compostela, para vivir o Madrid rebuldeiro da Xeración do 27...fundador da revista Atlántida. Casa con Paula Vadillo, da que no 1942 nacera o seu único fillo Urbano Lugrís Vadillo, pintor que re-crea sobre as poéticas surrealistas, mitos e saberes mariños do seu pai.
Decisión de rescatar os espazos de O Fornos que nace de xeito serodio, cando as inversións en patrimonio cultural non deberan facerse esperar. Debéramos ter aprendida a lección de como diante dos nosos ollos «voaron» obras icónicas, véxase nos últimos meses o lenzo de o Pombal, obra feita en colaboración de Xosé Ruiz co seu fillo Pablo... onde nace o símbolo mundial da paz, a pomba picassiana... Tamén amezan o tempo e o vandalismo.
Non cavilan os poderes públicos en inverter en cultura para educar, si o fan, como negocio, os poderes económicos, con mellores inversións en Arte que os museos das administracións. A Fundación Barrié e Abanca, entre outras coleccións reúnen importante obra de Urbano Lugrís, en ocasións retallos de paredes de mesóns e tabernas que decorou a cambio de xantar.
Re-crear espazos sobre o Cuarto do Vello Mariñeiro
Decoración con murais, complementados co deseño de mesas, bancos, lámpadas... sen faltar, como nas películas do panteísta Bergman, o impávido reloxo de parede. Velaí os espazos da Confraría de pescadores de Malpica (1956), merecedora de atencións especializadas, con grandes paneis con textos. Onde aínda podemos atopar mesas, cadeiras de coidada carpintería deseñadas por Lugrís. No fondo destas decoracións latexa o que expresa no lenzo «o Cuarto do vello mariñeiro», no que se representa un interior cheo de exóticos trebellos mariñeiros: maquetas de barcos, pipas de fumar, cunchas, libros, catalejos, o globo terráqueo, o loro, unha xanela aberta ao horizonte... e esa áncora coa que asinaba Lugrís, a que alguén trazou con rotulador no seu nicho do cemiterio de Pereiró en Vigo... poético universo nerudiano.
Un dos espazos máis lugrisiáns, tramados con toda a súa fantasía, mesmo envolto en aura esotérica, é a Capela dos Santos Reis Magos en Bueu, rematada no 1953 en sitio no que existiu unha con esta advocación: un cubo dedicado no país das meigas aos tres celebrados e cantados Magos, con festividade que pon fin ao Nadal. Veneración tan presente nos camiños a Compostela, por aquelo de que os Magos foron peregrinos, guiados polas estrelas, cara a un lugar dun Nacemento, no oriente, en equivalencia aos peregrinos, tamén guiados polas estrelas, neste caso cara a unha tumba no extremo occidente do Mundo... Ermida de Bueu hoxe maltratada pola estrada, apenas se pode aparcar...e o interior espido, cando o pintor deixou bosquexada toda a decoración...pero falta coñecer e ansia para dignificar a cultura.
E o tema que nos trae aquí: a decoración cos murais de Lugrís do Mesón do Fornos, na coruñesa rúa dos Olmos, a «dos viños». Un templo para xantar e beber e no que o pintor pon alma, vida e corazón. Con aquel acolledor espazo baixo unha furna co mural da Vista histórica de A Coruña (1951): a cidade portuaria, a vista de serea, re-creando as espadanas dos templos, as tabernas, arriba os muíños de vento, a torre de Hércules ao fondo. No porto un galeón... Arco remarcado coa cartela de «Hic habitat felicitas», abondando na cantiga popular «vivir na Coruña que bonito é...». Ao entrar, á dereita outro gran mural representando un pan que se abre a un escenario para deixar ver o mar...logo non hai esquina sen pintar con eses óculos atravesados por exóticos peixes e algas, as bandeiras náuticas, os catalexos...
No 1997, nun programa de recuperación de patrimonio cultural levado pola Deputación Provincial, rescatáronse no edificio de Sindicatos, na Praza de Vigo dous grandes murais de Labra que foron trasladados a Mariñán, todo un documentado referente neste delicado tipo de recuperacións, realizado pola empresa de Oleiros Ollarte. Daquela, entre outras inversións analizouse a posibilidade de rehabitalizar o Fornos... contemplando que o lugar seguira cumprindo a súa función: un homenaxe ás tabernas e mesóns, onde se canta, se conta e se crea, onde radican tantas cousas da cultura galega. Proceso de recuperación museográfica que require documentarse, publicarse con texto e fotos: o antes, o proceso de rehabilitación...
Dublín, un referente, cos seus inspiradores pub
Galiza pode seguir a mirarse no espello irlandés, tan como fixeron románticos e modernistas. País que se gaba de céltico, de creadores contrafío, onde os pubs son inspirador punto de encontro, onde se segue contando e cantando penas e glorias comúns, ao estilo bárdico. Onde manda a decoración acolledora, entre pipotes, xerras... Velaí o «Ulises» de Joyce, un periplo urbano, por esas tabernas, tapeando riles de porco fritos entre xerras de cervexa. Periplo rememorado cada 16 de Xuño como o «Bloomsday», o día de Leopold Bloom, persoeiro da novela que se centra en 24 horas e no Dublin de 1904.
E velaquí a Coruña, o noso Dublín, onde Lugrís, como moitos outros creadores da xeración «do medio século», tamén coñecida como Atlantida”, en honra da revista que axudou a crear e que entrelazaba Galiza co Alenmar dos exiliados, tiñan punto de encontro e parladoiros de taberna e pola tarde café en lugares como O Enrique, o Salto do Can, o Galicia, o Parrote.... González Garcés, Naya, Mariano Tudela, onde se atraeu a Cunqueiro...nos veráns a Cela, Martínez Barbeito... cos pintores Labra, González Pascual, os irmáns García Patiño, Abelenda...e como un patriarca da bohemia, Urbano Lugrís, en tantas ocasións do ganchete do poeta da Barbanza Antón Avilés Vinagre, que pousaba na Coruña en Casa de Pochola, unha bailarina do Ballet Galego Rei de Viana e na que durmía baixo o piano de cola.
Compre na Coruña unha taberna referente, que re-cree entre tradición e innovación, que, nun baile de cuncas e xerras de louza branca recobre aquel inspirador espírito, caracterizado por unha decoración como a que pretendía Lugrís, outorgándolle carácter sacro ao sitio. Ao fin e ao cabo por algo nunha Misa se consagra o a pan e o viño, «produtos da terra e do traballo». E ben sabido é que un caldo, que o xamón, a tortilla de Betanzos, que o pulpo do Carballiño, os pementos de Padrón, a carne asada, entre tanto receitas de tradición que non traizoa, son bo cebo de sedución. Proba do fondo valor desa cultura que é o que cultivamos e levamos posta.
A Coruña, a que acende faro e abre porto e tabernas dende a Antigüidade, ben merece recuperar ese espírito mariñeiro no que pretendeu a maxia surrealista, atlántica do xenial Lugrís, o que para vivir foise a Vigo, atraído polos Masso, polos amigos, os Álvarez Blazquez, Cunqueiro. X. Maria Castroviejo, Laxeiro... e alimentar o espírito das tabernas mariñeiras.
- Esta era la playa favorita de Jesús Vázquez durante su infancia: a media hora de A Coruña
- La residencia de Eirís, financiada por Amancio Ortega, abrirá a final de año
- El Concello de A Coruña prepara 'una serie de conciertos' en Riazor en 2026 como 'despedida antes de las obras' por el Mundial
- Gonzalo Castro: 'Hay una posición muy negativa de la propiedad del Deportivo que no había en 2022
- El Deportivo, atento al mecanismo de solidaridad por Álvaro Carreras: hasta 375.000 euros extra
- Fallece una mujer y otra resulta herida al ser atropelladas por una furgoneta de reparto de pan
- La mastectomía endoscópica se afianza en el Chuac de A Coruña: «Es mucho menos invasiva»
- Abre Spark81 en A Coruña: el primer espacio de juegos inmersivos en Galicia