Opinión | O Grupo Naturalista Hábitat Opina
Cosme Damián Romay Cousido
Sobre as aves de Baldaio
O complexo húmido de Baldaio (Carballo) é un dos espazos naturais de maior valor do litoral galego. Varios centos de especies de seres vivos foron catalogados nesta área de apenas seis quilómetros cadrados, con fauna e flora ameazada a nivel galego e/ou a nivel español. Entre as aves, podemos subliñar a poboación reprodutora de píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus, antes Charadrius alexandrinus), «vulnerable» en Galicia e cun plan de conservación aprobado pola administración galega. Esta pequena limícola é obxecto dun enorme esforzo de seguimento por parte do voluntariado coordinado polo G. N. Hábitat e pola asociación Senda Nova. Once parellas da especie se reproduciron con éxito no ano 2023, con trinta e tres polos que finalmente lograron voar —toda unha marca!—. Un bo traballo que se une a outros organizados por Hábitat e Senda Nova arredor de Baldaio, todos de carácter divulgativo e formativo e que contan con todos os permisos necesarios. Outras moitas especies de aves se dan cita alí, destacando máis dun cento de especies migradoras que atopan neste complexo húmido un perfecto lugar de «parada e fonda» nas súas migracións. Onte mesmo celebrouse o Día internacional das aves migratorias, que serve para dar a coñecer estas especies, compilar nova información no campo e para alertar da destrución dos seus hábitats. Precisamente Baldaio estivo a piques de chegar a un punto de non retorno no ambiental: tras máis de trinta anos de explotación por parte dunha concesión marisqueira (que realmente se dedicaba á extracción masiva e ilícita de area), un 8 de maio de 1977 milleiros de persoas manifestáronse en Carballo reclamando que se «devolvese á veciñanza» este espazo. Co apoio da información ambiental aportada por naturalistas como José Antonio de Souza, lográronse paralizar a finais dos 70 as extraccións de area. Poucos anos despois protexeuse a esa lagoa litoral e a súa contorna inmediata, primeiro como Refuxio de Caza e anos máis tarde como espazo natural protexido. Hoxe Baldaio forma parte da Rede Natura 2000, tanto como Zona Especial de Conservación como Zona de Especial Protección para as Aves. En todo caso, as ameazas seguen estando presentes: dinámica litoral alterada por obras humanas, molestias constantes por parte de paseantes con cans soltos —letais para as píllaras nidificantes—, presenza crecente de especies exóticas invasoras, chegada incesante de plásticos ao sistema litoral, etc. De todos e todas depende a conservación desta xoia natural a moi pouca distancia da cidade da Coruña.
Conclusión: O G. N. Hábitat seguirá traballando a favor da conservación da píllara das dunas e de todas as especies, ameazadas ou non, presentes en Baldaio, como vén facendo desde os anos 70.
- Roberto Leal detiene Pasapalabra para anunciar la feliz noticia: 'Momento muy importante
- Zara vuelve loca a A Coruña con una colección exclusiva de San Juan: solo a la venta en la calle Compostela
- Los siete fichajes ineludibles del Deportivo
- Venden una finca de 1.500m² con casa a reformar y en zona costera por menos de 50.000 euros: a 1 hora de A Coruña
- Parece Ibiza, pero es Galicia': esta pequeña cala a pies de un acantilado está a 1 hora de A Coruña
- El Supremo legitima a Oleiros para recurrir el área proyectada en O Seixal
- El Estado desoye las quejas y da por concluida la mejora del cruce de Ferrol
- El Dépor activa la operación salida con Iván Barbero negociando y cuenta con adioses en los próximos días