Opinión | Cifras e letras

Director CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC

Selectividade e educación maquinal

Recordo cando fixen a selectividade, aínda que xa pasaron máis de catro décadas. Días como eses non se esquecen facilmente. Apenas reteño na memoria as preguntas do exame, pero si teño moi vivos os nervios, sobre todo xusto antes de entrar na aula da facultade de Dereito de Santiago. Había colegas e moitos descoñecidos, pero todos unidos pola empatía entre quen camiñan xuntos cara ao patíbulo. Os descansos servían para alimentar de novo a ansiedade, ao comentar preguntas e respostas. Un bocadillo ao mediodía, comido con présa nas escaleiras da Quintana, un intre tombado ao sol sobre o banco de pedra e volta ao tallo.  

Este ano a selectividade cambia. A Lei Orgánica de Modificación da Lei Orgánica de Educación (LOMLOE) introduciu reformas importantes. Veremos ata onde chegan, pero o obxectivo é acertado: facer a proba máis equitativa e homoxénea en todo o Estado e centrala en competencias máis que en contidos. Os exames incorporarán cambios na súa formulación e avaliación, incluíndo máis preguntas orientadas ao desenvolvemento de ideas, ao pensamento crítico e á creatividade.

Gústame a letra, pero máis aínda se a música acompáñaa. Explícome: o propósito é valorar aqueles coñecementos que son máis relevantes para a formación integral dunha persoa. É máis xusto e formativo. Pero o seu verdadeiro valor medirase non só nos resultados da proba, senón tamén ex ante.

Digo ex ante porque estes cambios na selectividade deberían implicar unha transformación na forma de ensinar durante os anos previos. Hai docentes —e centros no seu conxunto— que orientan o ensino exclusivamente a maximizar as notas na selectividade, desvirtuando así o proceso educativo e o que debería ser a avaliación de coñecementos e competencias. O bacharelato, especialmente o último curso, convértese así nun adestramento para superar un exame, e non nunha preparación para os retos académicos, persoais e profesionais que esperan máis aló. Se a selectividade fose unha proba de natación, algúns centros serían hoxe estanques ou piscinas olímpicas, segundo os recursos dos que dispuxesen. 

Ademais de perverter o sentido auténtico da educación, este enfoque premia a quen mellor se adaptan a un ensino desnaturalizado: unha educación baseada sobre todo na memorización, a resolución de problemas estándar e o saber segmentado. Fréanse vocacións, homoxeinízanse os perfís académicos e relégase o que realmente importa. A selectividade debería ser un instrumento máis na formación do estudante, non o obxectivo final do bacharelato. 

Oxalá os cambios na selectividade sirvan para reformular que e como debe aprender un estudante. Oxalá sirva para fomentar o pensamento crítico, a comunicación, a creatividade, a aplicación do coñecemento, o traballo autónomo e en equipo, a reflexión ética, a toma de decisións… Son aspectos, todos eles, moito máis valiosos que memorizar e repetir como máquinas, algo no que ademais nunca lles gañaremos a estas.

Xusto aquí quería chegar: á educación maquinal na que seguimos en certa medida atrapados. 

Saben vostedes como se adestran os modelos de linguaxe tan populares hoxe en día? Si, refírome a ChatGPT e compañía. Pois precisamente así: insistíndolles teimosamente con textos que a forza de ser repetidos acaban dalgún modo sendo aprendidos, pero escasamente comprendidos.

Tracking Pixel Contents