Opinión | Olladas ao País

Non haberá fusión Abanca-Sabadell

Moi cedo onte, 12-M, publicouse no xornal catalán La Vanguardia e axiña noutros media estatais que o Banc Sabadell abrira negociación con Abanca (e segundo outras fontes tamén cos andaluces de Unicaja) para evitar o proceso aberto coa OPA do BBVA a respecto da totalidade do capital social do banco catalán.

Axiña tamén Abanca rexeitaba a existencia de negociación ningunha co Sabadell, salientando a súa falla de interese na operación e engadindo que só haberían participar en operacións que garantisen o seu modelo de gobernanza e de negocio. Suliñaba ademais a súa prioridade em rematar a xeito a integración do banco portugués Eurobic.

No mercado bancario español non se entenden os bancos medianos (e nesta categoría xogan o Sabadell e Abanca) que non teñan máis horizonte ca a fusión por absorción polo Santander, BBVA ou Caixabank. E, pola contra, ninguén pescuda operacións ben máis xeitosas para clientes, accionistas, organizacións empresariais, sindicais e sociais ou mesmo Administracións Públicas como son as fusións interestatais, con bancos de alén do Estado.

E velaí unha das chaves. Semella que ninguén se ten decatado nalgures da sólida implantación de Abanca en Portugal. Un proceso que foi encetado hai bastantes anos e que na altura asiste á consolidación de Abanca como banco con moi sólida implementación, quer no estado español, quer na República portuguesa. Velaí algúns dados. No 1T 2025 Abanca acadou 25.000 novos clientes no Estado e 11.000 novos clientes en Portugal. A absorción do Eurobic fai da entidade galega a sétima do estado (650 oficinas arestora, mesmo despois da absorción do Targobank) e a sexta de Portugal (250 oficinas).

Os contactos do Sabadell con Abanca son especulación recorrente. Mais semella que desta volta pode haber un obxectivo na entidade presidida por Josep Oliu e dirixida polo ex CEO de NCG Banco, César González-Bueno. E ese obxectivo sería acadar un partner (chamado na prensa económica de Madrid un cabaleiro branco) que lle servise ao núcleo duro de Oliu para propor, coa xurídicamente necesaria aprobación, mesmo no limiar, da súa Xunta de Accionistas, unha fusión interestatal con outra entidade europea. Quizais o italiano Unicredit.

O soño do órgano reitor do Banco Central Europeo (BCE), pois que son estas as fusións que non prexudican á libre concorrencia e ao acceso ao crédito de familias e pemes. Neste senso o bulo-globo-sonda de hoxe tería a utilidade de que ollemos cara ao dedo no canto de ollarmos cara á lúa.

Porque, non o dubiden vostedes, a fusión entre BBVA e Banc Sabadell é nomeadamente prexudicial para as pemes de Catalunya, les Illes e País Valencià, onde a restrición do crédito neste vector sería moi importante. Como tamén para Galicia calquera operación corporativa que integrase Abanca nunha entidade maior, tanto na oferta de préstamos, créditos e servizos ás pemes e persoas consumidoras como no gravísimo impacto nos milleiros de postos de traballo moi cualificados nos seus servizos centrais na Galicia. Unha operación que arestora, por sorte, non se albisca.

A presenza maciza —non só circunstancial ou periférica— de Abanca en Portugal dálle unha dimensión e estabilidade europeas e faina máis forte fronte pulos á integración de entidades financeiras no ámbito intraestatal, sempre moi custosas en danos para os clientes (quer consumidoras ou pemes) e para as cidades-sede dos bancos absorbidos dese xeito. Velaí a vantaxe de mantermos a concorrencia ou, cando menos, limitar as absorcións e fusións a entidades de diversos Estados que non teñan duplicidades de rede e, xa que logo, non xeren esta caste de efectos prexudiciais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents