Opinión | Retallos do labirinto
O día despois do das Letras Galegas: o 18 de maio Día dos Museos
No almanaque civil, despois do 17 de maio —neste ano dedicado pola Academia Galega aos cantares populares— sigue na liturxia festiva o 18, celebración instituída polo Consello Internacional dos Museos no 1977 como Día Internacional dos Museos. E sempre cun lema a desenvolver arredor destas institucións non ben entendidas aínda. Neste ano a dedicación é «O futuro dos museos en comunidades en constante cambio». Non vén mal volver a cabeza atrás á Grecia do sc. V aC. e cavilar no devalar de Heráclito: todo sempre está mudando, e de xeito acelerado neste tempo da revolución informática, coa conseguinte uniformización global.

o día despois do das Letras Galegas: o 18 de maio Día dos Museos
Ben aquece reflexionar sobre a definición de museo, debendo tomar nota as políticas de goberno: entender estas institucións como aulas abertas, complementarias da educación, para informar e formar. Pois velaí a última definición oficial: «O museo é unha institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e mostra, tanto o patrimonio material como inmaterial. Abertas ao público, accesibles e inclusivas. Os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética, profesionalmente ofrecendo experiencias variadas para a educación, o lecer, a reflexión e o intercambio de coñecementos». Entendido así non todo é museo, quedando en simples cuartos, centros interpretativos dun tema.
A fin de evitar pancartas, minutos de silencio, unha sociedade en eterno descontento, os poderes públicos deben de investir en educación e o museo require espazos axeitados, para recibir, moverse, expoñer, almacenar, investigar, divulgar... e o conseguinte persoal cualificado para unha misión tan especializada e sempre cambiante.
O museo adquire, colecciona patrimonio significativo, inversión de futuro, que será documentada, que se conservará ou exporá tratando de entendela, acudindo á sinxeleza, a esas fórmulas que permiten as novas tecnoloxías, afastadas de soporíferos textos.
O Museo de Pontevedra, como un Museo Nacional de Galiza
En Galiza, séguense a dar pasos de madurez da ciencia dos museos, a museoloxía, dende aquela idea de rehabilitar edificios históricos para tal fin, con todas as súas limitacións para a funcións dun museo de hoxe: castelos, mosteiros, pazos... cumprindo con este fin a misión de revitalizalos, crear coleccións, formarse os técnicos, educar... Pois velaí que a memoria dun museo é sempre inacabada, sometida a novos achados expositivos, conservación, almacenaxe, estudo... Como exemplo merece terse en conta a historia do Museo de Pontevedra, o seu decorrer ao longo do sc. XX: dende aquela inicial exposición lapidaria nas ruínas de Santo Domingos, despois complementada nos pazos do sc. XVII, o Castro Monteagudo, corazón do museo, ao que logo se unirá o edificio denominado de García Flórez, continuando a ampliación cos espazos do Fernández López, do Sarmiento e, dende o 2007, co edificio Castelao, xa o museo feito para museo polos arquitectos Eduardo Pesquera e Jesús Ularguí... e a recente incorporación ao complexo museístico do mosteiro de Santa Clara.
A Deputación de Pontevedra, creadora no 1927 e da que depende o Museo de Pontevedra, atinou ao guiarse polos profesionais e entender a significación da cidade, de Galiza, da cultura e dun museo. Inversión que, ao cabo dos anos, fixo deste centro o máis aproximado a un Museo Nacional de Galiza. Nas súas raiceiras está a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, creada no 1894 por Casto Sampedro, para ao cabo dos anos sumarse as ansias de Lousada Diéguez, Castelao, Sánchez Cantón... e a misión continuadora de Filgueira Valverde,recollendo memoria, documentación, tradicións, o idioma, labor entendida e seguida por Carlos Valle.
Unha visita ao Museo de Pontevedra lévanos dende o Paleolítico á contemporaneidade, pasando polos tesouros da idade do Bronce, pola Cultura Castrexa, a romanización, e ese mundo medieval... Longo recorrido que sigue pola creación no Romanticismo e nese Modernismo, protagonizado por Castelao, por artistas que, dende o Decadentismo, ante a ameaza dos imperios e da globalización uniformizadora buscan o «espírito da terra», para afondar e innovan sobre as tradicións, na maxia do realismo máxico, tan propio a este confín que din de raiceiras célticas, para na guerra e na posguerra verse todo trastornado, moito ser masacrado, outros camiño do exilio ou encunchados en si mesmos. Castelao pon o seu saber a cumprir a premisa de non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono, o xenial debuxante denuncia a persecución, os crimes do golpe franquista cos álbums de guerra.
Para enxergar ao Museo de Pontevedra merece varios días de visita, e non é todo o que se ve, se non o que garda entre os fondos en reserva: a colección de acibeches, tan vencellados a Galiza e á peregrinación; a colección de estampa e gravado galego, fundamental para analizar as devocións; a colección de aderezos tradicionais galegos, a ourivería... e tantas cousas das que algún día vimos unha pequena selección no primeiro edificio, aquel que seguiu pautas de imaxe de Castelao, silueta da que fixo logotipo o arquitecto Alejandro de la Sota.
A necesidade de espazos, de persoal cualificado para a xestión... e de horarios axeitados
E o Museo de Belas Artes da Coruña, fundado no 1922 da man da Academia Galega de Belas Artes, abrindo portas no 1947 no edificio do Real Consulado, dende 1987 dependente da Xunta de Galicia e dende 1995 con novo edificio e parte do antigo convento das capuchinas, premiada obra do arquitecto Gallego Jorreto. Si ben xa espazos coutados, merecedores de ampliación á área inmediata, retomando aspectos museísticos do edificio do Consulado.
Polo demais o Castelo de San Antón, de propiedade municipal, creado no 1968 suplica novos espazos para a xa sólida colección, deixando a fortaleza como museo de si mesmo: o lazareto, a defensa, a cadea que foi...
Outro dos referentes é o Museo de Lugo, creado no 1932, propiedade da Deputación, no 1957 aberto no rehabilitado mosteiro de San Francisco, obra do arquitecto Manuel Gómez Román, ampliado no 1997. Centro cunha rede museística por toda a provincia que garante a salvagarda de aspectos significativos da cultura galega, como o Museo do Mar en San Cibrán, as Torres de Narla, ou o Pazo de Tor.
E... a historia interminable do edificio do Museo de Ourense, creado no 1845 no pazo do bispo Carrascosa, dependente da Xunta de Galicia, aínda en obras dende 1980 e cun espazo expositivo provisional nas dependencias do antigo convento de San Francisco.
E as casas-museo, en evolución e arredor da vida e obra de autores como Rosalía, Curros, a Pardo Bazán, Valle-Inclán, Curros, Pérez Lugín, Manuel Antonio, Fdez. Flórez, Novoneyra, Manuel María...
Desexamos, toma de conciencia e o futuro desexado polos seus creadores para o Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside de Sada, o mesmo para a Fundación Seoane... que se encamiñen como Vigo fai co MARCO. Velaí o esforzo exemplar de coleccións como o Museo do Gravado de Artes en Ribeira...
Insistindo nas atencións que merece o rico patrimonio etnográfico: o Museo de Ribadavia, o do Ribeiro, do Forno do Forte de Buño, os Batáns do Mosquetín en Vimianzo, as Pallozas do Cebreiro e dos Ancares, como tantos esforzos e penso nas coleccións Liste de Oseira e Vigo, no Monte Caxado das Pontes, no da Capela, no de Meixido en Ortigueira... O esforzo do Museo de Betanzos, e sempre no Museo do Pobo Galego en Compostela, proba amor e saber do seu padroado, sometido ao eterno problema das institucións inacabadas: a ampliación de espazos e de persoal cualificado... E o patrimonio industrial: mineiro, portuario, ferroviario, o cine...
As administracións deben acordar un estatuto especial para o persoal dos museos. Pois estas institucións reducen horario cando mais se poden visitar, sábados, domingos e festivos. O 18 de maio é o día ideal dos museos, con horarios e actividades intensivas.
- Roberto Leal detiene Pasapalabra para anunciar la feliz noticia: 'Momento muy importante
- Zara vuelve loca a A Coruña con una colección exclusiva de San Juan: solo a la venta en la calle Compostela
- Piqué y el Andorra celebran su ascenso a LaLiga Hypermotion en A Coruña
- Una mujer resulta herida tras caer a las vías ferroviarias en Casablanca, en A Coruña
- El segundo improbable por Rafa Obrador
- Los siete fichajes ineludibles del Deportivo
- Venden una finca de 1.500m² con casa a reformar y en zona costera por menos de 50.000 euros: a 1 hora de A Coruña
- Parece Ibiza, pero es Galicia': esta pequeña cala a pies de un acantilado está a 1 hora de A Coruña