Opinión | Shikamoo, construír en positivo

17-M: un día contra ninguén e a favor de todas as persoas

Hoxe, 17 de maio, é o Día das Letras Galegas, no que cada ano conmemoramos a expresión e a literatura na nosa lingua propia, o galego. Este ano dedicado á poesía popular oral, que á súa enorme harmonía e beleza suma ás veces importantes doses de descoñecemento. Sería fantástico que esta celebración sirva para que a mesma estea máis presente no noso imaxinario, así como para normalizar máis a comunicación e a arte en galego.

En clave máis global, o 17 de maio tamén é o día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia, é dicir, contra todo tipo de rexeitamento cara ás persoas que se manifestan homosexuais, transexuais e tamén bisexuais. Unha data elixida tendo en conta o día no que se acordou a eliminación da homosexualidade da lista de enfermidades mentais por parte da Organización Mundial da Saúde, un 17 de maio de hai agora 35 anos, en 1990. Esta é unha xornada que se celebra desde 2005 e que ten como obxectivo principal o de coordinar accións que sirvan para denunciar a discriminación, a violencia e as hostilidades contra estes colectivos, facendo avanzar os seus dereitos. Non facendo de ningunha maneira retroceder os dereitos de ninguén, claro está, senón progresando nos dereitos específicos do grande colectivo LGTBI, antes simplemente ignorados e pisoteados sen máis.

Unha e outra celebración son importantes e moi necesarias na sociedade. Pero como un xa leva moito tempo falando destas cousas e vendo certas reaccións a este tipo de conmemoracións, fago esta columna que busca avisar de modo preventivo aos navegantes. En que sentido? Pois, nin máis nin menos, que deixando claro que nin unha cousa nin outra van contra ninguén, e si a favor de todo o que se queira sumar á sensación de vivirmos nunha sociedade máis libre e inclusiva, precisamente por respectar máis e por sumar máis dereitos —e non restalos— na esfera xurídica dos particulares. O 17 de maio non é, así, un día contra ninguén. É un día no que cómpre facer un esforzo especial por atender eidos específicos antes ou ben descoidados ou ben menosprezados. Esa é a idea.

Miren, eu escribo neste xornal desde hai 23 anos dúas columnas á semana, xeralmente en castelán. E o fago noutro unha vez ao mes desde hai menos tempo, en galego. Ademáis diso, ás veces publico algunha outra cousiña de forma ou ben singular ou ben máis espazada no tempo noutros medios. O feito de facelo nunha ou noutra lingua é para min non un problema, senón unha riqueza. Poder expresarme en galego é importante, e síntoo como moi meu. E facelo en castelán, tamén. Así, os galegos temos a sorte de ter dúas linguas, unha propia e máis específica de nós, ese galego que xunto co portugués evolucionou desde o latín de forma particular nesta franxa occidental da Península, e outra —o castelán— que tamén forma parte do noso patrimonio, e que eu particularmente uso e sinto coa mesma familiaridade. Ter as dúas cousas e poder expresarnos indistintamente nelas é máxico e feiticeiro. E é un dereito de todos e de todas, sen dúbida algunha. Por iso é preciso poñer ao galego, moito máis, no sitio que lle corresponde, e traballar arreo para que en todos os ámbitos da nosa sociedade sexa utilizado de forma normalizada. E isto é así porque a diagnose é clara, cunha profunda asimetría hoxe entre as dúas linguas, que amerita un urxente e imprescindible traballo diferencial a prol do galego. Porque o prezo que podemos chegar a pagar se non o facemos así é a posibiidade de perdelo. E iso sería catastrófico en termos culturais e sociais.

Pero o traballo que busca fornecer ao galego dunha saúde para moitos anos non vai contra os castelán falantes nin contra ninguén. Busca precisamente enganchar a quen afirma ser de aquí ou vivir aquí pero non fala nada de galego, e propoñerlle ser tamén alguén nesta viaxe. E niso a proposta parécese moitísimo á que se artella na sociedade en relación cos dereitos LGTBI e coa loita pola non discriminación neste ámbito: non se trata de convencer a ninguén para que teña un tipo de parella, outro, os dous ou ningún. Trátase, polo contrario, de crear un clima de respecto no que as persoas poidan realmente ser quen son, amar como amen e manifestarse en consecuencia. Xa está. Sen as imposicións que veñen da situación anterior, de forte opresión e de laceración dos dereitos. Pero ninguén vai ser homosexual, bisexual ou transexual polo feito de que se respecten os dereitos de todas as persoas. Iso non é así.

Falen galego ou castelán, desfrutando de ter as dúas posibilidades, como parte da nosa riqueza. E sexan quen sexan e como sexan, respecten a todas as persoas e, a partir de aí, avancemos en civismo e convivencia. Feliz Días das Letras 2025! Feliz Día contra a Homofobia, a Bifobia e a Transfobia! Feliz vida, que é primavera!

Tracking Pixel Contents