Opinión
De re lexicographica (X): Exilio interior e insilio
Esta nosa particular sección non obedece en absoluto a ningún prurito científico ou académico como malinterpretan algunhas persoas. Simplemente responde ao convencemento de que os relatos constrúense con palabras e estas son o armazón do discurso historiográfico que parte de prácticas escritas para mostrar unha visión do mundo e outorgar sentido ao que nos rodea. Nesta liña argumental son moitas as palabras que, usadas na fala e no debate político, non figuran nos nosos dicionarios, ausencias favorecidas pola tendencia da maioría dos nosos escritores que, obedientes, non se atreven a usar palabras que non estean refrendadas pola pretendida auctoritas que proporciona o mundo académico e libresco; ratifican deste xeito a tendencia normativa imposta en non poucas ocasións pola oficialidade que impulsan o mundo editorial e os poderes establecidos. Non debe sorprendernos que fose Otero Pedrayo (1928), audaz e destemido neste aspecto, o primeiro en usar a palabra «exilio» cando aínda non estaba recollida nos repertorios lexicográficos galegos. Unha voz que non se asenta definitivamente na escrita galega ata despois da década de 1980 cando se desata o debate e polémica sobre os proxectos políticos dos exiliados da guerra de 1936. A demora é moito máis significativa a respecto do concepto «exilio interior» que aparece por primeira vez na nosa literatura na obra de Antón Reixa Ringo rango (1992) nunha moi feliz expresión metafórica: aturaba o exilio interior con asma e perplexidade. Sorprende, seguindo esta reflexión, como se incorporan voces novas ao portal das palabras,como ‘viravento’, ‘fochanca’, ‘ciberataque’ ou a barrabasada ‘weltanschauung’, neutras ideoloxicamente, e se postergan outras que teñen connotacións políticas como «exilio interior» ou «insilio», con carga ideolóxica denunciadora da represión franquista. Malia que todo semella científico e obxectivo, nas postergacións e ausencias lexicográficas hai unha loita política soterrada, unha loita polo discurso (batalla cultural en palabras da inefable Esperanza Aguirre) que non debemos descoidar. Fagamos historia: o concepto frasémico «exilio interior», de introdución recente no mundo hispánico, procede dun artigo inicialmente publicado en francés (L´Express, 383, 16 de outubro,1958) por Miguel Salabert (Madrid,1931-2007) co título de L´Exile Intérieur, que máis tarde (1961) dará título a unha novela do mesmo autor que non será traducida ao español ata 1988 pola editorial Anthropos. Foi refrendado o concepto posteriormente polo hispanista norteamericano Paul Ilie na súa obra Literature and inner exile: authoritarian Spain, 1939-1975 (Literatura e exilio interior: a España autoritaria, 1939-1975, 1980); e que queda canonizada polo uso que fai da expresión o presidente do Goberno Adolfo Suárez en sede parlamentaria diante do propio Salabert que, de volta do exilio, estaba seguindo desde a tribuna dos convidados a intervención e que lle fai dicir o seguinte: «Cuando un Suárez u otro cualquiera de sus congéneres emplea una expresión de cuño literario, ya puede decirse que esta se ha convertido en un lugar tan común como un urinario público...». (Miguel Salabert, El exilio interior, Hoja de Lata, 2025).
Da mesma maneira que a voz «exiliado» comparte campo semántico coas palabras emigrado, desterrado, transterrado, expatriado ou refuxiado, o termo «exilio interior» está entrando actualmente en disputa coa palabra «insilio». Numerosos investigadores, entre eles o profesor Aznar Soler, propoñen a utilización desta última palabra, «insilio» ao valorar a expresión «exilio interior» como un concepto contraditorio desde a súa propia etimoloxía na que, como é sabido, ex- significa fóra. De calquera maneira, se a palabra exilio foi tardía nos dicionarios as voces «exilio interior» e «insilio» non tiveron aínda acollida nos mesmos cando levan moitos anos sendo obxecto de debate e formando parte dun diálogo que contribúe a fortalecer as nosas liberdades. O portal das palabras, da mesma maneira que inclúe «roupa interior» ou «monólogo interior» no seu apartado «Frases e expresións» podía acubillar, darlle protección ao «exilio interior» aínda que non fose máis que para «sobrevivir á vergonza» tal como remata o artigo de Salabert no semanario francés: Nous sommes des millions, aujour d’hui, à vouloir survivre à la honte.
- La grave enfermedad que pasa desapercibida y crece cada vez más: 'Me decían que no tenía nada y llegué a pensar que era cáncer
- Reencuentro romántico en Pasapalabra: 'Fuimos novios
- Detenido por matar a su pareja a puñaladas en la Sagrada Familia
- Amaia y Diego, el brillo de un ángel y un indie loco en O Son do Camiño
- Roberto Leal confirma la noticia sobre Manu y Rosa de Pasapalabra: 'Están felices
- Así es el mercadillo más popular cerca de A Coruña: cada sábado desde hace más de 40 años
- Este restaurante de carretera se está popularizando en la provincia de A Coruña por su churrasco a la brasa
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso
Un segundo hogar en DomusVi que supone bienestar desde el primer día

