Opinión | Retallos do labirinto
A Coruña, aquela Dublín nosa dos anos grises da posguerra
O martes e 13 de maio, a profesora de Teoría da Literatura da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González leu o discurso de ingreso como numeraria do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. O tema ben sabido por ela: Mariano Tudela (1925-2001) e a súa xeración literaria. Grupo coñecido como o do medio século ou a de Atlántida (1954-1956), en honra da revista publicada na Imprenta Roel da Coruña, editada pola Delegación Provincial del Ministerio de Educación, con todo o que significaba de control por parte da ditadura. Páxinas que unían a mozos, nenos que foron, os que nos rumores do silencio escoitaron falar dos fusilamentos do Campo da Rata, das frustradas fuxidas do Portiño ou que os libros arden mal...
No ADN de Olivia enredase a literatura, a arte, a masonería, o comercio, a fotografía e até a historia dun fareiro de Cabo Vilán... Estudosa de persoeiros controvertidos en circunstancias difíciles, o paso dun tempo que cultivou a liberdade, a República, a unha ditadura desalmada. Estudosa de Risco, con canto significou no Modernismo galego, creador de irmandades, seminarios, confrarías....poñéndolle aura de «espírito» a un Nós (plural e maxestático). Historiadora da Coruña literaria, aquela Dublín nosa, punto de encontro de singularidades.

Ingreso de Olivia Rodríguez González no Instituto José Cornide, o 13 de maio, no Concello. / Iago López
Nena que se quedaba durmida entre o teclear da máquina de escribir do pai ou entre o rumor de parladoiros, nubes de fume de tabaco e café. Familia coruñesa formada pola tradutora Ascensión González Deus e o xornalista-escritor Mariano Rodríguez Tudela, os que, buscando futuro, no 1956, aséntanse en Madrid. Na obra Una vida de literatura, Olivia esténdese nas orixes familiares. Lembra os veráns na Coruña, na casa da avoa materna, ao o seu pai recibindo amizades, entre as que estaba o pintor arxentino Rafael Usandivaras, colaborador de Atlántida, as conversas co seu tío político, o pintor Labra. Acompañando ao pai á radio, á televisión... Bacharelato no Instituto Lope de Vega de Madrid, universitaria nunha Complutense que pon en contraste o restroballo dos profesores colocados polo franquismo cos substituídos, paseados ou exiliados. Moi pegada á cultura, ao teatro, a canto se relaciona con Galiza... No 1976 impactada pola interpretación de María Casares no Adefesio de Alberti; no 1979 coa Irmandade Galega, na homenaxe a un Celso Emilio Ferreiro que dirixe a Aula de Galicia no Ateneo.
Licenciada en Filoloxía Española, no 1981, realiza tese elixindo como director ao ourensán José Luis Varela. A fin de darlle publicación entra en contacto con Galaxia e con Carlos Casares, que lle porá prólogo: Estética e teoría da cultura en Vicente Risco (Premio Crítica de Galicia 2002. As cousas viran.
No 1982 oposita e obtén á praza de profesora agregada de instituto de Lingua e Literatura Castelá, pasando por sete institutos... No 1994 trasládase á Coruña como profesora do Instituto Urbano Lugrís, nome que é resultado dunha proposta súa e de Gonzalo Vázquez Pozo, tamén profesor no centro, o que lle regala, ademais, a intimidade da súa nai, Luz Pozo, unha das relacións humanas máis importantes da súa vida, di. Desde 2003, Olivia Rodríguez é profesora Titular na área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada do Departamento de Letras da Facultade de Filoloxía da UDC.
A Coruña de Lugrís, o encontro con Avilés de Taramancos, con Cunqueiro, Castroviejo...
Discurso de Olivia no que, non só esconxura un tempo trastornado pola guerra e a ditadura, senón que mesmo o exorcisa. Fura na posguerra, con tantas cousas rotas que quedaban detrás na cidade que fora das Irmandades da Fala, de, Germinal, de Alfar... E sendo nós ponte que vén daquelas xeracións cara ao futuro, convén contalo. Pois aínda non todo está dito nestes confíns do río do esquecemento...
Coruña aínda con arrecendo a chocolate, mesturado con fume de tabaco, despois co fedor pastoso da refinería, todo un símbolo... A capital dos grandes bancos, fervedoiro da fuxida do mundo rural. Onde os fotógrafos Manolo Ferrol ou Alberto Martí, dan boa conta. Como fondo musical poriamos os Tres tríos do arquitecto compositor Eduardo Rodríguez-Losada, interpretados polo Trío Pro Música (Pepín Bejar , Pilar Cruz Echego —tan recordada pola súa alumna Luz Pozo Garza— e Horacio Rodríguez Nache) . Grupo que inspira a Manuel Rivas para o capítulo de O cant dels ocellsda novela Os libros arden mal.
Como orientativo flashback cinematográfico daqueles anos poderíamos dicir que no panorama hispánico editábase La Codorniz (1941-1978) «La revista más audaz para el lector más inteligente», a que, no ano 64, cando as celebracións argalladas polo ministro Fraga por mor dos «25 años de Paz» burlou á censura con aquela portada coa palabra «Paz» seguida na contraportada pola palabra «Ziencia», («Paciencia»). Ou aquela outra cos «25 Años de Paz» e debaixo o debuxo dun puro e dun ovo («A puro huevo»)...
A Coruña é a cidade do surrealista pintor e poeta atlántico Urbano Lugrís González, de Labra, de Lago Rivera, de Molezún, dos irmáns García Patiño, de González Pascual, de Abelenda..., entre ires e vires ao Madrid do parladoiro do Café Gijón, onde o círculo celiano tiña o concorrido «sitio dos galegos». Así nolo conta Francisco Umbral en La noche que llegué al Café Gijón (1977).
Coruña é cidade de librerías, de bibliotecas, de cines, de cafeterías, cos seus parladoiros: La Granja, o Cantón Bar, o Español, o Oriental, o Galicia... as concorridas tabernas de O Salto do Can, O Crego, Casa Enrique...Despois nacería o Fornos, esa capela sixtina decorada por Lugrís para contar, cantar e soñar. Anos nos que un Mariano Tudela caracterizado por unha literatura a un tempo informativa e formativa atrae de Mondoñedo a Álvaro Cunqueiro, para con José María Castroviejo e Urbano Lugrís formar un trio de fantasías celtas. Contando, de cando en vez, con Fernández Flórez. Atraendo a mozos como Manuel María, Novoneyra, Aviles de Taramancos...
E dende o ‘Alenmar’, Seoane, Dieste... e a misión das ‘Industrias da Memoria’
Vixiando dende o alén mar estaba o inquedo grupo cultural, Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Dieste... dando azos ás inquedanzas dunha Galiza coutada pola ditadura e un Díaz Pardo que poñía en marcha as Industrias da Memoria, algo que parece non terse entendido hoxe.
Era aquela unha Coruña de bohemios e dandis inadaptados, a que crea: a Asociación Cultural Iberoamericana, a revista estival La Coruña. Paraíso del Turismo,1946, dirixida por Regino Barbeito Curra, onde Radio Coruña, Radio Juventud, Radio Cadena e no 1963 Radio Nacional de España eran unha verdadeira escola de radiofonía. Na dirección de RNE na Coruña de Manolo Lombao, nos rehabilitados espazos da Terraza montou coa colección un Museo da Radio, do que nada sabemos hoxe.
Dende a Casa da Cultura, entón no flamante edificio do Arquivo do Reino de Galicia, González Garcés foi un faro de difusión cultural e ansias de liberdade. Presidente durante máis de vinte anos da Asociación Cultural Iberoamericana, sempre axudando á xente que despuntaba. Poeta e historiador da Coruña que esperamos, axiña, teña a dedicación do seu Día das Letras Galegas. Anos grises nos que é sobranceiro o colorido que Rey de Viana lle deu a Galicia co seu Ballet Galego.
Mariano Tudela entregou a súa biblioteca á Coruña, libros que supoñen desvelos, que definen. Grazas á profesionalidade de Laura González-Garcés constitúen o Fondo Tudela na Bibioteca M. González Garcés.
Que sexa pola cultura, pola palabra, polos libros, as editoriais, os libreiros e os lectores, armas cargada de futuro fronte á ignorancia, capaz aínda de levarnos a un xenocidio en Palestina ou a tantas guerras.
- Roberto Leal detiene Pasapalabra para anunciar la feliz noticia: 'Momento muy importante
- Zara vuelve loca a A Coruña con una colección exclusiva de San Juan: solo a la venta en la calle Compostela
- Piqué y el Andorra celebran su ascenso a LaLiga Hypermotion en A Coruña
- Una mujer resulta herida tras caer a las vías ferroviarias en Casablanca, en A Coruña
- El segundo improbable por Rafa Obrador
- Los siete fichajes ineludibles del Deportivo
- Venden una finca de 1.500m² con casa a reformar y en zona costera por menos de 50.000 euros: a 1 hora de A Coruña
- Parece Ibiza, pero es Galicia': esta pequeña cala a pies de un acantilado está a 1 hora de A Coruña