Opinión
A resistencia silenciada
Lembro desde a miña adolescencia ao farmacéutico D. Xosé Carnero Valenzuela (Santiago, 1906-Rianxo, 1986) traballando na súa farmacia e proxectando entre os seus clientes unha especie de estraña «tensión cordial». Tardei anos en comprender e racionalizar esa miña intuición a respecto dun home do que apenas sabía o seu nome, que figuraba nun letreiro á entrada da botica que o acreditaba como titular da mesma. O noso boticario, non estaba entre aquelas persoas que permaneceron pasivamente en silencio, foi daqueles outros que, desafortunadamente, non puideron exiliarse, que padeceron a ditadura militar no cárcere; que, como demócratas e republicanos vencidos, foron condenados ao silencio e constituíron a resistencia silenciada. A nota oficial, case eufemística, da represión que padeceu, quedou compendiada en pouco menos de 30 expresivas palabras: «Home de 29 anos, xulgado en Santiago por traizón co resultado de sentenza a pena de morte. Conmutación por cadea perpetua e separado do seu cargo de profesor». Nesta breve nota está resumido o drama que lle tocou vivir pero tamén esa parte de cordialidade coa que se mostrou na vila de Rianxo. A súa vocación e horizonte vital despois de licenciarse en Química e Farmacia na Universidade de Santiago (1929) e doutorarse na Central en Química(1932) é a investigación e a docencia. Con tal fin fai oposicións a profesor de Ensino Medio con vistas a acceder á Universidade tendo en conta que estabamos nunha época de gran cercanía entre estas institucións docentes. Antes, como militante da FUE, como estudante brillante, como participante nun mitin pro amnistía (1930), como asinante dun manifesto (1933) demandando a galeguización da Universidade e o apoio ao proceso autonómico desde o seu posto de presidente do comité de centros republicanos da comarca de Santiago e como secretario xeral do Partido Republicano Federal de Izquierda Gallega, acreditouse como defensor das causas xustas e, como tal, convencido da igualdade entre todos os homes malia pertencer a unha familia privilexiada económica e socialmente. Paradoxicamente será toda esta bagaxe solidaria e fraternal a causa da súa condena agravada pola defensa que fai na radio da legalidade constitucional do Goberno da República durante as primeiras horas do golpe de Estado. Detido na Bandeira o 27 de xullo de 1936 xunto co seu curmán Ramón Valenzuela, non recobrará a liberdade provisional ata o 26 de xullo de 1943 cando estaba como recluso no destacamento penal das Minas de Silleda despois de percorrer outras prisións anteriormente. Do seu paso polo cárcere de Santiago quedounos o magnífico conxunto de retratos, entre eles o de Carnero Valenzuela, que lles fai Camilo Díaz Baliño antes de ser asasinado.
Con razón din as crónicas biográficas de Carnero Valenzuela que chega a Rianxo en 1948 coa intención de «refacer a súa vida», destruída, efectivamente, de maneira arbitraria polos golpistas, que acusan de traizón a un cidadán que confiaba na educación e na pedagoxía como palancas reformadoras e liberadoras. O Rianxo dos últimos anos da década dos corenta do pasado século era unha vila ocupada e acoutada polos informes acusatorios de falanxistas e gardacivil, confiados na política de terror e silencio da ditadura. Chega a Rianxo D. Xosé Carnero Valenzuela uns meses antes de inaugurarse o servizo telefónico sendo alcalde José Domínguez Ordóñez a quen sucederá o sinistro Xefe da Falanxe Local Ramón Fernández Fernández (1949-1951) que tiña cedido o poder a catro familias con licencia para cometer todo tipo de ignominias. Para protexerse diante de toda esta miseria moral vese na obriga o farmacéutico de colaborar cun determinado grupo folclórico de procedencia falanxista pero non por esto queda opacado o seu humanismo amable cando encarga copias mecanografadas de determinadas obras que non se publican ou protesta cando é vítima de humillacións como cando se anuncian nas paredes da súa casa actos do falanxismo oficial; e non deixou de asistir á misa por Castelao convocada polas súas irmás con ocasión do seu falecemento en Bos Aires malia ser considerada a asistencia un acto político de «desafectos». Coa súa tensión cordial fixo Carnero Valenzuela máis habitable Rianxo, que aínda non recoñeceu a defensa silenciada que dos valores cívicos e democráticos nos deixou como herdanza. Nin figura entre os mestres represaliados. Beizóns, D. Xosé.
- Venden una finca de 1.500m² con casa a reformar y en zona costera por menos de 50.000 euros: a 1 hora de A Coruña
- Víctor Elías se abre en canal y explica por qué decidió denunciar a su madre: 'No aguantaba más
- El Deportivo se lanza con músculo económico a por un central derecho de jerarquía
- La mitad de los españoles tiene déficit de vitamina D: síntomas y qué comer para evitarlo
- Rescatado el cuerpo de una mujer en el puerto de Sada
- Los nuevos bonos de Media Distancia en Galicia saldrán a la venta el 23 de junio
- Un joven hereda este «minipueblo» en Galicia y busca vecinos: casas en venta por 7.000 euros
- El Deportivo quiere recuperar a Jairo Noriega
Premios Fundación Banco Sabadell: dos décadas impulsando talento y ciencia desde la emoción
