Opinión | Retallos do labirinto

Arredor da maxia do ‘xenio celta’

Chamamos maxia e máxico ao que aínda non entendemos e mesmo asociamos co xenio sobrenatural. Atractivo adxectivo e propio deste cabo do labirinto que é Galiza, envolto en tantas capas de historia e nas súas raiceiras a diatriba céltica.

O influínte arqueólogo galo Henri Hubert (1872-1927) —era outro daqueles intelectuais que dende o sentimento decadentista provocado pola Revolución Industrial que anunciaba a globalización— sentíase inclinado a distinguir Europa pola súas orixes celtas, especialmente a súa terra, Francia. Autor de dous libros referentes Les Celtas et l´expansión celtique jusq´á l´epoque de La Tene (1932) e Les Celtes depuis l´epoque de la Tene et le civilisiatión céltique. Obras das que o influínte pescudador ourensán Florentino López Cuevillas (1886-1958), representativo da Xeración Nós, tomaba nota e escribía os seus pensamentos arqueolóxicos en La civilización céltica en Galicia (1953). Libro este que, de xeito significativo, dedica ao romántico precursor arqueólogo de Guimaraes, escavador dos castros portugueses de Briteiros e Sobroso, Martíns Sarmento. Publicación reeditada no 1988 polo entusiasmo do profesor J. M. Gómez Tabanera (1927-2011) catalán oriúndo de Asturias, profesor de Prehistoria e Antropoloxía na Universidade de Oviedo e grande amigo daquela saga de entusiastas arqueólogos galaicoportugueses, entre os que estaba o mesmo López Cuevillas. Primeiras páxinas nas que Gómez Tabanera fai unha necesaria, ampla, sabia e entrañable presentación do autor, da súa xeración e das pegadas arqueolóxicas sobre as que camiñou Cuevillas, como foi a Ora Marítima de Rufo Festo Avieno, sc. IV, así como as obras de Dechelette, de Cartailhac, de Arbois de Jubainvile, de Schulten... Introdución seguida de varios apéndices sobre a bibliografía do arqueólogo ourensán, ademais con prólogo do arqueólogo aragonés Antonio Beltrán, o que se detén no fenómeno orientalizante e grecolizante da Cultura Castrexa. Reedición da obra de Cuevillas que entón lle agradecemos persoalmente e axudamos a espallar dende o Museo Arqueolóxico da Coruña.

Arredor da maxia do ‘xenio celta’

Arredor da maxia do ‘xenio celta’ / LOC

O espírito bárdico, panteísta, pacifista dos celtas

O xenio celta é o título do limiar do libro de Hubert sobre os celtas dende a Época de La Tene, con prólogo escrito polo filósofo e historiador Henri Berr, representante das inquedanzas dun tempo no que as nacións de Europa reivindican o espírito do pobo, o volksgeist, idea que emborrachou ao nacional socialismo alemán até desnortalos e levalos ao delirio e ao crime. Refírese á denominada época céltica de La Tene (sc. V a.C- á romanización), ás descoordenadas tribos, consideradas bárbaras e denominadas por grecorromanos como celtas. Grupos que adquiren un singular carácter político que se estende dende Asia Menor até o val do Danubio, Italia, as illas británicas, a Galia e á península Ibérica. Bandas que irrompen e conviven cos indíxenas. Fala do «humor vagabundo» dos celtas, etnia en movemento, misioneiros da minaría e da metalurxia do ferro. Xeracións en mudanza ao longo do tempo, mesmo prestándose a ser cotizados mercenarios... e coidamos que moi cotizados pola súa condición de bos equites. Anota que existen diferencias, tamén na fala da céltica goidélica, dos pictos, galos, bretóns, belgas... centroeuropeos xermánicos ou italianos, como dos que , no sc. III a C., escolleron como camiño o Danubio ou o Rin, entrando en conflito con Roma e interacción coa Xermania. Insiste Berr en que, en tempos da caída de Roma, cimbros, teutóns, suevos eran xermanos de herdos celtizados e velaí a parte que lle toca a Galiza como Reino Suevo que foi (410-585 dC.).

Volvendo a Huber diremos que nos seus libros analiza a sociedade deste universo celta aínda por definir, atopando neles a supervivencia dunha organización primitiva, tribal, con certa aristocracia, un xeito de feudalismo en relación coa terra, o clan... establecendo diferencias entre sociedade e nación. Insistindo en que non existiu unha nación celta, como si existiu unha nación grega, en que os celtas nin son unha raza: si un grupo de pobos, de sociedades que nin formaron unha confederación, podendo facelo, nin ser capaces de modelar un estado, nin de ter vontade de Imperio na Galia que foi do caudillo Vercingetorix enfrontado á República Romana.

Pola contra afirma que podemos falar de civilización céltica, pola estrutura social, pola solidariedade entre eles, por ritos e usos comúns, pola lingua, polas crenzas... algo que demostra a arqueoloxía, as tradicións, as celebracións e tantas singularidades etnográficas. A historiografía narrada polos imperios presentou aos celtas como «mediocres», fracasados na política, pola contra distinguidos pola súa exótica singularidade, arrodeados dunha misteriosa aura que os envolve nun xeito de maxia en relación co telúrico e o cósmico.

O Celta, cultura intermediaria de civilizacións, encrucillada entre o oriente e o occidente

Os románticos decadentistas —fronte ao trunfo do material, do centralismo, entendido como progreso — valoraron na civilización céltica a súa ductilidade: non sendo opresores, envoltos nesa aura de espírito, na común alma do pobo, cultura de poetas e non de políticos, de druídas e de bardos di Camille Jullian. Intermediarios de civilizacións entre o oriente e o occidente. Algo entendido e desenvolto polos románticos e modernistas da Galiza.

Druidismo, panteísmo céltico que se pon en relación co brahamanismo dos magos, dos órficos, que non serían alleos ao priscilianismo, eslavóns de unidade nas tradicións, como un xeito de humanismo, doutrina dirixida cara á natureza, ao cosmos e a certa idea de inmortalidade da alma. Pois velaí os ritos agrarios e as súas festas cíclicas, principios abandeirados polo panceltismo de todos os tempos.

Hubert debulla cavilares sobre as pervivencias célticas, repara nas tradicións do extremo occidente europeo, na beiramar atlántica, en como Irlanda fundamenta a súa nación na raiceira de ancestrais cultos, mesmo nesa Galia, na que pese a estar fondamente romanizada deixa agroma ese sentir dúctil dos celtas, pobo que acolle e mesmo colabora coa romanización, aínda que mantendo o seu espírito.

Ao respecto cavilamos no fenómeno de romanización do occidente Ibérico, o que os romanos definen como céltico e que acabaron chamando Gallaecia. E ben di Hubert, «os galorromanos continuaron, na súa maior parte, sendo celtas disfrazados», parte do xenio de Francia vén caracterizada por esa flexibilidade, igual que en Galiza, país do tópico das voltas e das reviravoltas, sigue sendo dos que nin suben nin baixan, dos que contestan cunha pregunta, dos que entre o inferno e o ceo poñen a oportunidade de expurgar penas no Purgatorio, e sempre envoltos na ansia de contar, de cantar historias sobre o camiño andado, entre realidades e fantasías, monstros, tarascas, demos, trasnos, mouras que asexan nese labirinto, como Xogo da oca, en busca dun Paraíso Perdido.

Cultura castrexa que se envolve nesa aura de celtismo, a desas cidadelas ou santuarios, xeralmente asentados nos rebordecháns con amplas posibilidades xeoestratéxicas, de veneración ás cosmogonías, onde máis abundan as insignias célticas, os torques, onde pervive o panteísmo, o animismo druídico... os epígrafes que asocian a tribos galaicas con celtas. Tendo en conta que os mesmos exércitos romanizadores estaban formados por soldados ou mercenarios recrutados no Mediterráneo oriental ou nos mesmos territorios célticos de centro Europa, especialmente na máis inmediata terra dos galos, velaí a Cohors I Celtiberorum asentada en Curtis, que logo pasa a Iuliobriga (Reinosa)...e aínda máis a partir do sc. V as bandadas de grupos xermánicos que entran en Iberia, en Galiza os Suevos, de herdos «celtas» danubianos... despois os viquingos tamén enredados nos herdos orientalistas. A espira deu e sigue a dar para moito, convén repasar, desenguedellar pasados.

Tracking Pixel Contents