Opinión

Vivir en Europa é todo un problema

De cando en vez cantaruxo unha canción de Saratoga, un grupo musical que xa non existe. A canción titúlase: Vivir en Vallecas 1996. É de hai tempo, cando 1996 era o futuro. A primeira estrofa di así: «Vivir en Vallecas é todo un problema en 1996, sobrevivimos a base de drogas que nos dá o ministerio do benestar».

Son moitas as voces que fan súa unha canción semellante pensando en Europa. Voces que din que a Unión Europea, ou Europa, para simplificar, vai camiño da insignificancia, debido sobre todo a súa indolencia, a súa regulación tan excesiva como impertinente, a súa gran preocupación polos temas sociais por riba dos económicos… En fin, e por resumilo, pensan que Europa está a converterse sen remedio nun lugar con moita historia, pero sen futuro; e nunha terra de vellos sen recambio.

Confeso que fatígame esta teima, e máis polo feito de que quen máis alzan a voz con este tipo de proclamas son en xeral quen menos solucións dan, e por riba abundan entre eles os neoliberais, que máis ben semellan paleoliberais de tan rancios que resultan.

O benestar dos pobos non se mide exclusivamente pola produtividade ou polo PIB. A economía é importante, non hai dúbida, pero sobre todo se se pon ao servizo de todos para construír unha sociedade que combine prosperidade con dereitos e servizos públicos, innovación con equidade social e diversidade con cohesión.

Claro que é máis que lexítima a frustración pola inflación, polos alugueiros altos, pola burocracia ou por sentir que non progresamos o suficiente. Pero se comparamos a vella Europa co resto do mundo, mesmo cos países desenvolvidos, a UE sae moi ben parada. Cantos países contan cunha sanidade e unha educación públicas, universais e de calidade? Cantos países teñen a seguridade e os dereitos laborais que aquí temos e as pensións das que nós desfrutamos? Cantos contan con infraestruturas, medios de transporte e redes de servizos públicos como os europeos?

Por suposto, nada disto está garantido para sempre, e seguir desfrutándoo e mellorándoo require do compromiso e do acerto colectivo, pero sobre todo de manter as nosas democracias a toda costa. A día de hoxe, a democracia, e en particular a democracia social, é o mellor medio para que se Europa progresa, podamos progresar todos. Defendela a toda costa é do que máis nos deberiamos preocupar, e máis cando no mundo, e tamén en Europa, sopran ventos populistas, neoliberais e mesmo fascistas.

O Himno da Alegría, ou Oda á Alegría, é o cuarto movemento da Novena Sinfonía de Beethoven, que compuxo en 1824. Case 150 anos despois, en 1972, converteuse no himno oficial do Consello de Europa e en 1985 no himno oficial da Unión Europea. Agardo que non teña que pasar outro século e medio para que nos decatemos de que vivir en Europa é un privilexio e non un problema. Iso si, un privilexio que hai que gañarse cada día.

Tracking Pixel Contents