Opinión
As Feiras do Libro e outros eventos culturais
A Feira do Libro de Madrid abre palenque aos brillos e reflectores dun evento social que se repite por toda España a diferentes escalas proxectando a sensación de que os libros ocupan un lugar central na sociedade como orientadores do rigor e seriedade intelectual. Aparentemente as Feiras do Libro semellan unha extensión necesaria da vida cultural e literaria fomentando a lectura e o diálogo consiguinte. Pero se as analizamos ao lado doutros moitos sucesos que tamén pretenden ser estímulo para o lector, deseguida nos decatamos que, polo contrario, máis ben dificultan a lectura e a cultura libresca. Tal é o caso das innumerables presentacións de libros onde o importante é a teatralización do acto que aspira a ser recollido nos medios de comunicación; se acaso todo remata coa compra dun exemplar para ser dedicado amablemente polo autor presente a un coleccionista de autógrafos. Todo se reduce a coñecer os libros e autores pola encadernación social do acto que nos permite achegarnos ao coñecemento persoal pero non a ler o libro. É un xeito fraudulento de sentirse parte da comunidade cultural por medio de chismes e de festas. Resultan moi sintomáticas as abondosas colaboracións periodísticas que comezan lembrando a ocasión na que lles foi presentado o autor, cando este é importante ou foi consagrado por honores e distincións. Outros eventos culturais de moita sona son os premios e a súa correspondente entrega; todos sabemos que non todos os membros dos xurados votan conscientemente despois de ter lido as obras presentadas o mesmo que sucede nas sesións para elexir novos membros das academias onde priman en non poucas ocasións os intereses extraculturais alleos á institución que os acolle. O grave é que estas actividades perpetradas en defensa do libro prosperan sen ter necesidade de ler. A máis paradóxica é a que nos conta Gabriel Zaid na súa obra máis difundida (Los demasiados libros, 1ª edic. 1972) acerca do seu editor holandés Carlos Lohlé que pasou de ser executivo dunha prestixiosa editorial europea a editor marxinal en Buenos Aires. O seu selo metérase en problemas publicando un libro que contiña erros que foron denunciados como descrédito da editorial. Fíxose unha investigación a fondo e resultou que ninguén lera a problemática obra. Prometeu Lohlé non publicar ningunha obra que non tivese lido; como consecuencia desta decisión fundou unha pequena editorial que dirixe persoalmernte publicando un título por cada dez que le, que dá como resultado a aparición, non máis, dun título mensual.
Adoitan xustificarse estes eventos sociais pola necesidade empresarial de vender o produto cultural denominado libro que produce no mundo a desorbitada cifra de máis de 1.200.000 títulos, que equivale á publicación de algo máis dun libro cada medio minuto do ano. No primeiro século da imprenta de tipos móbiles (s. XVI) publicáronse uns 350 títulos por ano, según o erudito bibliófilo e paleógrafo canario Millares Carlo, exiliado en México (Introducción a la historia del libro y de la biblioteca, F.C.E., 1986, 3ª reimp.); en 1950, xa se publicaron 250.000 e hoxe quintuplicouse a cifra (1.250.000). Definitivamente a humanidade escribe máis do que pode ler. Probablemente sexan estas estadísticas capitalistas as que estimulan a certos coleccionistas de libros, que non lectores, a publicitar o número de libros da súa biblioteca persoal. Uns aventuran poseer 30.000, outros 20.000, os que declaran 10.000 son simples «leedores» de fin de semana. Como se non soupésemos que unha vida enteira entregada á lectura (4 libros semanais durante 50 anos de vida intelectual activa) non dá para ler máis que a desmesurada cifra de 9.600. Está claro que hai xente que cando indica os volumes da súa biblioteca está a facelo sen decatarse de que ter libros non lidos á vista de amigos e visitantes é como xirar cheques sen fondos, un fraude ás visitas, como di con lucidez o admirado ensaísta Gabriel Zaid.
- La grave enfermedad que pasa desapercibida y crece cada vez más: 'Me decían que no tenía nada y llegué a pensar que era cáncer
- Un joven hereda este «minipueblo» en Galicia y busca vecinos: casas en venta por 7.000 euros
- Dr. Víctor Bravo, endocrino: 'Comer menos y andar más no es la mejor solución para perder peso
- Los nuevos bonos de Media Distancia en Galicia saldrán a la venta el 23 de junio
- El Deportivo se lanza con músculo económico a por un central derecho de jerarquía
- Un muerto y dos heridos, uno de ellos grave, tras una colisión lateral en Oza Cesuras
- Inditex premiará a sus directivos con hasta 225 millones en acciones por su buena gestión
- Alfaro: «A mis hijos les diré que he jugado de titular en el Dépor»