Opinión | Retallos do labirinto

Editorial do Castro, Díaz Pardo e a memoria que é Historia

Editorial do Castro, Díaz Pardo e a memoria que é Historia

Editorial do Castro, Díaz Pardo e a memoria que é Historia

A poliédrica actividade de Isaac Díaz Pardo podería analizarse dende moitos vértices, máis de xeito monolítico nunha, que é a de dignificar Galiza, re-creando dende as tradicións e das orixes nas que radica a orixinalidade. Persoeiro de raiceiras ben prendidas naqueles versos que lle dedica, sendo neno, o pai, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, vilmente asasinado polos fascistas nunha cuneta de Palas de Rei, nada máis dar o golpe do estado e comezar a guerra:

Prendinlle na cabeza do meu fillo, /unha estreliña /forxada na irmandá / e quero ver brillar á lus d´esa estreliña / hastra chegar cegar. / Que vexan os demais n´esa estreliña / a luz da Libertá. / Que vexan que o tesouro máis querido / o ten o seu brilar. / Estreliña feituca de cariños, / estrela do meu lar, / que sempre te levei como reliquia / da Terra, Dios e Nai, / xa te deixo prendida no meu fillo / para sempre endexamais.

E pouco máis habería que dicir pois á sombra destes versos acontece a teoría, a praxe e o compromiso de Isaac, que tivo como padriño ao empresario de teatro e cine, Isaac Fraga. Versos que se complementan coas fotos familiares que quedan, nas que reborda agarimo e se deixa sentir a esperanza que o pai pon nos fillos e no futuro de Galiza.

A vida e obra de Díaz Pardo é de fondo carácter social, sementando igualdade, liberdade, creatividade, ética e estética. Confiado no ser humano, até entregalo todo, mesmo sen mirar a quen. Creador que deixa atrás a súas cotizadas habilidades de pintor para vertelas –en tempos vixiados, os da Longa Noite de Pedra, de exilio e emigración– nas “Industrias da memoria”: as cerámicas do Castro, de Sargadelos, o Museo Carlos Maside... o Instituto Galego da Información.... Espazos fabrís, de praxe, aos que sempre se engaden os de cultura, auditorio, biblioteca, museo... Empresas que dignifican a traballadores e traballadoras, respectando o medio, creando e divulgando unha teoría que as sostiña no Laboratorio de Formas de Galicia, o que e semella descoñecerse hoxe.

Unha desas principais consecucións teóricas feitas praxe co saber e ansia de Díaz Pardo e de Seoane foi, no ano de 1963, e no complexo industrial e cultural do Castro, a Editorial do Castro- Moret. Onde as primeira obras editadas foron os albumes de Luis Seoane O Meco e El Toro Jubilo. Empresa fundamentalmente dedicada a editar unha literatura informativa e formativa, a fin de “non dar a esquecemento da inxuria o rudo encono”... e sempre deixando constancia dos seus fins, retomando a misión de sementeira e revitalizando o espoliado Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), obra do galeguismo para estudar, protexer e divulgar o patrimonio cultural de Galicia. Teima de Isaac, quen repetía que non entendía como os poderes públicos, mesmo os partidos políticos non insistían en recuperar esa gran creación de sementeira de Galiza e que a ditadura franquista, dende 1943 centralizaría no Consejo Superior de Investigaciones científicas co nome de Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC, onde segue. Pola contra a exemplar recuperación que si fixeron en Cataluña dende os primeiros anos democráticos co Institut d’Estudis Catalans, o IEC.

Edicións do Castro avalan a misión dunhas empresas dedicadas a dignificar a cultura galega

Dende os inicios da Editorial do Castro-Moret até a morte do ditador xa se tiñan publicados máis de setenta títulos, os mais deles dedicados a explicar os fins do Laboratorio de Formas e das empresas, así como do Museo de Arte Contemporáneo Galego Carlos Maside. Entre as obras editadas e más vendidas estaban as de Neira Vilas. Daquel prelo saíron vinte coleccións repartidas en literatura, ensaio, historia, arte e ciencia. Centrándose o seu esforzo editorial na memoria histórica, divulgando e sendo pioneiro en expresar esta idea, a través dos Documentos para Historia Contemporánea de Galicia, así como na Biblioteca do Exilio, esta en colaboración coa Editorial Renacemento. Iniciativas que se ensarillan na praxe e levan á creación do Laboratorio de Industria e Comunicación no mesmo complexo industrial do Castro, contando co saber e bonhomía de Moret.

Da Editorial do Castro até o 2008 saíron 1450 títulos. A partir dos anos 90 estas funcións pasan ao edifico de San Marcos, creado en Compostela para Instituto Galego da Información. Insístese en que o obxectivo é a edición e reedición de obras de interese para Galicia e fundamentalmente canto trate de recuperar a memoria democrática, antes da Guerra Civil, nesta contenda, así como entre os silencios e medos da posguerra, en Galiza e no exilio.

Aínda nos anos da ditadura a misión de Díaz Pardo é perseverante en publicacións, en seminarios convocados nos auditorios de O Castro e de Sargadelos, en silencio axudando economicamente e dándolle voz a intelectuais que retornaban ou permanecían encunchados nos medos, tramando pontes entre un pasado e aquel presente, abrindo xanelas de esperanza, definíndose de xeito retranqueiro como “un conservador libertario”, cando non como “templagaitas e limpamerdas”.

Andado en anos, aquel Isaac que confiaba no ser humano, desacougado, ao comprobar o afán desmedido dalgúns colaboradores e accionistas, desafogábase e insistía ante a xustiza ( 26-02-08) o que pasaba con aquelas empresas e con aquel xeito de comunicación e memoria que era a Editorial O Castro- Moret, escritos nos que lamenta que se trastornen os fins “acaban de secuestrar unha edición facsimilar de Galicia Hoy, publicada por Ruedo Ibérico hai 42 anos”. Facsímil de Edicións do Castro con novo limiar de Xesús Alonso Montero... Nin nos tempos do Franquismo se fixo tal cousa”.... queixase da “extorsión que sofren os seus traballadores...” asunto no que insiste e os xulgados demoran... Desacougo que espalla nun xeito de panfletos.

A vangarda dunha misión sociocultural aínda por resaltar

Un Díaz Pardo desesperado, insiste en que o novo accionariado “interrompe” as edicións do Castro Moret, “aínda que a maioría da sociedade a ten Moret”... como “todo o que representa o Laboratorio de Formas como recuperador da memoria histórica...o Instituto Galego da Información, IGI, onde se confeccionan edicións, se montan exposicións nas galerías con temas preferentemente reivindicativos a Galicia como os referidos destrución no 36 do Seminarios de Estudos Galegos, Anxel Casal, exiliados, etc. En esta operación ademais de privar ao grupo do aporte cultural, deseñístico de cerámica... desactivan o compromiso cultural das galerías...e tampouco se fará ren alegando o ámbito mercantil”.

Da Editorial do Castro Moret saíron os Cadernos do Laboratorio de Formas. Así como os do Seminario de Sargadelos, textos que lle dan un pulo de vangarda mundial, respecto ao que vencella arte-industria, tradición-modernidade de cara á dignidade dunha Galiza entón coutada. A imprenta do Castro colaborou con iniciativas pioneiras, saídas das universidades galegas, dos museos, de agrupacións culturais, a mesma revista Luzes de Galicia (1985-1997).

Despois de aqueles anos tan andados, do pasamento de Seoane no 1979, do de Isaac Díaz Pardo no día dos Magos 2012 a arroiada do rio da desmemoria sigue a desbordase entre o soporífero tufo dese culturalismo que denunciaba Isaac e agora o canoniza como o pintor que non quixo e deixou de ser. Para maior coñecemento ler o libro coa entrevista do xornalista. X. M. del Caño a Díaz Pardo “O contencioso de Sargadelos” (Edc. Linteo 2009), con prólogo de X. L. Axeitos e epílogo de quen remata o que aquí queda dito.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents