Opinión
Arte de insultar con dignidade
A desaparición de calquera lingua empobrece a humanidade. O respecto ás linguas nas que mulleres e homes aprenderon a pensar, amar ou rezar forma parte dos dereitos humanos. Porque a linguaxe, lesionada e magoada impunemente nesta España tenebrosa, é a garantía dun beneficio moral que nos proporciona polo simple feito de ser a canle colectiva para respectar calquera outro ben da vida, tal como apuntaba en tempos tamén difíciles Karl Kraus («La lengua» en La antorcha, decembro, 1932), o clarividente periodista e intelectual austriaco.
Con razón dicía Neruda nas súas memorias (Confieso que he vivido, 1974), en referencia aos torvos conquistadores, que arrasaban pirámides, tribus e relixións, que se levaron as riquezas e o ouro, que o levaron todo pero deixaron, sen pretendelo, as palabras que se lle caían, como pedriñas pequenas, das botas, das babas dos helmos e das ferraduras. Eran palabras luminosas como todas as que fixeron a viaxe de volta cando a lingua dos conquistadores non era dabondo para designar as cousas novas que se lle presentaban en América diante dos ollos: madroño, cacao, chocolate, maíz, cacique, huracán son boa proba deste intercambio enriquecedor. Pero xa antes entraran no castelán numerosos xermanismos (toldo, escanciar, casta, gavilán), moitos arabismos (aceituna, alberca, azulejo, zagal, tahona), italianismos (novela, soneto, madrigal, bufón, comediante) e galicismos (bricolaje, garaje, filete, élite, menú, restaurante, turista, quiosco). Circulación e intercambio que, naturalmente, podemos facer extensivo aos centenares de palabras que lles chegaron ao castelán mediante o trato con outras linguas peninsulares como o catalán (prensa, añoranza, reloj, cohete), o galego e portugués (barullo, buraco, chubasco, grelo, pazo, vieira), o vasco (abur, izquierdo, lego, boina, bacalao, chistera). De moitos destes préstamos entre linguas románicas a derivación chega do latín pero previamente as palabras fan escala no occitano, francés, catalán ou galego. As palabras, como vemos, circulan e circularon libremente sen fronteiras nin aranceis. En definitiva, a realidade dinámica das linguas, que se prestan e intercambian recursos, está moi ben expresada no título dunha obra de Emilio Lorenzo (El español de hoy, lengua en ebullición), ebullición que non é exclusiva do español senón que a podemos facer extensiva a todas as linguas. Este mesmo dinamismo inclusivo e receptivo posibilita as mellores paisaxes da convivencia lingüística cando se contempla grupos de persoas esforzándose por comprender os significados de determinadas palabras do seu entorno lingüístico xa sexa preguntando en diálogo presencial ou en diálogo virtual consultando dicionarios. Soamente nunha época que Manuel Seco denomina «autárquica» (1939-1950) se intentou nacionalizar palabras estranxeiras, a época na que se pretendeu chamar ensaladilla nacional ao que xa se denominaba ensaladilla rusa. Actualmente estamos a contemplar con preocupación a resurrección desta etapa negra da historia de España. Calquera masoquista que aguante completa unha sesión do Parlamento ou do Senado podería concluír que as señorías intervintes son especialistas na arte do insulto, polo moito que o utilizan. Pero hai tempo que me decatei que non son expertos e non o son simplemente por ignorancia. Algúns, despois de completar varias lexislaturas insultando aínda non se decataron que os insultos narcisistas que profiren non teñen oportunidade de ofender por falta de puntería. Aínda non se deron conta de que non hai insulto máis cruel que a propia verdade. Contra un disparo «de verdade» non hay defensa posible. E unha verdade é que o illamento dunha lingua é a consecuencia da que se produce na cultura e na política e que nos conduce á maior degradación social porque afecta de maneira sustancial á dignidade humana. Poderiamos achacar todo á ignorancia, que sen dúbida existe, pero sería descoidar as responsabilidades éticas e morais que tal actitude de desprezo significa. Diante desta situación crítica e explosiva as autoridades culturais do país —academias, mundo universitario, falantes en xeral de todas as linguas peninsulares— deberían pronunciarse como se se tratase dunha queima de libros premonitoria doutras catástrofes históricas. Nada pode xustificar o silencio diante de semellante barbarie provocada pola ignorancia ilustrada e titulada. A intolerancia é un ataque á convivencia é á dignidade humana. Que non diriamos dun musulmán que se negase a visitar a catedral de Santiago porque está dedicada ao culto dunha relixión que non practica?
- Pablo Montero, deportista sancionado por surfear en A Coruña con alerta naranja: 'No me puedo creer que la primera vez que me multen sea en mi ciudad”
- 3-0 | El Dépor golea a la Cultural y se coloca en zona de ascenso directo
- A Coruña antes de Marineda City: cuando la ciudad inauguró su primer, y polémico, centro comercial del siglo
- El Supremo hace pagar al Concello de A Coruña por prorrogar una concesión sin límites
- Gerard, el aficionado que se mudó a A Coruña por el Deportivo «con una mano delante y otra detrás»: «Me ha dado la vida»
- Un pescador fallece al ser arrastrado por una ola en A Coruña
- El arquitecto del mercado de Monte Alto pide más dinero por una ampliación del contrato de palabra
- LaLiga le pone el cuentakilómetros a la cabalgada de Yeremay en Zaragoza
