Opinión | Retallos do labirinto

Carolina Otero, símbolo da ‘Belle Époque’

Ponse a Belle Époque entre os anos que van do 1871, fin da guerra franco-prusiana, ao comezo da Primeira Guerra Mundial. París é entón a Capital do Mundo, a Cidade da Luz, a que na Exposición Universal de 1889 aguilloa ao ceo co novidoso símbolo de glamour da Torre Eiffel.

Momentos nos que a Bella Otero é o símbolo feminino, envolta no mito que ela mesmo alimentou. Ao respecto o pontecesurán Raimundo García Domínguez (Borobó) é autor do pequeno libro La tremenda niñez de la Bella Otero, (1992) base para varios outros, como o de José Piñeiro Ares, Los Placeres de la Bella Otero (1993) e sobre todo para a biografía novelada da Carmen Posada, La Bella Otero (Novela e historias) (2002). Ramón Chao retoma o tema para aureolalo aínda máis no mito erótico, La pasión de la Bella Otero (2001).

Anos rebeldes fronte á rutina e robotización nacente imposta pola máquina, caracterizados polas singularidades, a liberdade, a creatividade, a moda e a confluencia das artes, especialmente das escénicas. A fotografía e o cine contribúen a abrir a mentalidade a novos horizontes. Na Vella Europa as cidades de París, Niza ou Berlín, como nas Américas New York, Chicago, La Habana, Bos Aires eran sedutor referente para os buscavidas. Galiza permanecía aínda aletargada no romanticismo, sendo os portos de Vigo e a Coruña fervedoiro de emigrantes a zarpar rumbo ás Américas. Anos nos que se crearon representativas iconas, vidas envoltas no mito e na ignorancia. Agustina do Carmen Otero Iglesias, logo coñecida como Carolina Otero, a Bella Otero, foi a máis representativa. Natural da parroquia de San Martiño de Valga, onde naceu como xemelga un 4 do mes dos defuntos do ano 1868, de nai natural da parroquia de Cordeiro e pai que mesmo se dicía crego. Beleza, espallada na prensa, nas tarxetas postais, no cine e a primeira muller en experimentar a censura. No 1898, Édison, en colaboración cos Lumiere recollerán nas primeiras filmacións á Bella Otero danzando. No 1918 Gennaro Righelli, con ela como intérprete, filmara L´autunne dell´amore. Bailarina con dotes para o teatro, actriz en Das Modell, obra do emperador Guillermo II, como na Carmen de Bizet (1912) ou en Nuit de Noel. Mesmo capaz de crear unha biografía a súa medida como ao da frivolidade daquel tempo de artistas bohemios, de enmedallados aristócratas, millonarios de casinos.

Carolina Otero, Bella Otero.

Carolina Otero, Bella Otero. / LOC

Exotismo e erótica naquelas danzas con algo de oriental e andaluz

De familia moi humilde, dedicada a recoller piñas para vender na Pontecesures ou naquel Padrón no que ecoaban os versos de Rosalía. Espelida nena que reunía coros de xente ao seu redor polo seu garbo no baile e coa pandeireta. Cando, con once anos, esperada na soidade do camiño foi brutalmente violada por un coñecido toliño, Venancio Romero, o Conainas. No Hospital Real de Santiago conserváronse os análises médicos da rapaciña e no lugar do suceso ergueuse un cruceiro. Sinalada na aldea, carga co estigma no fardelo, para nunha mañá desaparecer na compaña de Paco, un mozo mal visto, sumándose a un grupo de titiriteiros camiño das esplendorosas cidades de Porto e Lisboa.

No 1880 documentase a presencia en Barcelona co nome artístico de Carolina Otero. Sedutora artista de danza española que vai ascendendo nos escenarios, tamén polas amizades, banqueiros, aristócratas, militares... Será entón cando o empresario do espectáculo José Oller, relacionado con salas de París, como o Moulín Rouge ou o Olimpia a introduza nos concorridos cabarets de Pigalle, chegando a ser a primeira vedette do Folies Berger, do Cirque d´ Eté... Musa, beleza que inspira a Toulouse-Lautreque, a Matisse... O empresario Ernest Andrée Jurgens levaraa a Marsella facilitándolle o lanzamento para salas de Nova York como o Eden Musée, onde actúa o 21 de setembro do 1890. Reclamada en París, Niza, Mónaco, nas concorridas cidades balnearios de Centroeuropa e da beiramar, onde non faltan casinos e teatros que enriquecen as carteleiras co seu nome.

Época no que o exotismo, o orientalismo, con canto supoñen de erotismo, de misterio se reflicten nas artes . Carolina Otero, a dos ollos de acibeche, de estreita cintura de avespa, sabe realzar nos escenarios a sensualidade e faino con talento e naturalidade, entre contorsións, xogando cos chales, co abano, coas castañolas, cuberta de xoias... seducindo, provocando, desesperando a fanáticos incorrespondidos até levalos ao suicidio para coñecerse tamén como a «Serea dos suicidios» . No seu camerino recíbense declaracións de amor, flores, valiosas xoias, citas aristocráticas. Cóntase que actuando en Bos Aires, recoñeceuna un veciño e entusiasmado solta un «Vivaaa a cordeirana !!!» a bailarina retirouse uns intres ao camerino.

A arruinada raíña dos cabarets, dos casinos de París, Niza, Montecarlo...

Axudan a súa publicidade as edicións de postais do xudeu peruano, asentado en París, Leopoldo Émile Reutlinger e do seu malogrado fillo, pioneiros na fotografía erótica. A prensa e o murmurio falan dos seus alternes amorosos, dos desexos, da rivalidade entre banqueiros e monarcas de medio mundo, o Kaiser, o Zar, o mesmo Rasputín, o Sha de Persia o que seica cada día lle mandaba un diamante. Alfonso XIII, o mesmo emperador do Xapón Meiji Tenno ou co esteta poeta D´Annunzio, a forte relación co político precursor do europeísmo, premio Nobel, Aristide Briand, lazos que comportan importantes regalos, palacetes, mesmo até dicir que tiña os colares de María Antonieta e de Eugenia de Montijo, diamantes da coroa dalgún reino, a famosa gargantilla e peitoril deseño de Cartier, abrigos e estola de caras peles.

Despois da Primeira Guerra Mundial e dun accidente de coche, a Otero asenta en Niza. Sendo unha das grandes propietarias da Costa Azul, mesmo até ser copropietaria do Casino de Mónaco, alí convidada do Hotel de París, do Negresco de Niza... Maurice Chevalier di que «todo nela se reducía a sexo». Xustificando ela a súa vida pola forza dun Amor que escribe con maiúscula, sendo «escrava das súas paixóns e non dos homes».

No 1926 Le Calame de París publica en fascículos as súas memorias, escritas á medida da súa imaxinación, ocultando as orixes de Galicia, para dicir ser filla dunha xitana e dun grego millonario. Claude Valmont fai a introdución, traducidas ao castelán por Joaquín Belda, co título Los recuerdos y la vida íntima de la Bella Otero e debaixo a suxestiva frase «La verdad sobrepasa en atractivos a todos los desenfrenos de la imaginación» e cunha nota manuscrita pola propia Otero, agradecendo «que se publique en el idioma de mi Patria el relato verídico de mi vida. Sea él para mi tierra como un envío de mi corazón». Obra con beneficios que lle permiten mercar en Niza Vila Carolina e dar saída a súa ludopatía, a que, arruinada, venderá no 1938. A sociedade do Casino de Mónaco cederalle un piso no número 26 da Rue d´ Inglaterre de Niza. Sobre o portal campa unha placa que di Residence Carolina Otéro e noutra a inscrición: Ici vécut/ de 1945 a 1965/ Caroline OTERO/ dite la Belle OTERO/Reine frivole/ de la Belle Epoque. Sóbralle o suspicaz adxectivo francés.

Consérvanse fotos realizadas sen o seu consentimento, entre outras oficiais como as realizadas coa actriz mexicana María Félix no 1954, a que interpretaría á Bella Otero na película dirixida por Richard Pottier, presentada no festival de Cannes. Vida retomada en filmes posteriores.

O 11 de abril de 1965 falece aos 96 anos de paro cardíaco, os seus restos serán conducidos por un grupo de empregados do Casino de Mónaco ao Cemiterio do Este, inaugurado no 1940, onde no carrier 47 está a súa sepultura de cemento e cunha gran cruz que cobre a campa, no fronte a inscrición C.Otero. Unhas plantas carnosas, resistentes, medran na xardineira.

No seu testamento deixou o pouco que lle quedaba aos nenos orfos da súa parroquia de Valga. Pouco se conserva, cartas ao cura, algunhas telas de traxes que o párroco de Setecoros usou para vestir santos. Tendo o seu concello a ben erguer unha escultura, obra do padronés Camilo Rodríguez Vidal, da bailarina da saia do lagarto pintado, así como un centro interpretativo que trata de recoller unha historia inacabada de penas e glorias dunha muller.

Tracking Pixel Contents