Opinión | CIFRAS E LETRAS
A IA no ano 6000
Santiago Ramón y Cajal descubriu e describiu a teoría neuronal do cerebro entre outras brillantes achegas científicas. O noso máis insigne científico recibiu o Premio Nobel en 1906. Foi un prolífico escritor, e non só de obras científicas. Son abundantes os seus ensaios, obras autobiográficas e ata poesía e relatos de ficción. Falareilles dun deles: “A vida no ano 6000”. Trátase dun pequeno relato que pasou desapercibido ata que décadas despois da morte de don Santiago deuno a coñecer unha neta súa.
O título non deixa lugar a dúbidas. Fálanos dun futuro moi afastado no tempo, e nel describe algúns dos avances que na súa imaxinación a ciencia e a tecnoloxía achegarían para entón. A isto volverei, pero antes quero sinalar que Cajal describiu un mundo onde tamén as relacións sociais eran ben distintas ás de hoxe. Por exemplo, non había amor, pois fora eliminado mediante unha vacina o suposto microorganismo que o causaba. No seu último libro José Antonio Marina tamén nos propón unha vacina para a insensatez, aínda que neste caso moitos dariamos por bo acabar con ela para sempre.
Segundo Cajal, no ano 6000 non habería apenas enfermidades, a medicina fora reducida a unha sorte de enxeñería e a manipulación xenética chegara a onde hoxe está e máis aló. Ademais, as máquinas facían case todo o traballo dos médicos, manipulando datos con complexos cálculos matemáticos.
Contado hoxe, quizais non nos sorprenda a imaxinación e anticipación de Ramón y Cajal, pero se o pensamos con algo de detemento e perspectiva, a cousa cambia. Co extraordinario desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía que xa acadamos é bastante evidente que non teremos que esperar miles de anos, nin sequera centos, para lograr e mesmo superar o que el describiu no seu conto de ficción. Outra cousa é que non debamos facelo, como crear categorías distintas de seres humanos para segundo que fins. Con todo, hai máis dun século, cando o coñecemento e os avances tecnolóxicos eran moi limitados, o seu coñecemento e imaxinación botáronse a voar con enorme anticipación e acerto. Como se non puido imaxinar a telemedicina, cuxos primeiros pasos non se darían ata finais dos anos 60?
Xa saben que eu dedícome á intelixencia artificial. Non sei se tería sentido imaxinar que nos deparará a IA para o ano 6000, pero eu non teño tanta clarividencia nin imaxinación. De feito, témome que á velocidade á que avanza a IA e o mundo no seu conxunto, ninguén podería describir sensatamente como será o mundo en centos de anos, ou mesmo nunhas poucas décadas. Ademais, non sei por que estraña razón a ciencia ficción sobre os robots ou a intelixencia artificial case sempre nos leva a distopías terroríficas, e non me agrada nada imaxinar un escenario así, aínda que sexa plausible.
Si lles direi como me gustaría que fose a IA o día de mañá. Gustaríame que fose só concibida, deseñada e usada para cousas útiles, evitando as armas autónomas ou a suplantación de identidades, por poñer dous claros casos de abusos. Que fose ubicua, pero silente. Estaría aí, para curarnos, guiarnos, ensinarnos ou entreternos, pero sen que apenas a percibísemos, polo menos non como algo intrusivo ou molesto. Non nos substituiría en ningunha actividade, polo menos dun modo non desexado. Non nos sometería nin por vontade propia nin allea, Non serviría para deshumanizarnos, debilitando as nosas capacidades cognitivas por activa ou por pasiva. E, na súa mesma esencia, buscaría reducir as desigualdades entre nós, non amplificalas.
Confésolles que son pesimista sobre as posibilidades de que se dea este futuro, pero traballo cada día para equivocarme.
*Felipe Senén, Director CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela
- Javier Rey presume del pueblo coruñés en el que se crió: una villa medieval a orillas del mar
- Gonzalo Castro, sobre Riazor 2030: 'Un recinto tan importante tiene que aportar mucho más a la ciudad
- Auxiliadas dos personas que se encontraban indispuestas en el interior de un vehículo
- El ciclo de conciertos en A Coruña para disfrutar del atardecer con impresionantes vistas
- Monte Martelo, el barrio naciente en A Coruña
- Este pueblo a media hora de A Coruña busca vecinos: ofrece trabajo y tiene alquileres desde 400€
- A pleno la ordenanza definitiva de eficiencia energética de A Coruña para su entrada en vigor este mes
- Fallece la paciente de cáncer ultrarraro Iara Mantiñán: una entre un millón