Opinión
Santiago, unha hoste de espíritos e sombras
Santiago, todos sabemos, é unha cidade repleta de monumentos. As súas rúas asfaltadas de cultura, onde o pasado se interna no presente, posibilitan saír dun café e adentrarse na Idade Media ou no Barroco sen apenas transición, como por arte de maxia. Pero a esta especie de mirabilia urbis teremos que engadir necesariamente a existencia nesta cidade dun universo espiritual coa que a dotaron os poetas, escritores, artesáns, viaxeiros, e intelectuais ao longo da historia. Esto significa que ademais da realidade observable, empírica e trivial para turistas, hai unha realidade imaxinativa, que tamén é realidade, composta dun exército de sombras e espíritos fraguados ancestralmente. Esta realidade binaria, asfaltada de cultura, foi evocada con orgullo pola «valente» alcaldesa de Santiago o pasado 14 de xuño con ocasión da concesión a Xosé Manuel Beiras da letra E por parte da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega (AELG). Goretti Sanmartín aproveitou a súa sempre ilustrativa e documentada intervención para perfilar un itinerario «Beiras por Santiago» rememorando as leccións orais que foi debullando o profesor ao longo da súa traxectoria vital, profesional e política: A Rosaleda ou o Preguntoiro até as rúas Porta da Pena, o Vilar, praza de Fonseca ou Pazo do Hórreo. Todos estes espazos son hoxe máis habitables grazas á voz do profesor Beiras que despois de ternos descrito todas as decadencias históricas iniciou co seu discurso político a reconstrución basada na loita, un milagre que adiantou Ferrín naquel canto que concibía Galicia como unha «espranza angosta», anunciadora de dificultades permanentes.
Beiras e Ferrín son, efectivamente, un monumento de voces que pasea pola Compostela monumental recitando a derrota esperanzada dun pobo que se fundamenta na palabra. Pero na palabra insumisa coma ese «caldo ilustrado» do Banquete de Conxo que convocou a Rosalía, Pondal e Faraldo, cabezas ergueitas e «conciencia desta patria/conservada en pequenos corazóns/ardentes con fogo doce que non morre». Malia que Ferrín e Beiras son presentados con frecuencia como heraldos da derrota polos mercenarios e sipaios do Estado, ambos representan ao «poeta» que non se deixa secuestrar pola historia oficial que nos determina e secuestra. O mellor retrato desta actitude poética compartida témolo na común admiración polo poeta Manoel Antonio que tamén quixo fuxir da historia alienante da patria humilde para ir na procura da liberdade no pailebote branco da esperanza, embarcado sinxelamente nun soño. Mentres os grandes Estados e países poderosos están ocupados na procura dun exército e da policía que poña orde nas súas inmensas estruturas docentes e de poder, os poetas de Galicia conformáronse cos seus soños, capaces de atravesar fronteiras e barreiras de todo tipo.
Ás grandes potencias históricas non lles queda tempo para invertir no que consideran efémero, na xustiza e na igualdade. Os poetas e os pobos que se alimentan de soños, como Galicia, polo contrario, están moi preto da xustiza e da igualdade. Beiras e Ferrín por volta de 1957 atopáronse no seu camiño adolescente cun poeta mozo, que non estaba revelado nin presentado en sociedade, era un personaxe ahistórico, libre. Na poesía inexplorada de Manoel Antonio souberon ver estes mozos estudantes unha dimensión temporal distinta do día a día monótono que ofrecían os poetas consagrados. Grazas ao poeta rianxeiro Beiras e Ferrín albiscaron unha luz distinta que iluminaba aquela Compostela asombrada da súa adolescencia. Máis alá!
- Las religiosas de María Inmaculada venden su sede de A Coruña al impulsor del Hotel Hilton y Marineda
- La ubicación de la Feria del Libro de A Coruña y Mostrart cambia por las obras
- El 88% de los aspirantes a las oposiciones de educación en Galicia, eliminados a la primera
- Samu Fernández, un central 'vieja escuela' para Hidalgo
- Hijos de Rivera ultima la obra del edificio Comcor y prepara su traslado
- El Ayuntamiento blinda el uso dotacional del edificio de las Inmaculadas tras su venta
- Marc Anthony 'valió la pena' en A Coruña
- Iano y Barbero, ausentes en Abegondo para cerrar sus salidas