Opinión | Retallos do labirinto
Nas vésperas do solsticio de verán, o cristianizado San Xoán: tradicións e perversións

Nas vésperas do solsticio de verán, o cristianizado San Xoán: tradicións e perversións
A forza do espírito, da tradición convoca as festas anuais en relación cos equinoccios e os solsticios. Encontros populares que, en inicio, tanto teñen que ver co agro e coa vida. Entre nos algarabía chea de paganismo, cristianismo e mesmo hoxe de adulteracións comerciais. Cada tempo e a sociedade vai poñendo e engadindo algo de si. Os poderes públicos soamente deberan facilitar espazos e medios que garantan a convivencia e o respecto ao medio ambiente e para iso estarían as campas abertas, non sempre sendo así.

Nas vésperas do solsticio de verán, o cristianizado San Xoán: tradicións e perversións / .
A noite das vésperas do día no que se celebra o nacemento do San Xoán, cristianizando o tempo do solsticio de verán, é ben celebrado na Europa de alicerces celtas, romanos e cristiáns e curiosamente máis nesa beiramar que supón tantas relacións a través das navegacións. Tradicións levadas, traídas e espalladas polas américas e que no seu sincretismo enredaranse en novos aportes. Pese ao que coidan os conservadores folcloristas, proba de que as tradicións transitan, iso significa o verbo latino «trado», non son estáticas, pese á raiceira, ao seu pouso de orixe. Paganismo de tradicións que a cristiandade reconverte para si e pon baixo a advocación do precursor do Cristo, do santo do bautismo, devoción popular nunha Galiza, onde a orde de San Xoán de Xerusalén, con orixe nas cruzadas, nesa relación oriente-occidente, tiña forte pegada comercial e cultural. Ademais santo patrón de Roma, con basílica de San Xoán de Letrán. Festa celebrada na noite de vésperas no mundo romanizado e cristianizado con fogueiras e fachóns, noutrora a tocar cornas , bater bombos, folión coa ansia que dicían de espantar ruíns agoiros, meigas, ¡¡¡meigas fora!!!!!. Encontro animado en ceas, en Roma xantar caracois... despois incorporaríanse as sardiñas, especialmente en Portugal e Galiza.... Algarada entre petardadas e o beber viño de xeito descosido, excesos que producen certo desnorte na orixe e na orixinalidade da convocatoria.
Dende que o ser humano entra na maioría de idade da conciencia social, entendendo o ciclo astral, decatándose do devalar solar, dos ciclos da natureza, tan propicios ao agro, en relación cos Catro Elementos, coas Catro Estacións, ven celebrando e establecendo semellantes fitos... A festa é elemento de encontro, de socialización, de cultura, as que desestacionalizan, se espallan e reparten ao longo do almanaque anual. Cada época, cada terra contribúe cos seus aportes, quedando como substratos con significación etnoarqueolóxica e o San Xoán resulta a confluencia dunha extensa cultura.
Noite que vencella herdos neolíticos, celtas, romanos, cristiáns... contemporáneos
A festa de Litha (celebración do solsticio de verán) é o nome que o mundo anglosaxón, herdeiro de tantas tradicións indoeuropeas, celtas, da aos días do fin de xuño e entrada en xullo. Celebracións de adoración ao sol, de relación coa paisaxe, da renovación da vida... cando as flores se van convertendo en froitos, como as vermellas cereixas, cirolas, pavías... En orixe conmemoración do solsticio de verán no hemisferio norte, cando a noite é a máis curta do ano. Cando os Catro Elementos purificadores, que nos envolven e facilitan a vida, Lume, Auga, Terra, Aire, do solpor á alborada entran en xogo e coutan tal «noite máxica». Sendo o Lume que é luz, quentura, o que concilia reunións. Lume purificador noutrora alimentado por trastos vellos e lixo, os que supuñan a renovación da casa. Fogueiras de lapas marelas, roxas, convidando a danzar e cantar ao seu redor, competindo grupos, barrios, casas, unhas coas outras. Con rituais nos que a Auga limpa, o Aire anima, empurra e a Terra que humus, base dos humanos e do humanismo é o gran escenario que nos soporta.
Os cultos romanos están fundamentados noutros, orientais e gregos, celebran con intensidade os solsticios , os solstitium e os aequinoctium por canto significan para o agro e para a vida, orientando cara ao sol templos, aras, obeliscos.... O solstitium de verán (21 de xuño no hemisferio norte) era a festa dedicada polos romanos a Fortuna e a Saturno, celebrando tamén a unión de Xúpiter e Xuno.
Noite que ven a ser desfogadeiro de moitas desas tradicións que denominamos «máxicas», por incomprensibles e asocialas co sobrenatural. Na tradición, propicia á iniciación de mozos e mozas, aos ritos de pasaxe, aos desencatamentos segundo as propostas do libro máxico, o grimorio atribuído ao San Cibrao, tan popular na Galiza de antes. Pequena noite propicia a que as mouras, as fadas, o amplo imaxinario dos seres máxicos, arrodeados da aura de pasado, asomen entre o borbullar das fontes, á beira das ruínas antigas. Cando as lendas que falan de cidades asolagadas, castigadas por pecados de arrogancia e avaria, contan que á beira desas enigmáticas lagoas (Doniños, Valdoviño, Traba... Puzo do Lago de Maside, Antela...) os espíritos puros poden escoitarse o tanxer das campás dos seus templos.
Noite na que se recomenda abrir portas e xanelas, tender cobertores e roupas de uso para recibir o bendito serao da noite... E deixar na almofía, mergulladas en auga da fonte as herbas humildes e curandeiras, entre as que non pode faltar a panacea do bieiteiro ( sabugueiro ou mesmo seoane ou xeoane, en relación co San Xoán ), os estralotes (Digitalis purpurea), o romeu, as malvas, as mesmas xestas floridas... alguén di que deben ser sete, o que si se sinte é que sexan flores silvestres, presididas pola flor de San Xoán. Perda que non haxa iniciativas de xente ou asociativas que nestas vésperas ofrezan eses ramilletes que supoñen cultura floral.
Solpor do 23 no que se acenden as fogueiras comunais nas campas abertas, mesmo as familiares á porta da casa...para ao final recoller o lume novo, limpar as lareiras e renovar.
A perversión da tradición, co paradoxo de contaminación das praias
As cousas evolucionan e non sempre para ben, ás veces en contra da igualdade, da vida e da Terra que nos soporta. As tradicións duran pola súa necesidade de ser, de servir... pero tamén collen andazos que as desfiguran. Pois velaí que ao faltar as campas abertas, as que a Galiza de portos e encrucilladas soubo crear, como áreas de encontro, tal como os campos de feira, festa e romaría...espazos para a liberdade, por convertelos en aparcadoiros, espazos expositivos da ilustración municipal (fontes, faroliños, monumentos....) con desatino acódese a outros sitios, como os que son exclusivamente dese mar, sagrado nesta noite, o do baño fecundativo das nove ondas, os areais inmaculados, feitos en millóns de anos polo demoler de cunchas e terras...para multiplicar neles as fogueiras, estender o lixo... Vexase o final da festa.
Pola Europa madura resucita o neodruidismo e faino seguindo os pasos dos seus devanceiros románticos e modernistas, reivindica vellos nomes célticos, gaélicos, para estas celebracións de exaltación de canto supón a natureza, a ecoloxía, para acudir no amencer ós arredores dos monumentos megalíticos e enxergar a incidencia das raiolas do sol alboreiro furar polos pétreos pórticos e finalmente petar nos chantos das cámaras escuras da morte...mozas con coroas de fores, cantos bárdicos...e unha singular estética que transcende polo panceltismo
E curioso que na Península Ibérica as festas cíclicas de exaltación da natureza, con canto comportan de educación ecolóxica, teñen máis afincadas as raiceiras naqueles núcleos de forte tradición céltica ou celtibérica, como na banda do curso do Ebro, en Soria e Aragón especialmente e en todo o norte, Galiza, Portugal e Estremadura. Enxergado así, non ven mal, neste tempo, propicio á renovación, poñer os pes na Terra, como manda a santa tradición e recuperar as orixes, a orixinalidade dunha cultura que deriva do que cultivamos para vivir.
Suscríbete para seguir leyendo
- Javier Rey presume del pueblo coruñés en el que se crió: una villa medieval a orillas del mar
- La Xunta dará bonos de 50 euros para comprar pescado a partir del 28 de julio
- Gonzalo Castro, sobre Riazor 2030: 'Un recinto tan importante tiene que aportar mucho más a la ciudad
- Los dueños de perros en A Coruña celebran las nuevas sanciones: 'La gente aprende por las malas
- Auxiliadas dos personas que se encontraban indispuestas en el interior de un vehículo
- El ciclo de conciertos en A Coruña para disfrutar del atardecer con impresionantes vistas
- Hidalgo abre la tierra de las oportunidades en el Deportivo
- Monte Martelo, el barrio naciente en A Coruña