Opinión
De re lexicographica XI: «Abrir palenque»
Un lector acaba de preguntarme pola expresión «abrir palenque» que adoito usar nos meus artigos e aínda que intúe perfectamente o seu significado non deixa de producirlle certa estrañeza o seu uso. Agradezo a pregunta porque, en primeiro lugar, abre un diálogo que non deixa de ser a finalidade deste tipo de colaboracións periodísticas; e, en segundo lugar, porque seguir as palabras nas súas viaxes é un exercicio moi ilustrativo da vida cultural da humanidade. Lembro, para empezar, que me atopei con esta expresión lendo algún artigo ou carta de Murguía en castelán e que tamén a min me chamou a atención nese momento probablemente causada polo seu desuso actual. A primeira utilización da palabra «palenque» por parte de Murguía acaece cando comenta no xornal liberal La Iberia (12-V-1857) o poemario La Flor e refírese con estas palabras á autora, nada menos que Rosalía de Castro: «Un talento modesto, a quien causas ajenas a este lugar, y no el deseo de acercarse al palenque literario, obligaron a recurrir a la publicación de sus trabajos, que su timidez guardaba para ella sola». Algúns anos máis tarde será o xuíz, Domínguez Izquierdo, quen se refira ao seu amigo como «historiador que abrió palenque...».
Non obstante se queremos comprender a evolución da palabra temos necesariamente que retrotraernos ás súas orixes e ao seu uso pasado, que nos permitirán tamén comprobar a loita do vocábulo durante séculos pola súa propia supervivencia que, afortunadamente, non depende de lexicógrafos nin lingüistas. Depende en exclusiva da creatividade individual dos falantes, tal como nos advirte Gabriel Zaid (Mil palabras, Debolsillo, 2024), refrendada pola aprobación popular que a usa, rexeita ou modifica según as súas necesidades expresivas. Concretamente a voz que nos ocupa, «palenque», aínda que procedente do latín (palus), fixo escala no catalán (palenç) e occitano (pal) antes de chegar ao castelán por volta do século XIII e posteriormente a todos os dialectos románicos. Comeza sendo un valado de madeira co que se acouta un terreo para designar, por extensión, o propio terreo así cercado cando se emprega o terreno así cercado para un torneo, xusta ou lide cabaleiresca. Posteriormente, no século XVI, xa forma parte a palabra palenque dun campo semántico que reúne todas as construcións defensivas feitas con madeira e queda así emparentada con bastión, baluarte, trincheira, valla, vallado, etc. (Marta Sánchez Orense, La fortificación y el arte militar en los tratados renacentistas: Estudio lexicográfico). Con este significado dominante levaron a voz palenque os conquistadores a América onde vai ter unha nova e vizosa vida a palabra mentres esmorecía na Península a medida que se tecnificaban as artes da guerra en Europa. Mentres revivía a palabra en América, que mesmo acaba sendo topónimo importante en México e Colombia, pois os conquistadores designaban así toda construción bélica ou espazo fortificado, ou mesmo significaba un reducto construído por esclavos cimarróns que se fortificaban en loita pola súa independencia, na Península quedaba reducido o seu significado a espazos lúdicos como plataforma de madeira entre o graderío e o escenario que se emprega para algunhas funcións de teatro, o que non deixa de ser un refuxio pola supervivencia. A proba do seu esmorecemento social témola cando nos chega de retorno de América a palabra «apalencar» (de «palenque») co significado de inmovilizar, derivado dun significado que tomara a palabra, naquelas terras, «poste ou estrutura para atar e inmovilizar animais». Pois ben, fixemos de «apalencar» (de palenque), «apalancar» (de palanca) mover coa palanca, proba inequívoca de que xa non era entendida e usada a palaba «palenque» tal como explicou José A. Pascual, (La Historia como pretexto. Discurso leído el día 10 de marzo en su recepción pública. Real Academia Española, 2002) no seu discurso académico de ingreso. E a prensa mexicana fala de «palenques clandestinos» en Michoacán, referidos ao negocio das peleas de galos ou na Arxentina onde é habitual a expresión que motiva estas liñas, «abrir palenque» co significado de «acción de iniciar algo», xeralmente en contextos de competencia e confrontación, ese matiz que non perdeu a palabra desde as súas orixes occitanas. De aquí nos chegou a Galicia por mar. A palabra «palenque», que merece explicación aparte a respecto do galego, en Galicia refuxiouse na expresión «bomba de palenque» para sobrevivir a duras penas.
- A Coruña aprueba los festivos locales para 2026: así queda el calendario laboral
- El Morriña Festival ya tiene horarios y anuncia un concierto gratuito para el sábado
- La tragedia en Sevilla pone el foco de nuevo en la seguridad laboral: 'Nos quejábamos, pero nadie hacía nada
- De la barra del Chaflán a una lona en la plaza de Lugo para simbolizar la unión entre Estrella y el Dépor
- Casi treinta feriantes participaron en la pelea con un menor herido en O Burgo
- Cambios en la estación de bus obligan a modificar el acceso a la intermodal
- Nuevos alquileres en Xuxán: 36.000 euros y 700 al mes
- Bil Nsongo se comprometerá por dos temporadas con opción a dos más