Opinión | Olladas ao País

20 anos do goberno de coalición

Cantou Gardel en Volver que 20 anos non son nada, mais tamén cantou na mesma peza que «…el viajero que huye tarde o temprano detiene su andar...». Van xa 20 anos dende que PSdeG e BNG venceron ao PPdeG ao quitaren máis deputados ca eles (25 socialistas e 13 do BNG fronte aos 37 fraguistas), acadando toda a legalidade e a lexitimidade para abrir as fiestras de San Caetano e pasar páxina despois de 15 anos e medio de maiorías absolutas do vilalbés.

O goberno de coalición que entrou no 2005 soubo xerar adhesións e tamén ilusións, malia que sen dúbida cometeu erros. O PSdeG saiu do proceso electoral convencido de que o presidente Touriño (probábelmente o único líder global do PSdeG dende 1990) sucedería a Fraga longos anos sen esforzo ningún. No desenvolvemento dese proceso os socialistas adoito esqueceron que existía un único goberno, cun único presidente, mais con dúas organizacións e culturas políticas e dous referentes, o presidente Touriño e o vicepresidente Quintana.

Porén, a axenda lexislativa e de xestión transformadora desenvolvida polo goberno de coalición é cada vez máis notábel dende a distancia. Só a xeito de exemplo : I) a gratuidade dos libros de texto e a extensión dos recursos e apoios educativos; II) a incorporación dos «chiringuitos» sanitarios xestores dos hospitais comarcais ao Sergas e a extensión da calidade sanitaria na hospitalaria e na saúde públicas da Lei de Saúde de Galicia de 2008, III) a creación dun sistema galego de benestar, que creou 1.550 prazas de residencias públicas en 3 anos e medio (0 nos 13 anos de Feijóo) e consorciou os recursos galegos e locais para extender unha mesta rede de centros de día a onde só había un ermo, ademais de aprobaren a mesma lei galega de servizos sociais vixente arestora, malia que recortada; IV) a xeneralización dunha rede de escolas infantís públicas—galescolas—; V) o deseño e adxudicación dun concurso público eólico que quería vencellar ao desenvolvemento endóxeno do territorio o recurso público do vento que só á cidadanía galega lle pertencía; VI) a creación dunha empresa pública galega de servizos agrarios e forestais (Seaga), do Banco de Terras e das unidades de xestión forestal para o ordenamento forestal; VII) a lei de comercio interior de 2007 que tentaba afortalar o comercio de proximidade fronte ás grandes superficies; VIII) unhas potentes políticas de construción de vivendas protexidas e de calidade de vivenda; IX) a posta en valor da nosa lingua, cultura, deporte e patrimonio cultural, encetando o camiño para a recuperación do Pazo de Meirás e X) unha política transversal de igualdade que atinxiu moitas das áreas de actuación da Administración galega.

Ao goberno de coalición faltoulle tempo e abondáronlle tanto inimigos como graves defectos de comprensión a respecto da realidade na que operaba. Nomeadamente no caso do BNG, cunha parroquia moito máis esixente, faltou quizais pedagoxía a respecto da necesidade de sumar novos aliados e novas alianzas fronte aos poderes tradicionais de Galicia que, por contra dunha parte minoritaria das súas bases, si viron no BNG un grave risco a respecto dun país que acreditaban rexión e da súa propiedade, como ten contado Anxo Quintana.

Núñez Feijóo desenvolveu no 2009 unha campaña moi agresiva e chea de mensaxes e acusacións nunca verificados cando non abertamente falsos. A primeira que sinalou e marcou todas as seguintes que temos visto e sufrido. En realidade, a aperta con Galán, presidente de Iberdrola, no acto da súa promesa como presidente, o 18 de abril de 2009, reflicte o que sería a súa política en diante: subordinar os intereses de Galicia aos dos grupos de poder, maioritariamente alleos a Galicia, que quixeron rachar o binomio autogoberno-benestar do Goberno BNG-PSdeG.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents