Opinión | Retallos do labirinto
Guerra e paz... e unha lección non aprendida
A insensibilización medra, até tal extremo que a crueldade é un espectáculo televisado en directo, con vencedores e vencidos. E preguntamos como vai a guerra en Palestina, ou en Ucraína, no Irán... como si se tratase dos resultados dun partido de fútbol. A dialéctica e argumentar e debater con lóxica, confrontando teses e antíteses, contrarios para concluír cunha síntese. E velaí ao respecto o materialismo dialéctico na filosofía de Engels e Marx, ensarillando causas e efectos.

Guerra e paz... e unha lección non aprendida
Mundo o noso desbordado, enguedellado en contradicións, enfrontado. E deixámolo aí, para concluír en que soamente na educación, na palabra, no diálogo está a solución de canto significa esa sinxela palabra de tres letras: PAZ. Leccións ao respecto non faltan.
Os seres humanos vivimos envoltos na dialéctica dos contrarios, velaí dende algo tan observable como a noite e o día, até algo tan complexo como o eterno e o efémero, o principio e o fin, a vida e a morte, a guerra e a paz... uns inmutables e outros mutables, entre estes, por exemplo, a guerra e a paz, coas luces e as sombras que nos envolven dende a máis remota Prehistoria e o peor, sen ter aprendido a lección e cada vez de xeito máis agresivos, máis animais irracionais, ensinando os dentes, experimentando con armas e trebellos máis destrutores e mortíferos, as que se exhiben con arrogancia infantil en desfiles, cos seus fachendosos asistentes, entre bandeiras, insignias, saúdos e música de trompetas e bombos. E detrás esa historia que marca fitos de aprender a matarnos, inicialmente a cantazos e a paus, despois creando lanzas, alabardas, puñais, espadas, arcos, catapultas, canóns, aplicando o lume ao terror, fundindo armas de bronce, ferro, aceiro, construíndo carros, tanques, avións supersónicos, portaavións, submarinos... bombas en todas as súas gamas de destrución e o temido armamento nuclear. Sendo así podiamos seguir a aplicar á Historia nomes como os que se lle daba aos períodos da Prehistoria, en función do material co que se facían as armas.
De nada valeu a cruel experiencia das bombas atómicas que aquel 6 e 9 de agosto de 1945 a aviación estadounidense lanzou sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki. Para quedar agora nunha conmemorativa liturxia anual: bater de badaladas e minutos de silencio.
Guerra que atenta contra as columnas fundamentais que sosteñen o humanismo: a igualdade e esa ecoloxía que inclúe aos seres humanos e ao planeta Terra que tanto nos atura.
Informar para formar na Paz, cando a guerra se normaliza como espectáculo
Guerra da que se fai espectáculo para normalizarse a través dos plasmas, coas imaxes máis dramáticas a petar sobre os máis débiles, os que nacen á vida, a nenez, como dos que se despiden dela con tal tristeiro legado, a vellez. Normalidade da anormalidade: todo sobra cando o importante e sobre o que compre incidir é na educación, que nos implica a todos, a cada intre e sempre. Ensino dende as bases, a casa, a escola, os medios que informan para formar, a sociedade... Coa teoría e a praxe no trato de igualdade e o respecto ao medio.
Humus, humano, humanismo a facerse e desfacerse nun xeito de tear de Penélope, entre filosofías, saberes «clásicos», denominados así por atinados, por canto significan de madurez social, comprendendo a inmensidade de cada persoa, de cada individuo, a base da sociedade. Humanismo que é exaltación da razón, dese sentidiño tan enxalzado nesta Galiza sabia, a que tanto aprendeu creando encrucilladas, portos, faros, templos, campas de encontro para a feira, a festa e a romaría... O país que se di que nin sube nin baixa, o que contesta cunha pregunta, o que, entre o ceo e o inferno crea a oportunidade do Purgatorio, o que ten un orde arquitectónico propio, de varal que rompe en chafrán os ferintes ángulos, nin curvo nin cadrado... o confín que sabe crear puntos intermedios, de encontro e tolerancia. Humanismo que convida ao estudo e á práctica de canto implica a relación, como as linguas, a arte, a música... aspectos que definen e diferencian, a cultura. Singularidades que converxen nesa unidade na diversidade: a universalidade, universidade.
‘Guerra e paz’ de Tolstoi, novela que contrasta psicoloxías: arrogancia ‘versus’ humildade
Guerra e paz (1864), título dun clásico da literatura universal, grandiosa obra do ruso Lev N. Tolstoi. Estudo de individualidades e familias, dende a invasión de Rusia por Napoleón. Crítica militar, con opinións sobre a historia, a filosofía, a relixión e a guerra, o enfrontamento entre a Europa occidental e a oriental, Rusia. Acontecer entre a masacre, amores e desamores, choque de egos, de ambicións imperiais... Parándose con detalle na figura dun Napoleón entoleirado polo degoro imperial, considerado polo escritor como o Anticristo. Páxinas insistentes coa inutilidade das guerras, cunha memoria que non debera perderse, debullando preguntas, como a de onde está Deus neste mundo tan amoral? Novela guionizada para a laureada película co mesmo título (1956) dirixida por King Vidor, protagonizada por actores do mellor do seu tempo: Audrey Hepburn, Henry Fonda, Mel Ferrer, Vittorio Gassman... lección ao fin.
Picasso: do ‘Guernica’ ao ‘Templo da Paz’ de Vallauris
Tamén o da Guerra e a paz (1959) é o nome dun templo pintado por Picasso a fin de non esquecer a guerra mundial. Obra realizada sobre as paredes dunha adega abovedada da torre da vila oleira de Vallauris, nas inmediacións de Cannes, considerada como «Templo da Paz». Creación a contrastar con esa inmensa pancarta denuncia da guerra española promovida polo golpe de estado franquista, o Guernica (1937). Obras que supoñen experiencias, apuntes previos, a sumar a moitas outras do creador de formas formado na Coruña, as que cantan á infancia, á maternidade, o mundo da farándula, o Eros, o Thanatos ... e sempre a experimentar, a romper ou reconstruír formas, a provocar a un espectador atufado polo consumo.
Vila provenzal de Vallauris célebre polos seus alfares cos que experimenta Picasso para elaborar xerras, pratos, caprichos que evidencian a capacidade creadora do xenio. Onde entre os temas está ese seu leit motiv aprendido na Coruña, a pomba. A pomba picassiana que será símbolo universal da Paz, a que campa no fronte de devandita capela, como si fora o altar, arrodeada de aura, entre o tema da guerra e o da paz a unha e outra banda. A guerra en grises e negros, como o Guernica, en orde bélico, na mente o 2 de Maio de Goya, agora con soldados robotizados, en formación apuntando con armas sofisticadas, fogueiras de libros, páxinas esgazadas, universo roto, puñais e sangue... en contraste coas cores alegres, marelas, azuis, rosas da Paz, onde os libros se len, se erguen ao ceo e a mocidade danza e fai o amor... Perda que a Coruña, onde o neno Picasso aprendeu a pintar aquelas pombas, en marzo do 2022, mentres a cidade herculina preparaba unha mostra sobre o pintor malagueño, deixara marchar, por compra da Fundación Raimón Noguera, para o Museo Picasso da Coruña, o lenzo de Palomar (1894), ao que Picasso se tiña referido tantas veces e no que axudou ao pai José Ruiz Blasco a complementar aquelas pombas pintándolle as patas, envoltas en si mesmas, peteirando no poleiro. Lenzo que é un icono, que enche un museo alí onde estea, lección da tan necesaria Paz.
Aínda que o críamos imposible, asistimos ao exterminio do pobo de Palestina e da súa historia, para facer da súa terra solares. Tempo o noso de egos campantes, dos e das influencer, xeitos de telepredicación, encamiñados a crear nos máis débiles culturalmente adición, a promocionar marcas, negocios. Falta da ética e de estética, de compromiso pacifista, como a que predicou aquel Gandhy satyagraha. As performances de Yoko Ono & John Lennon, nos días da guerra do Vietnam, co WAR IS OVER (Remata coa guerra) , cantando o himno de Imaxine, encamados... A cuestión radica nesa educación que nos implica a cada intre, que está nesa parte de nós que son os móbiles, os que contribúen e educar ou maleducar.
Suscríbete para seguir leyendo
- Lío en las fiestas de Mariñeiros
- Gala i Ovidio, el dúo formado por la 'tanxugueira' Aida Tarrío y Raül Refree, se estrenarán en concierto en la Romaría de Santa Margarida
- La tragedia en Sevilla pone el foco de nuevo en la seguridad laboral: 'Nos quejábamos, pero nadie hacía nada
- El Dépor le ofrece a Riki Rodríguez cuatro años de contrato
- Cinco restaurantes históricos de A Coruña donde se come siempre bien
- Cuenta bancaria bloqueada por una firma a los casi 100 años de edad en A Coruña
- El dueño de La Intrusa anuncia el cierre del local y su candidatura a la Alcaldía de A Coruña
- Un camión sin frenos se empotra contra un pazo en Bergondo