Opinión | Buenos días y buena suerte
Con Manuel Rivas, na Festa de Amergin
Onte rematou na Coruña unha nova edición da Festa Amergin, en honra do bardo e druída milesio e brigantino, xa saben, que avistaba Irlanda desde a torre de Hércules, e que puxo o seu pé na illa esmeralda tras arriscada travesía, como a do amado Danny Sheehy cos seus remeiros do curragh en sentido inverso, que nos abandonou nas augas de A Guarda, tristemente, non sei se lembran. Amergin conquistou Irlanda non sen antes sufrir tormentas e furacáns desa raza de deuses, os Tuatha de Danann. Pero Amergin cantou a súa invocación, o seu gran poema da natureza, e as augas acougaron.
Disto falamos varias veces, como cando nos visitara Paddy Bushe, o bardo de Kerry, hai unhas semanas, tras recuperarse dunha dura terapia. O mesmo que cando un o visitaba tamén, acompañado de amigos como Antonio de Toro, en Waterville, en Irlanda, o lugar ao que Amergin chegou precisamente cos seus guerreiros e poetas. Irlanda foi rendida por un poema, non por unha lanza. Durante anos celebramos alí o solsticio de verán con fogueiras e música de arpa e de gaita, e poetas excelsos do lado celta, e alí tivemos unha vez a Manuel Rivas, que onte falou nesta Festa de Amergin da súa última novela, ‘Tras do Ceo’ (Xerais), aínda que en realidade falou do mundo convulso e do mal da intimidación, que se estende sobre o pan de cada día.
Foi un acto emotivo na Alexandre Bóveda, cunha audiencia entregada a estas delicias da cultura, que son cultura do pobo. Rivas é un bardo do presente: dime que se move tanto que a súa vida se asemella agora ao parkour. Asina con esa beleza de poeta exemplares de ouro. ‘Tras do Ceo’ é unha novela negra, pero moitas máis cousas. É unha viaxe ao corazón dun territorio natural, á natureza salvaxe e brava que Rivas xa narrou noutros libros.
A novela ten as súas metáforas e as súas ironías, pero Rivas fala de como se envenena o aire e a terra, tamén dos velenos da depredación social, non só a depredación natural. Porque, se falas de Amergin, falas do aire, da terra, do mar. “Tras do Ceo’ é unha psicografía”, di Rivas a este público que escoita fervoroso, “pero é sobre todo unha bisbarra de bisbarras”.
“Tras do Ceo’ está a pasar, lembra Manuel Rivas. “É metáfora desta Galicia, desta Europa, e é metáfora do mundo. Como dicía John Berger, parécese á perda da liña do horizonte: están a nos roubar o horizonte. Vivimos nun novo inferno que é o aire poboado de insecticida, vivimos na intoxicación, pero DDT pode ser tamén o acróstico de Despotismo, Depredación e Terror. Todos os días hai grandes actos de terror no mundo. Mais tamén está o terror semántico, a intimidación a través da linguaxe. E vivimos a amputación da transmisión de códigos entre xeracións: os valores, a sensibilidade, a compaixón. E, no noso caso, a lingua. Walter Benjamin falaba do código que se transmite, como se transmiten as sementes. Hai unha ferida hoxe nesa transmisión, unha grave fenda”, di.
A tarde discorre calorosa e emocionante. Con Rivas, o gran ornitólogo e naturalista Antonio Sandoval. Cos seus ‘Territorios pajareros’. Unha dupla perfecta, Rivas/Sandoval. Toda a tarde ouvimos pasar paxaros. “Xa non escoito o zoar das abellas”, di Sandoval, “falando da contaminación, dos insecticidas”. Porque, engade, “o inferno non é un lugar de berros, senón de silencio. Cando xa non quedan palabras”. Vivimos a morte dos polinizadores. Necesitamos polinizar e ser polinizados. E escoitar a canción dos ríos: “O teu río, na novela, chámase Amerguin”, dille Sandoval. “Si”, resposta Rivas. “Aínda que, en realidade, creo que se chama Ulla”.
Suscríbete para seguir leyendo
- A Coruña aprueba los festivos locales para 2026: así queda el calendario laboral
- Giro en la salida de Barbero, que apunta al Arouca
- Cambios en la estación de bus obligan a modificar el acceso a la intermodal
- El Ayuntamiento blinda el uso dotacional del edificio de las Inmaculadas tras su venta al impulsor del Hilton en A Coruña
- Starbucks ultima su apertura en el Obelisco
- Inditex genera 170.000 empleos en España, 90.000 en Galicia, y abrirá tiendas en Irak
- Cambre dedicará el pregón de sus fiestas a Marcos, el diseñador de 27 años fallecido por cáncer
- Las religiosas de María Inmaculada venden su sede de A Coruña al impulsor del Hotel Hilton y Marineda