Opinión
Estamos feministas
Os exiliados de 1939 permaneceron expectantes e esperanzados no regreso, sen desfacer as maletas, ata o remate da Segunda Guerra Mundial. A partir de 1945 cando a ditadura franquista evita a condena internacional e consegue sobrevivir, o desánimo estendeuse entre os desterrados: Seoane e Dieste desde Arxentina denuncian a soedade e desconcerto provocados entre os exiliados galegos que se senten como «barcos desmantelados no medio da tormenta» ou como «mexidos nunha randeeira incensante», «a-terrados», sen terra de referencia. Tamén desde México, e como consecuencia do seu desánimo, Max Aub, que levaba publicados 30 números da revista unipersoal Sala de Espera (1948-1951), deu por concluída a súa andadura e no derradeiro número da mesma deu en dicir, vista a prolongación do desterro, que o título levaba camiño de converterse en Sala de Estar. Por estas datas a mesma decepción —«siempre nos quedaremos en la orilla de nuestras vidas»— chegou ás costas de Chile onde un grupo de exiliados dubidaba entre «facerse chilenos» (nacionalizarse), «estar en Chile» ou mesmo se fose posible «ser chilenos» tal como nos relata (Desde el destierro. El saber del regreso) o dramaturgo malagueño José Ricardo Morales (1915-2016). Argumentaba este na devandita obra que se realmente canto facemos nos fai —«fago zapatos e fágome zapateiro»— o ter feito toda a nosa obra en Chile ou México non acabou facéndonos chilenos ou mexicanos. Ante esta situación, segue a contar Morales, o gran deseñador gráfico nacionalizado español e tamén exiliado, Mauricio Amster (o autor da celebérrima Cartilla escolar antifascista), dicíalle con ironía «Estamos chilenos...», que era unha maneira de «permanecer sen chegar a ser».
Pois ben, tamén certas institucións galegas desde hai uns anos pretenden ocultar o seu talante oficialista e conservador cun discurso pseudofeminista que non pasa dun simulacro de certos xestos vacuos. Como consecuencia, estes organismos oficiais «están feministas» ante a imposibilidade de «ser feministas». Impídello o seu discurso politicamente correcto e a propia natureza do seu traballo, encargado de oficializar informes, dictar normas oficiais e compartir espazos co poder político, tarefas que fortalecen e avalan a súa complicidade co problema, non coa solución, da liberación feminina. Neste contexto acoutado pola súa propia dinámica institucional non é posible que estas institucións defendan a loita feminista articulada como loita progresista pola emancipación entrelazada co ecoloxismo, antagonismos de clase, patriarcado e misoxinia que manteñen co feminismo unha relación complexa pero inevitable. Polo contrario, desde as nosas institucións oficiais o feminismo non é máis que unha ferramenta ideolóxica do funcionariado académico para reafirmar a súa superioridade sobre as clases baixas patriarcais e intolerentes. Expresa moi ben esta circunstancia o intelectual esloveno Slavoj Zizek (El cielo en desorden) cando define ao «manifestante descafeinado» que denuncia todas as cousas pero privadas do seu sentido crítico; está horrorizado co quecemento global, combate o sexismo e o racismo, é feminista acérrimo pero está sempre no bando correcto. Vende, en definitiva, o mesmo produto que ofrecen os supermercados, unha mercancía desprovista da súa propiedade maligna: café sen cafeína, queixo sen graxa, viño sen alcohol ou iogur desnatado. Esto podería explicar por que as ideas feministas que formaron parte dunha visión radical e social do mundo, refuxiadas en certas institucións estimulan e alentan a promoción individual e a meritocracia. Un movemento que antes priorizaba a solidariedade e igualdade social agora aplaude as mulleres empresarias e políticas. Desde as institucións oficiais e oficialistas, a respecto do feminismo cómpre aceptar a situación, facer as cousas con dignidade e valorar a expresividade do silencio coma unha prudente limitación. Non lle queda outra ás institucións oficiais e oficialistas que apelar ao conservadurismo do sentido común e «estar feministas».
- La empanada de A Coruña que triunfa por su masa y relleno: 'Algunos cogen el coche para venir a por ella
- Caión suma oferta hostelera a su paseo: 'Cogimos el antiguo Asteria con toda la ilusión del mundo
- El 'paraíso de la desconexión' está a 30 minutos de A Coruña y a solo 2 de la playa: piscina privada, restaurante y apto para mascotas
- Inditex consolida en A Coruña sus ocho fábricas, que facturan 1.400 millones
- La coruñesa Vaca Films rueda en Oleiros capítulos de la segunda temporada de ‘Clanes’
- El edificio de San Roque se salva de ser demolido tras casi 20 años de conflicto
- El 88% de los aspirantes a las oposiciones de educación en Galicia, eliminados a la primera
- Luismi Cruz, un fichaje determinante para el Deportivo: 'Puede cambiar el sentido de los partidos»