Opinión | Retallos do labirinto

A sensibilidade de Emilio Cao e o tanxer da súa arpa celta

O pasado 25 de maio do 2025 atravesou as cancelas do Trasmundo, as que pintou Laxeiro, o músico compostelán Emilio Cao. Estudoso e anovador en Galiza da «Música Celta». E detrás del un ronsel de sensibilidade buscando o espírito de Galiza e como non, mirándose no espello do panceltismo, onde Irlanda e a Bretaña teñen tanto que dicir e que moitos souberon aproveitar.

A sensibilidade de Emilio Cao e o tanxer da súa arpa celta

A sensibilidade de Emilio Cao e o tanxer da súa arpa celta

A busca dunha música con identidade galega pérdese no romanticismo e medra naqueles parladoiros modernistas que tiñan lugar en días estivais do Balneario de Mondariz, onde os intelectuais compartían xornadas e sesións de música coas corais máis prestixiosas de entón e das que presumía Galiza... Algo despois o esforzo de retomar a zanfona por parte do avogado e musicólogo de Bande, Faustino Santalices Pérez ( 1877-1960) preocupado pola música e os instrumentos populares galegos, recorrendo aldeas, recuperando saberes, divulgándoos, experimentando, mesmo como construtor de gaitas, de zanfonas... patróns de construción que doou á Escola de Gaitas da Deputación de Lugo. Cantautor que retoma a voz nasal, céltica, os cantares de tralla, de camiño, ao estilo arrieiro, sacando romances e levándoos ao disco, como o de Don Gaifeiros, Camiña don Sancho, Axeitame a polainiña, Cantiga dos cegos, alalá de Padrón... E aquelas súas leccións da posguerra prenderon, velaí, arrancando os anos sesenta as experiencias do membro base de Voces Ceibes Miro Casabella, no 1977 co seu elepé Ti Galiza, retomando o xeito do canto do cego para aplicalo ao desacougo daqueles anos grises da ditadura.

E como xa vello referente a Irlanda independente, a que afianza esas súas raiceiras célticas no idioma gaélico, nas tradicións, nas danzas, entre ese rico imaxinario de monstros, bosques, fontes, heroes, santos, milagres, e sobre todo nesa música nostálxica que lle pon banda sonora a paisaxes e paisanaxes, onde a gaita ri ou chora. Onde se representa, tras algún dos monumentos megalíticos, dunha fogueira ou dunha fonte, aos barbados e vellos poetas bardos, vestidos de ampla túnica branca, coroados de acivro e visgo, tanxendo a arpa.

O instrumento musical da arpa, dun xeito ou doutro, xa era coñecido no oriente, en Asia, África, esenciais en Exipto, en Grecia mesmo en tempos da Idade do Bronce das Cícladas, como proba a escultura do arpista de Keros, e cada pobo vaille pondo ao instrumento da arpa os seus aportes e sacando músicas identificativas.

A arpa apelidada «celta», semellante á lira grega, pero aquela con táboa de resonancia máis ancha. Aquel instrumento de corda, sen pedais a diferencia doutros, velaí a arpa que, aínda estando datada no sc. XIV o mito de Irlanda atribúe ao seu emperador do ano 1000 Brian Borou: xoia de 29 cordas de metal, para pulsar, orixinariamente feitas de tendóns de animais ou febras vexetais... enmarcadas en esa característica forma arpada, feita de madeira de nogueira e vido, a que se conserva, como reliquia, na antiga biblioteca do Trinity College, onde tamén se mostra o Códice Kells, outro dos símbolos que reforza o celtismo cristián, escrito e debuxado con esa súa caligrafía inspirada no saber das cordas e da cestería. Símbolo da arpa que campa acuñada no reverso da moeda do euro irlandés.

A arpa bárdica ou irlandesa, en orixe é de non máis de 75 cm de altura, si ben as galesas superan en pouco o metro, de afinación diatónica, con cordas metálicas, nun corpo de madeira, quizais de nogueira, labrada cos enxebres cordados e no remate quizais a cabeza dun inspirador monstro.

O bretón Alan Stivell, referente na nostálxica música de arpa celta

No panorama «céltico bretón», dos anos setenta, tan vixiado polo centralismo francés é sobranceira e referente a figura do músico Alan Stivell Cochevelou (1944), de familia bretoa emigrante a París. Neno que dende os cinco anos aprende piano e pouco máis tarde o pai ponlle nas mans un arpa, para comezar a furar e enredarse no labirinto do rico folclore panceltista, indagando, estudando, experimentando, divulgando...

Emilio Cao, naqueles rebeldes anos sesenta na súa Compostela natal, está atento ao acontecer bretón, busca as esencias «celtas» interesadamente negadas na mesma universidade franquista de Galicia, para contrariar as teorías de Cuevillas e dos de Nós, e faino, inicialmente co membro do grupo Brétema, nome que xa di moito de si. Despois Emilio Cao sumarase aos cantoautores de Voces Ceibes, lémbroo cantando, como un novo bardo, a historia dun home solitario en Montefurado... para singularizarse radicalmente. No camiño atopa coincidencias con Alan Stivell, o que no 1967 saca o disco Renaissance de la Harpe celtique. Debo dicir que daquela xa caeu tal vinilo nas miñas mans, música moi acaída ás mensaxes da Galiza ceibe, como para, no 1972, dar unha das miñas primeiras conferencias sobre o tema O Renacer da Arpa celta no Colexio Maior San Clemente. No 1979 Alan Stivell sigue e reforza o tema céltico cun novo disco Grands succes, sobre temas coa nostalxia dos paraísos célticos perdidos, montañas, fontes, reis... o océano, o bosque de Brocéliande, as illas asolagadas...

A Irmandade con Eirín prende de raigaña en Emilio Cao, sendo reclamado polo forte asociacionismo cultural daqueles anos, pola emigración galega, como tamén era solictado Amancio Parada... Emilio Cao no 1977 saca Fonte do Araño, elepé con portada inspirada en xeométricos motivos celtas, coa árbore no centro: raiceiras na terra e follas ao sol... Capa deseñada por Xosé Díaz. No interior con texto de presentación do mesmo Alan Stivell, algo que considera un honor que entende como unha ponte entre a Galiza e a Bretaña, pobos na encrucillada celta e latina, sentíndose satisfeito ao ollar que os galegos, fronte a tantas formas de colonialismo opresor reivindican as súas raiceiras céltica, para «defender a súa personalidade nacional fronte a España». Insistindo no humanismo e na harmonía da herdanza céltica. Disco que inclúe a xenial Pandeirada de Nebra, de ancestrais raigañas, así como Na noite do San Xoán, Chegando ao Caurel, Mentres ela fía, Arrieiros de Moraña, No Campo da festa, Romance de Bernardiño e Sabeliña, Baixaron as fadiñas e As gaivotas sobre nós... Disco no que, ademais, participa coa frauta Bernardino Martínez, Xosé Ferreiros con gaita e percusión, Antón Seoane coa zanfona e Xan Piñón coa guitarra eléctrica. A influencia da galesa Elsie Thomas tamén se deixa sentir, mentres no ambiente musical síntese o florecer dos cantoautores portugueses, encabezados por José Afonso, a reivindicación das identidades, o ser na globalidade, comeza facerse sentir.

A voz do bardo, cantando sentimentos, cabalga sobre o vento, sobre os ronseis da mar...

Os versos de Rosalía, de Manuel Antonio, de Suso de Toro, de Vidal Bolaño estarán no repertorio musical de Emilio Cao. Seguirán temas como A Lenda da Pedra do Destino (1979), No manto da auga (1981), Amiga Alba e Delgada (1986), Cartas Mariñas (1992, reedición), Sinbad en Galicia, (1996) (Boa-Do Fol, 1998, reedición). Personalidade enraizada no sentir céltico, bárdico, na conxunción fondo forma, enredando paisaxe coa paisanaxe, o humus terreal co ser humano para cargalo de humanismo... con esa voz tan sensible, a que semella non querer molestar para cabalgar e confundirse a cabalo do vento, da brétema ou o mexer das augas. Ben sabía Emilio Cao da significación do Pico Sacro. Anunciando Compostela e as lendas de Lupa... do Monte Faro e das devocións a Venus feira Virxe María, dos areais de Nebra, da lagoa de Carregal, das inspiradores fontes, das penedas do Pindo... Lector da maxia, sabedor das portas que abriu de Fernando Alonso Romero nas relacións atlánticas. Emilio Cao que marca un antes e un despois e xa o sentimos entre os sabios músicos que coroan o verdadeiro Pórtico da Gloria do ansiado paraíso céltico, cabo do fin da peregrinación pola espiral dese Xogo da Oca céltico que é a vida.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents