Opinión
To be or not to be...
Esa é a cuestión desta semana. Ser español ou non selo. Só que para complicar, tamén nos preguntamos: quen é español?, ou que é ser español? En Euskadi, que de identidade van sobrados pero de man de obra andaban sempre escasos, deron ca fórmula perfecta: vasco é quen vive e traballa no País Vasco. Un básico para non liarse. Outro básico, e isto apréndese cos anos, é eludir as conversas sobre política, fútbol ou relixión na cea de Nadal. Aplícase tamén ás comidas dominicais, en especial, se hai cuñados. E, por desgracia (dou fe), nos ascensores.
Dun tempo a esta parte coincido no elevador cunha persoa que ten sotaque sureño. Ata fai uns días dubidaba se da Arxentina ou do Uruguai. A semana pasada souben que non era charrúa cando soltou «aquí necesitan a un Milei como en mi país». (Pois vaia..., pensei). Como nos toca compartir un longo traxecto xa sei que: leva pouco tempo residindo aquí, bota en falla os asados e, por suposto, «sin Sánchez, en España se viviría mejor». Se coincidimos esta semana heille de preguntar pola maleta (se a ten preparada), porque ata pode ser afortunado e, sen o «zurderío», ten un montón de boletos para regresar a esa vida mellor co plan de «remigración masiva» defendida polos socios, e amigos, do seu admirado Javier.
Pero voltando ao «To be or not be...». Cústame entender como se diferencia un español de aquel que non o é. Ou cando desaparece a antiga nacionalidade e se opta pola nova. Como se detecta? Tes que ter oito apelidos españois ou ser español de terceira xeración? Son españois os guineanos nados na antiga colonia africana? E os descentes dun diplomático español na China que casou cunha oriental e deu a luz dous xemelgos nun hospital chinés. Repartimos?, un é da República Popular e o outro de Carabanchel. E cando é fillo único? Haberá que botalo a sortes. A Coruña, que é unha sorte de cidade-estado coma aqueles principados italianos do medievo é un bo exemplo. Se me tatúo un 15003 ou 15006 (Monte Alto ou Os Castros) e vou todos os domingos a Riazor, no verán desfruto da praia do Orzán e de cada sete palabras, unha é «neno» son tan coruñés coma Paco Vázquez?, aquel eterno alcalde da cidade, fillo de pai asturiano. Porque máis coruñés que Vázquez... ninguén o dubidaría!; pero si, se na cidade-estado herculina gobernaran os innomeables, os fillos dos migrantes (a segunda xeración) terían que abandonar a terra da Gran Pita que os veu nacer. Buah neno, que fuerte! E levo asi varios días, dándolle voltas ao asunto. Por sorte, onte, a psicoanalista tranquilizoume: «Vos lo que tenés es sugestión colectiva». Aínda ben.
«Cústame entender como se diferencia un español de aquel que non o é».
Suscríbete para seguir leyendo
- Consulta aquí los servicios mínimos durante la huelga de transportes de A Coruña
- La empresa tecnológica Trison, con sede en Sada, compra la británica Pioneer Group
- Sale a la venta un piso de obra nueva con terraza y vistas a la Ría del Burgo en Culleredo por 242.000 euros
- La huelga de buses arranca sin servicios mínimos en la estación de A Coruña: 'Llegué y me dijeron que no había servicio
- Arteixo expedienta a una gasolinera por un presunto enganche ilegal a la luz
- Devoción en A Coruña por los dulces de convento en la mayor feria de España: 'El año pasado hicimos una hora de cola
- Cientos de personas se reúnen en A Coruña 'baixo o mesmo paraugas' por el Día Internacional de las Personas con Discapacidad
- Zara publica la guía de viaje de A Coruña a ojos de Martiño Rivas: 'Es una ciudad inventada por el mar
