Opinión | Cronistas e corresponsais
O oficio de narrar as guerras (IV): Recepción transatlántica da guerra de España
Malia que había correspondentes de todos os países que cubrían a guerra de España, foron os anglosaxóns —británicos, estadounidenses e australianos— os máis numerosos e os que, como consecuencia, reciben maior atención dos lectores e estudosos do tema actualmente. Interese acrecentado daquela polas expectativas que despertaba na opinión pública a posible deriva dos seus países de procedencia a respecto do conflito español. Obviamente, da mesma maneira que había dous bandos que defendían dúas visións distintas de convivencia na guerra de España, tamén había dous bandos entre os lectores e os periódicos, que elaboraban as noticias de acordo cos seus plantexamentos ideolóxicos. Así o Daily Mail decantouse desde o primeiro momento polos sublevados o mesmo que o The Morning Post. Pola contra o The Manchester Guardian e o News Chronicle, cunha tirada este último que superaba o millón de exemplares, sempre defenderon a causa republicana. Pero nada semellante á guerra da tinta librada na prensa da América hispana de Arxentina, Cuba, México e Chile, verdadeiras trincheiras desde onde se lanzaban furibundos ataques e se deseñaban estratexias ou se eloxiaba ou denigraba aos protagonistas de ambos bandos. Servían de apoio aos golpistas o Diario de la Marina da Habana, o Mercurio de Santiago de Chile, El Comercio en Lima e La Nación en Buenos Aires. Outros xornais mantiveron unha liña editorial prorrepublicana: Frente Popular e La Opinión de Santiago de Chile, Crítica e La Nueva España en Buenos Aires, Pueblo e Noticias de Hoy na Habana, El Machete en México xunto con outras revistas como Mediodía e Carteles (Habana), Mundo Uruguayo (Montevideo), etc. Nóminas que podiamos facer extensivas ás publicacións dos inmigrantes galegos e españois en cada un dos países e que serían encabezadas polas pioneiras crónicas que Luís Seoane publicou no xornal Crítica (1913-1962), a emblemática cabeceira de Natalio Botana (1888-1941) que por volta de 1936 tiña unha tirada de case un millón de exemplares, superando aos todopoderosos La Nación e La Razón. A primeira das crónicas que publica Luís Seoane en Crítica leva data do 31 de outubro de 1936 e está asinada co pseudónimo Conrado Alem en previsión de represalias sobre a súa familia, aínda en territorio galego. As máis de vinte crónicas que conforman a serie levan un titular común, El Terror Fascista en Galicia, e todas elas están ilustradas polo polifacético artista Carybé (pseudónimo de Héctor Bernabó (1911-1997) nacido en Lanús, nacionalizado brasileiro e falecido en 1997 en Brasil) pero apuntadas e inspiradas polo noso artista. Polo demais, as publicación do Centro Galego de Buenos Aires, que se proclamaba neutral, foi o primeiro que izou a bandeira dos rebeldes no edificio da súa sede; todo o contrario das publicación combativas da Federación de Sociedades Galegas que defendeu sempre a legalidade republicana.
Se poñemos o foco nos cronistas enviados a España polos distintos medios latinoamericanos atopámonos cos nomes de ilustres escritores que participan como corresponsais ou como asistentes con representación oficial ao II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura celebrado en Valencia, Madrid e Barcelona en xullo de 1937: entre os 14 representantes de México estaban Octavio Paz, Elena Garro ou Silvestre Revueltas; entre os arxentinos, Alejandro Sux, González Tuñón e Amparo Mon; entre os chilenos, Neruda e Huidobro; de Perú, non faltou César Vallejo. Todos asistiron ao devandito Congreso e os seus relatos controvertidos sobre o mesmo non fan máis que certificar que a guerra de España non é aínda un capítulo pechado porque segue a iluminar a pasión que desperta actualmente. E que comezara coas dispares opinións que suscitou o citado Congreso entre os asistentes, que van desde a mantida por Alejandro Sux no xornal El Mundo de Buenos Aires, na que consideraba a reunión «como un discurso vacío, más deseoso de alimentar su vanidad que de luchar efectivamente por la República Española» ata a entusiástica de Juan Marinello na revista Mediodía da Habana: «[España]… es una herida abierta en el costado más sensible de nuestros pueblos; por eso la adhesión hispanoamericana es de toda intensidad y de todo instante; por eso Madrid ha venido a ser, sin literatura, la capital verdadera de nuestras patrias».
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- Clara González, adiestradora de Arteixo: «En la adolescencia, los perros sienten tanto que a veces olvidan lo aprendido»
- La apertura de la pasarela con acceso para coches sobre la intermodal de A Coruña está prevista para 2030
- El baile de Os Mallos es «la mejor medicina» vecinal
- David Mella: 'Yeremay es todo lo calmado que no soy yo, nos equilibramos bastante
- La Fiscalía recurre la sentencia por la demolición de Casa Carnicero, en Oleiros
- El tiempo en A Coruña: la borrasca 'Claudia' sigue pegada a Galicia
- Un nuevo hito en la construcción del multiusos de Bastiagueiro
