Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña

25 anos informando dende aquí

Pleno da Diputación.

Pleno da Diputación. / LOC

Os 25 anos de LA OPINIÓN son unha gran efeméride. Celebramos nada menos que un cuarto de século de información local. Detrás de cada portada, de cada titular e de cada crónica hai un traballo importante dun equipo de persoas comprometido cun labor importante: contar o que pasa, dende aquí. Contar o que nos pasa.

Vivimos tempos nos que a información é global, inmediata e, moitas veces, confusa. As redes multiplican as voces, pero tamén o ruído. E nese contexto, o xornalismo local segue sendo imprescindible. Porque non hai democracia forte sen unha cidadanía ben informada. E para estar ben informados, non abonda con saber que pasa no mundo: precisamos saber que está pasando na nosa rúa, no noso barrio, na nosa vila.

Por iso é tan valioso o traballo que LA OPINIÓN vén facendo estes 25 anos. Porque ten sido cronista da cidade e da provincia, notario das nosas transformacións, axenda dos nosos problemas e plataforma das nosas reivindicacións, pero tamén das nosas esperanzas. Porque estivo onde había que estar: nos plenos dos concellos, nos hospitais durante a pandemia, nas festas dos barrios, nas protestas do mar e do campo, nos avances da ciencia, nas historias pequenas que falan do mellor de nós.

Na Deputación da Coruña coñecemos ben ese valor. A administración local precisa medios locais que axuden a construír un relato común, que vixíen e fiscalicen ao poder, pero tamén que recoñezan os avances. Medios que conecten as institucións coa cidadanía e que non deixen sen voz aos territorios máis pequenos.

Por iso, neste 25 aniversario, quero felicitar a todas as persoas que fixeron posible LA OPINÓN

A CORUÑA ao longo destes anos: aos seus fundadores, aos seus directores, á redacción, aos equipos de deseño, á xente que atende os teléfonos, que distribúe os exemplares, que corrixe, que fotografía, que opina e que informa. E, sobre todo, felicitar aos seus lectores e lectoras, que día a día fan que o xornalismo local siga vivo.

Oxalá poidamos seguir lendo LA OPINIÓN outros 25 anos máis. Porque mentres haxa xente que queira entender o que lle pasa á súa comunidade, fará falta un xornal que llo conte.

Tracking Pixel Contents