Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Inés Rey, alcaldesa de A Coruña

25 anos de transformación e poder local

Nova estación de Bicicoruña en Puerta Real.

Nova estación de Bicicoruña en Puerta Real. / Iago López

Un aniversario é sempre un convite á reflexión. Cando un medio de comunicación celebra vinte e cinco anos de vida, tamén a cidade que o viu nacer se ve reflectida no seu camiño. LA OPINION A CORUÑA, La Opi, como a denominamos cariñosamente os coruñeses e coruñesas, apareceu no ano 2000 coa vontade de ser un xornal crítico e progresista, aberto á pluralidade e comprometido coa realidade da nosa urbe. Desde entón, as súas páxinas recollen unha historia común: a dunha cidade que se transforma, que evoluciona e que non deixa de mirar ao futuro.

No cambio de século, A Coruña xa se definía como unha cidade pioneira. A rede dos Museos Científicos Coruñeses —Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae— era símbolo dunha cidade innovadora e líder en divulgación científica. Esa aposta polo coñecemento anticipaba un carácter hoxe consolidado coa chegada da sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. Do péndulo de Foucault ao liderado da IA, hai un fío que une décadas de compromiso coa ciencia e coa innovación.

Ao mesmo tempo, a vivenda asomaba como a prioridade política que é hoxe. A urbanización de Mesoiro foi un dos proxectos destacados ao inicio dos anos 2000 co obxectivo de dotar á cidade de novos espazos residenciais. 25 anos despois, é unha realidade chamada Novo Mesoiro. Un barrio con centos de familias, escolas infantís, equipamentos e un tecido veciñal propio. O que daquela era unha aposta de futuro é hoxe un barrio consolidado, con identidade crecente, do mesmo xeito que Monte Alto ou

Os Mallos foron no seu día.

Ese camiño continúa agora con novas áreas urbanas. Xuxán, antes Ofimático, deixou de ser só un proxecto urbanístico para comezar a converterse nun barrio con vida propia, chamado a acoller outros tantos centos de persoas e a dotarse de servizos. Rumbo que tamén tomará Visma, consolidándose como o segundo gran núcleo residencial en expansión. Garantir barrios con servizos e calidade urbana foi un dos grandes retos do pasado pero mantelo e xerar outros novos é non só o presente senón tamén o futuro.

Mais a evolución destes 25 anos non se limita á vivenda. A Coruña transformouse en clave de infraestruturas: o porto exterior en punta Langosteira, o reforzo de Alvedro como motor de conectividade, a posta en marcha da estación intermodal ou a modernización do complexo hospitalario son fitos que marcan o noso desenvolvemento.

Con todo, entenderán que destaque o desbloqueo do enlace ferroviario ao porto exterior. Necesario para impulsar a apertura dos peiraos interiores e a posibilidade de transformar a fachada marítima. Este é, sen dúbida, o gran reto dos próximos 25 anos: definir, con consenso social e visión estratéxica, unha nova relación entre A Coruña e o seu mar, con vivenda, espazo público, equipamentos e actividade económica sostible.

A todo isto súmase un tecido urbano que se foi adaptando ás novas demandas cidadás: máis espazos públicos, máis eventos culturais, máis dinamismo económico. E, sobre todo, unha cidade que soubo facer da súa escala un valor: suficientemente grande para competir en innovación e economía, pero tamén próxima e habitable, con barrios que manteñen a súa identidade e que son a auténtica alma coruñesa.

Desde 2019, teño a honra de ser a primeira alcaldesa da democracia na Coruña. Ese feito non é só simbólico: representa unha cidade que rompeu un teito de cristal e que aposta por unha política máis inclusiva e igualitaria. Nestes anos puxemos en marcha unha estratexia clara baseada en tres piares. O primeiro, os barrios como prioridade: investimentos en equipamentos deportivos, culturais e sociais, creación de novas zonas verdes e mellora de servizos básicos, reducindo desigualdades. O segundo, o cambio na mobilidade, poñendo ás persoas no centro, recuperando espazo público para os cidadáns e dando prioridade ao transporte limpo e seguro. E o terceiro, unha cidade orgullosa da súa identidade e ao tempo capaz de liderar procesos de futuro e transformación como a AESIA ou o desenvolvemento de Coruña Marítima, unha oportunidade histórica que aproveitar.

Hoxe, no 25 aniversario de

LA OPINIÓN A CORUÑA, podemos afirmar que somos unha cidade que cambiou moito, pero que conserva o mesmo espírito inconformista co que naceu este xornal. Unha cidade que non ten medo de transformarse, que sabe combinar a ambición global coa proximidade local. O noso compromiso, como goberno, é seguir por este camiño: avanzar cara unha Coruña máis sostible, máis igualitaria e máis orgullosa de si mesma. Porque o futuro que escribamos —nas rúas, nos barrios, na fachada marítima e nas portadas dos xornais— debe ser sempre un futuro compartido coa cidadanía.

Tracking Pixel Contents