Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Francisco Jorquera, portavoz do grupo municipal do BNG da Coruña

Ambición por unha Coruña líder

Hai agora 5 anos que me asomei a estas mesmas páxinas para realizar un exercicio de prospección e debuxar algúns trazos do que ao xuízo do BNG debería ser A Coruña do futuro. Naquela altura parabenicei a LA OPINIÓN polos seus 20 anos de existencia. Agora fago o propio polo seu 25 aniversario. Un cuarto de século a render servizos á cidade como un medio de comunicación que practica o xornalismo e que —ao mesmo tempo, e como lle corresponde como o axente social relevante que é— participa no debate sobre o que somos como cidade e achega ideas sobre o que debemos ser no futuro.

Naquel artigo —titulado A Coruña 2041: o futuro comeza hoxe— puxen por escrito que o noso porvir o temos que construír entre todas e todos as coruñesas e os coruñeses. E que a materia prima de que dispomos, as potencialidades da Coruña, é excelente. Temos moitísimo bo do que tirar, a clave, escribín daquela e reitero agora, está en que entre todas e todos sexamos capaces de crear as condicións que permitan que A Coruña se exprese en plenitude en todos os ámbitos: o social, o económico, o ambiental, o cultural, o lingüístico...

E nesa tarefa anda o BNG da Coruña, na de partillarmos coas nosas veciñas e os nosos veciños un proxecto de cidade. Un proxecto de cidade que olle o futuro con ambición. Defende Ana Pontón que temos que pensar Galiza en grande. Outro tanto temos que facer coa Coruña.

Unha A Coruña que sexa cidade referencial, líder, no noso país. Líder por potencia económica, líder por potencia cultural, líder pola calidade do seu modelo urbano, líder tamén por, desde o seu ámbito competencial, procurar solucións ao maior problema social co que lidamos a esta altura, as dificultades, enormes, para acceder a unha vivenda digna a prezos razoábeis.

Ese proxecto de cidade ambicioso é algo do que carece o actual Goberno Local. Carece diso, mais carece tamén dunha xestión acaída do día a día, das cuestións que podemos chamar micro, pero que tanto atinxen a calidade de vida das nosas veciñas e veciños: desde a limpeza das rúas e o mantemento dos barrios até a mellora e modernización dos servizos públicos básicos, lastrados por contratos que se prestan en precario, cos exemplos paradigmáticos do transporte público urbano ou o tratamento do lixo en Nostián.

Feita esa diagnose, como forza política ao BNG cábelle a enorme responsabilidade de lle ofrecer unha alternativa de goberno ás nosas veciñas e veciños. Coruñesas e coruñeses que senten a necesidade, así nolo comunican no noso permanente contacto coa veciñanza, de seren escoitados no Pazo de María Pita, de teren no Goberno Local un aliado, de non atoparen nel un muro.

E desde esa responsabilidade continuaremos, no novo curso político que vén de comezar, a construír a alternativa de goberno que esta cidade precisa. Continuaremos a traballar con ambición por unha Coruña mellor, por unha Coruña líder.

Tracking Pixel Contents