Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia

Un cuarto de século ao servizo dos lectores

Mostra ‘A Coruña no tempo’, organizada pola Xunta na Fundación Abanca.

Mostra ‘A Coruña no tempo’, organizada pola Xunta na Fundación Abanca. / LOC

O admirado e sempre recordado Mario Vargas Llosa escribiu, hai xa máis dun década, nunha obra titulada La civilización del espectáculo, que «El avance de la tecnología audiovisual y los medios de comunicación, que sirve para contrarrestar los sistemas de censura y control en las sociedades autoritarias, debería haber perfeccionado la democracia e incentivado la participación en la vida pública. Pero ha tenido más bien el efecto contrario, porque la función crítica del periodismo se ha visto en muchos casos distorsionada por la frivolidad y el hambre de diversión de la cultura imperante».

A prensa galega, por fortuna, constitúe unha excepción, que honra o sector no seu conxunto.

Porque, en efecto, preservar a función crítica do xornalismo tórnase, arestora, como no pasado, unha necesidade esencial para o conxunto da sociedade.

Afirmamos, con frecuencia, que vivimos nunha democracia avanzada, certo; pero non é menos verdade que garantir a supervivencia da democracia esixe a existencia de medios de comunicación plurais e independentes, co rigor e coa obxectividade como sinais característicos. Medios que actúen como contrapeso e mesmo neutralicen outras realidades tamén presentes nos nosos días, como o tratamento frívolo da realidade, a manipulación ou mesmo as noticias falsas que moita xente ten dificultades para identificar.

Hai xa un cuarto de século, un grupo de xornalistas novos —pero moi experimentados— puxeron en marcha LA OPINIÓN A CORUÑA, cabeceira hoxe plenamente consolidada no noso ecosistema mediático, sempre exemplo de profesionalidade e de bo facer xornalístico. Críticos, por suposto, pero afastados de calquera tentación que desvirtúe a misión esencial dun medio de comunicación rigoroso.

Coa cidade da Coruña como epicentro, nada do que sucede nesta urbe ou en toda a súa extensa área metropolitana resulta alleo a esta cabeceira, de lectura obrigada —sexa en papel ou en formato dixital— para calquera que aspire a estar ao día respecto do que acontece nunha das áreas máis poboadas e dinámicas de Galicia.

Nun mundo sometido a cambios acelerados, no cal a dixitalización chega a cada recuncho do planeta e das nosas vidas, e con xente que practicamente só observa a realidade a través dunha pantalla, xornais e xornalistas resultan máis necesarios ca nunca para achegar o contexto e a obxectividade fronte á crispación e á polarización que desde determinados ámbitos se alimenta sen rubor.

É obvio que, ao igual que outros sectores, a prensa en papel atravesou mellores momentos. Sexa pola irrupción de novos soportes ou sexa polos cambios acelerados nos hábitos de consumo, o xornal convencional está en crise. O mesmo se dixo da radio no seu momento, e aí continúa cun público fiel, adaptada ás novas realidades. Hai, por tanto, fundadas razóns para a esperanza, polo que agardo e auguro unha longa vida á prensa escrita, sexa en papel ou en soporte dixital.

Tense dito, e eu compártoo plenamente, que a chegada e consolidación da democracia e a posterior implantación do Estado das autonomías non tería sido posible sen un firme compromiso dos medios de comunicación en xeral, e dos xornais en particular.

O caso galego é un bo exemplo. A autonomía deu os seus primeiros pasos nun clima de indisimulada indiferenza social. Hoxe, unha inmensa maioría das galegas e dos galegos acreditan a utilidade da autonomía para facer máis doado o día a día das persoas.

Este cambio de percepción non é casualidade, senón froito de dúas realidades, diferentes, pero complementarias. Refírome ao sentidiño que caracterizou o proceso de implantación das institucións autonómicas e á xestión rigorosa desenvolvida durante estas máis de catro décadas. E tamén ao compromiso dos diferentes medios de comunicación implantados en Galicia, que desde o primeiro momento entenderon e asumiron as oportunidades que ofrecía o autogoberno. Compromiso, naturalmente, non exento de reproches porque ningunha obra humana é perfecta, nin hai xestor —público ou privado— que non se equivoque de cando en vez e, por tanto, se faga merecedor dunha crítica construtiva.

Na fachada do pazo municipal de María Pita, podemos ler a seguinte inscrición: «Muy noble y muy leal ciudad de La Coruña, cabeza, guarda y llave, fuerza y antemural del Reino de Galicia».

Ao celebrar o primeiro cuarto de século de LA OPINIÓN, facemos votos para que os seus seguintes 25 anos de vida lle permitan, á gran familia deste xornal, continuar servindo con nobreza e lealdade aos intereses dos seus lectores e, por extensión, desta cidade e de Galicia.

Longa vida aos xornais e aos xornalistas!

Tracking Pixel Contents