Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia

25 anos de La Opinión, 25 anos de xornalismo útil

Exposición ‘Galicia, de Nós a Nós’, na Cidade da Cultura. | Cidade da cultura

Exposición ‘Galicia, de Nós a Nós’, na Cidade da Cultura. | Cidade da cultura

A prensa local realizou en Galicia un importantísimo esforzo de renovación nos últimos vinte e cinco anos para ser máis próxima aos cidadáns e máis competitiva. Destacou pola súa maior identificación co país e coa realidade máis próxima, nun contexto en que, cada vez máis, prima a inmediatez nas redes sociais e a rápida transmisión dos feitos. Por riba de publicar unhas novas baseadas en fontes fiables e contrastadas, a función do xornalismo é especialmente relevante hoxe en día, que é contar as noticias dunha forma honesta e verídica.

As páxinas de LA OPINIÓN encarnan ese esforzo, o traballo e a ilusión dun grupo de experimentados profesionais da comunicación. Eles, xunto con Faro de Vigo e El Correo Gallego, son a aposta decidida por Galicia do grupo editorial no que se integran, Prensa Ibérica, e conseguiron estar nun lugar moi destacado, cun crecemento consolidado en audiencia. Sen dúbida, isto é froito do seu pulso firme para informaren coa crítica construtiva que leva á reflexión.

Co motivo da celebración do vixésimo aniversario deste xornal, Francisco Orsini, quen foi o seu primeiro director, escribía: «LA OPINIÓN A CORUÑA fue desde su nacimiento un periódico incómodo, por alumbrar espacios por los que se transitaba entre tinieblas, conexiones entre lo público y lo privado ajenas al escrutinio y la fiscalización social, que abrió nuevas ventanas para oxigenar una opinión pública…».

Permítanme que con esta cita de Orsini, e coincidindo este aniversario xornalístico con outro dunha gran carga simbólica para Galicia como é o 75º aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que acuda ao libro de Paco López-Barxas, Castelao, entre nós. 75 anos despois, no que nos traslada á creación da revista Nós a través das súas páxinas.

Porque nós somos Nós, como dixo Risco, «insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes (...). Cando un do meu tempo dicía Nós, non se refería endexamais aos da súa xeración, nin aos da súa clase; referíase decote a un pequeno agrupamento identificado no pensar e no facer...».

Froito dese inconformismo, nace o 30 de outubro de 1920 o primeiro número da revista Nós, dirixida por Vicente Risco na parte literaria, e nunha segunda etapa, en xullo de 1925, por Castelao na parte artística —se ben é certo que foi moi fecunda a súa achega escrita—.

Como teño dito en máis dunha ocasión, o conxunto da sociedade galega seguramente coñece mellor determinados persoeiros alleos que os pais fundadores da Galicia contemporánea.

Coa intención de superarmos ese descoñecemento e de rendermos un novo e merecido tributo a Castelao, un dos pais fundadores da Galicia contemporánea, presentamos este ano na Cámara galega o libro O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios de Alfonso R. Castelao, do historiador Miguel Anxo Seixas. Nel explícase o proceso de tramitación parlamentaria do Estatuto de Autonomía de Galicia, despois de ser plebiscitado o 28 de xuño de 1936, e a posterior constitución do Consello de Galiza, presidido por Castelao.

Nesta coincidencia de aniversarios, xustamente cando se cumpren 75 anos do falecemento do ilustre intelectual galeguista en Buenos Aires e no ano que a Xunta de Galicia declarou como Ano Castelao, quero lembrar outro fito neste mesmo ano: a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, convertido xa noutro símbolo da identidade de Galicia.

Penso que tan importante é mellorar o coñecemento da nosa historia como é saber e recoñecer unha información diaria veraz que xere espírito crítico na sociedade actual.

Noraboa a todas e todos os que cada día contribúen co seu esforzo desde as páxinas deste xornal a manter informados aos seus lectores desde o irrenunciable compromiso coa veracidade.

Tracking Pixel Contents